ALMAR. O SEGREDO DE ALBERT EINSTEIN E A ESPÍA RUSA MARGARITA
Este sábado 11 e domingo 12 de novembro ás 20:00h estrea no Auditorio Municipal do Carballiño Almar, un texto que recrea a despedida entre dous namorados: Albert Einstein e a espía soviética Margarita Konionkova. Un amor tan profundo e oculto que tardou 50 anos en saír á luz a través das cartas de Einstein a Margarita, poxadas en Londres en 1995. Nin sequera nos voluminosos informes do FBI sobre o gran científico apareceu esta relación íntima.
Almar é unha obra do dramaturgo soviético-ruso Alexander Gelman, dirixida por Raúl Rodríguez e interpretada por Josi Lage e Gabriel Prada.
Almar aborda a intrahistoria daqueles anos da primeira bomba atómica, a través da relación entre Albert Einstein e Margarita Konionkova e formula a cuestión de como foi posible que o científico máis destacado da súa época, e un dos pais da bomba, tivese unha relación romántica cunha espía rusa e nin o FBI nin o KGB chegasen a ter coñecemento diso. Ademais, na peza tamén se trata o perigo constante dunha explosión global, cuxa esencia é, en si mesma, o punto de equilibrio da paz, ou sobre a tenrura presente na relación de dúas mentes frías ao servizo dos seus países, ou sobre o papel que Einstein xogou na decisión de abrir as portas da enerxía atómica aos intereses belixerantes das potencias.
O texto foi adaptado e traducido ao galego por Camilo Montelongo, a iluminación está deseñada por Bea de Vega e o vestiario é de Cristina Moreira, que tamén figura como axudante de dirección. Almar está producida por Coiracho Producciones e a compañía xa anunciou unha viaxe a varios países de Sudamérica. De momento, dispoñible na estrea do Carballiño o 11 e 12 de novembro ás 20:00h no Auditorio Municipal do Carballiño.