Chega a Compostela e a Galicia a VIII Edición do D10! Encontro de Formación e Innovación en Circo que a compañía Pistacatro vén organizando dende que cumpriu unha década.
Pistacatro, compañía e produtora de novo circo máis relevante do noroeste da Península, con case 18 anos ás súas costas e traballando polo circo en Galicia, celebra a oitava edición dun proxecto centrado netamente na produción de coñecemento sobre o circo e en convertelo nunha plataforma destinada á mellora e innovación do sector circense en Galicia, en conexión con outras partes do mundo.
Posicionando cada vez un poco máis o proxecto no contexto estatal e europeo, dende Pistacatro procuran dar un paso máis no coñecemento e na investigación coas novas linguaxes nas artes circenses.
Este circo de tres pistas (esferas) pretende ser, un ano máis, un encontro de corte reflexivo e formativo para a comunidade do circo.
D10!, nas súas oito edicións, converteuse xa nun programa para o desenvolvemento do circo contemporáneo e o seu recoñecemento como arte dentro e fóra de Galicia.
D10! congrega artistas e profesionais que se reúnen para afondar en diferentes vías de traballo dentro do sector, á busca da riqueza e da orixinalidade nas dúas formulacións estéticas, así como no seu afán de experimentación e de innovación, e tamén no seu compromiso coa sostibilidade, coa sociedade e os territorios.
Entre o 22 de novembro e o 7 de decembro sucédese, en Compostela, un programa, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais; a subvención do Ministerio de Cultura-Inaem; e os apoios do Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Cidade da Cultura e o Hotel Costa Vella, ao que, un ano máis, se suma tamén a programación do Concello de Santiago de Circo a Escena, dándolle máis significado e visibilidade ao circo contemporáneo. Circo a Escena é un circuíto artístico promovido polo INAEM e desenvolvido pola Rede Española de Teatros en colaboración cos seus espazos escénicos asociados, para incrementar a presenza e visibilidade do circo nas programacións.
O programa deste evento, pasa polo apartado de formación, de exhibición e de debate e reflexión. Nel haberáas seguintes actividades nas diferentes liñas de traballo:
FORMACIÓN
DPasso LAB: Internacionalización e Cooperación transnacional. Obradoiro de Investigación artística e diálogo interprofesional con La Grainierie & Nicanor de Elia
Do 22 ó 26 de novembro. Cidade da Cultura
“Do Físico ao Imaxinario”, con Vivian Friedrich. Obradoiro de Dramaturxia e Linguaxe do Circo
Do 29 de novembro ó 3 de decembro. Cidade da Cultura
“Malabar Orgánico-Deep Malabar” Parte II. Con Stefan Sing. Do 4 ó 7 de decembro. Cidade da Cultura
Charla didáctica con Wes Peden e o sector de malabaristas en Galicia. 29 de novembro. – VIII D10! “A ESCENA”
ESPECTÁCULOS
28 de Novembro: NONSENSE #CABARET DE PENSAMENTO.
Cultivar a suspensión do tempo como o fai un lanzador de machados. Asumi-la traxedia e vehiculala ó xeito do pallaso. Dar un paso atrás para tomar perspectiva, igual que o fai a acróbata antes de dar o salto. Nonsense #cabaret de pensamento continúa explorando a relación entre circo e vida, poñendo esta vez en diálogo a un dos impulsores do Instituto do Tempo Suspendido (ITS), o filósofo Xavier Bassas, á creadora galega, dramaturga e directora escénica AveLina Pérez e á monxa budista Tenzing Ngeyung do mosteiro Chu Sup Tsang de San Amaro, Ourense.
Un espazo para a conversa, a reflexión e con posta en escena de números circenses de artistas galegas que integran o Colectivo Verticalia.
Salón Teatro. 20.00 horas. Prezo da entrada: 5 €
29 de Novembro: RUNA de Amer Kabbani
O artista de circo Amer Kabbani, de orixe catalá e sirio, explora o xénero da autoficción para dimensionar a burbulla de cristal que protexe o seu contexto como europeo racializado, da crúa realidade das guerras.
Salón Teatro. 20.30 horas. Prezo da entrada: 8 €
30 de Novembro: Rollercoaster de Wes Peden
Rollercoaster (montaña rusa) é un solo que usa malabares ultra-modernos e pop-punks para falar sobre como atopar o equilibrio entre liberdade e seguridade.
Salón Teatro. 20.30 horas. Prezo da entrada: 8 €
1 de Decembro: NUS de Cèlia Marcé
Este espectáculo narra a experiencia persoal dunha perda a partir da poesía, a imaxinación e toques de humor para visibilizar, sen complexos, o loito e os diversos xeitos de transitalo.
NUS é unha peza de circo contemporáneo en “solitario” que, a través dun trapecio fixo, un polipasto (sistema de poleas) e a figura dun cabalo, somerxe o espectador nun imaxinario cotián e cru, fantástico e onírico.
Salón Teatro. 20.30 horas. Prezo da entrada: 8 €
2 de Decembro: Veus que no Veus de Cia. Pepa Plana
A compañía de Pepa Plana sempre reivindicou a figura da pallasa e agora presenta os números circenses máis clásicos. Trátase de rir? Si, pero non só diso, senón de falar, xogar e, quizais, morder.
Teatro Principial. 20.30 horas. Prezo: 12 €
3 de Decembro: AMBULANTS de La Fam Produccions
Un pequeno e pintoresco circo acaba de chegar á cidade, despois de percorrer centenares de quilómetros cos seus carros cargados de maletas e baúis. Ninguén sabe de onde veñen, pero contan que entre os seus membros están algúns dos máis virtuosos artistas do espectáculo. Artistas e músicos montan e preparan en directo toda a escenografía para a función. Espectáculo de Circo para toda a familia
Auditorio de Galicia. 18.30 horas. Prezo: 3 €
REFLEXIÓN: Circo-Cafés
Mesa redonda Xeneracional: É determinante a idade para dedicarse ao circo? Estase máis en forma con 25 que con 50? Axuda o paso dos anos á técnica? Que ferramentas temos para afrontar o paso do tempo como artistas de circo? Como nos coidamos e como medramos para seguir dedicándonos ao que nos apaixona? O circo é moi amplo e cada persoa un mundo (ou moitos), pero hai algo que nos atravesa dun xeito transversal: o paso do tempo e as súas consecuencias físicas, mentais, emocionais e sociais. Unha visión dende as experiencias para reflectirnos e medrar como colectivo.
Identificando patróns: Xerar dende a Igualdade e a Disidencia. É prioritario tomar conciencia de que os roles sociais que xogamos e as linguaxes coas que nos expresamos nas creacións forman parte de toda unha serie de patróns arraigados socialmente. Faise imprescindible un cuestionamento do que entendemos como normativo ou normal e unha ruptura con canons xa establecidos, se está no noso desexo situar ó circo como referente cultural fundamental.
Como facer un Circo máis sostible. Abordar xiras, materiais e adestramentos cun compromiso co planeta, co entorno e cos coidados.