Muller normal e Superwoman. Se pescudamos na Real Academia Galega por este sintagma nominal, isto é o que obtemos. Muller: substantivo, persoa de sexo feminino. Normal: adxectivo, conforme á norma, ao que é o mais frecuente ou habitual. Superwoman: Este dicionario online non atopa a resposta. Entón, que é ser unha muller normal? E unha superwoman?
Cómo ser Superwoman y no morir en el intento, de Impulso Teatral, fala da presión social de ser unha muller en pleno 2023. Unha muller normal con traballo, fillos, casa, parella, afeccións e responsabilidades. A peza presenta unha muller abafada polas responsabilidades, unha muller cansa de ser un piar, o centro do universo. Carmen Trueba, actriz e directora da peza, cuestiona a existencia da supermuller, como unha muller que ten que chegar a todo e compracer aos demais para sentirse realizada. O conflito vémolo claro coa primeira aparición de Laura (interpretada por Susana Caralt).
O primeiro que chama a atención é o espazo sonoro que escoitamos no patio de butacas xusto antes do comezo da función: La llorona, de Chavela Vargas xera unha expectativa sobre o espectáculo. Aquí, Superwoman entra en escena presentando o espectáculo como unha sorte de superheroína que recorda a Wonderwoman, co seu vestiario azul, vermello e dourado. Esta, vai ser o fío condutor que acompaña a protagonista, Laura, e serve de transición na viaxe desta. Rompe a cuarta parede, fai partícipe da acción ao público ao longo da peza, e faise presentadora do 1,2 ,3 responda otra vez.
Trueba tamén demostra a capacidade de variar de rexistro ao facer até 4 personaxes diferentes: a psicóloga arxentina, a nai estereotipada, a amiga divorciada e liberada de responsabilidades como contrapunto de Laura, e unha xefa que recorda á Miranda Priestly de El diablo se viste de Prada.
Cunha escenografía minimalista, destaca o deseño lumínico que xoga coas cores frías e quentes para transmitir diferentes atmosferas e espazos en cada escena: o ximnasio, a consulta da psicóloga, a casa da protagonista ou o aeroporto, mais bótase en falta un deseño do movemento escénico que lle achegue dinamismo á peza.
Impulso teatral ofrece unha visión reiterada da muller hiperresponsable onde se saca á palestra o comportamento da mesma dende metade do século pasado até a actualidade. A comparativa faise a través de imaxes proxectadas onde vemos o NO-DO e unha sorte de decálogo que recorda a Guía de la buena esposa promovida polo franquismo nos anos 50. É salientábel a imaxe da muller “moderna”, que é demasiado crítica consigo mesma e coas demais. Imaxe que se ve reflectida dende a primeira escena coa psicóloga até a derradeira escena coa xefa de Laura. Desafortunadamente, esta problemática está (e sempre estivo) á orde do día o cal nos fai sentir interpeladas dende a butaca. O feito exponse de xeito que nos vemos reflectidas na situación e queremos fuxir dela. Pero é a propia protagonista quen reacciona.
A obra remata cunha reflexión simple: Superwoman non existe, non é necesaria. O estrés, a presión auto inflixida, a conciliación familiar, ter unha vida sexual saudábel ou a realización persoal son os retos aos que nos enfrontamos día a día sen necesidade de superpoderes. Normalicemos ser unha muller normal.