in

Pelotas

Imaxe: Unhas pelotas de coloríns (Greyson Joralemon)
Imaxe: Unhas pelotas de coloríns (Greyson Joralemon)

Tiña un profesor que, cando me daba clase, non me caía ben. E non era culpa súa, era máis ben culpa da materia que impartía, que a min, pois como que non. Así que por extensión, e facendo un exercicio de extrapolación bastante infantil, pero propio da idade, relacionaba a miña frustración coa materia co docente. Un clásico. Chamábase Don Emilio, e aínda pertencía a esa xeración de mestres que levaban o Don por nome e o nome por apelido. E era un gran mestre, tan bo, que un día deume un bo consello: “Pablo, tes que aprender a facerlle a pelota á xente”.

Vale, igual non usou esa expresión, pero era algo parecido e o significado vén a ser o mesmo.

Non sei moi ben como explicar a miña relación con este asunto do peloteo. Así a primeiras podemos establecer unha relación directa co inxusto. Porque un peloteo non é máis que un engano para conseguir algo desprezando ao resto.

Non é unha definición de dicionario, pero ben pode valer.

Cómpre aclarar que o “pelota” e o “peloteado” son o mesmo, sedutor e seducido forman parte do mesmo xogo sucio e teñen a culpa por igual. Certo que é que se tende a celebrar máis a habilidade corruptiva do “pelota”, sendo este unha especie de exemplo pola súa capacidade para conseguir cousas.

Ben, pois o peloteo non é outra cousa máis que outro exemplo de corrupción. É unha corrupción en primeira persoa, pero igual de nociva que calquera outra e que explica moitas cousas. Por exemplo a falta de variedade. É dicir, ver o mesmo e ós mesmos unha e outra vez.

Que o teatro que se fai en Galicia é moito, pero a oferta é moi… “sempre o mesmo”.

O peloteo é un temible inimigo do talento. Non consegue as cousas o mellor proxecto, se non a persoa máis “maja”. Resulta evidente que este país é un gran inimigo do talento. Xa sexa por isto, pola falta de interese, ou porque o noso tecido artístico é un desastre, moita xente acaba por cansar e abandonar a profesión. E logo quedan os mesmos, claro.

Abandonar a profesión! Coñezo tantos casos de xente incriblemente talentosa que decide fuxir deste oficio, que debería significar algo. Pero non, indiferenza. Ignorancia incluso.

O talento xa non foxe, apágase. Porque se non queres ser cómplice do círculo vicioso, tes un problema. Se pretendes que se te valore polo teu traballo e non pola túa persoa, tes un problema. E a xente quere comer, e ter unha vida, e unha familia. E é tan difícil manter a integridade, que a loita acaba por non compensar.

O noso sistema require ser repensado, si. Máis nós, como persoas que son parte de un todo máis grande, debemos reflexionar e deixar de ser pelotas. Porque iso afástanos de ter unha verdadeira sensibilidade artística. E é unha pena.

Pablo Carrera Simón
Latest posts by Pablo Carrera Simón (see all)

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Josi Lage e Gabriel Prada en 'Almar'. Foto: Carlos Ledo.

Estréase ‘Almar’ no Auditorio Municipal do Carballiño

Foto Síbaris Domingo Villar

Síbaris