in

O CDG abre ao público o proceso creativo da peza ‘Vai e ven’

Poderá verse unha mostra desta coprodución con Irlanda e Gales hoxe no Salón Teatro

Avelino González reducida

O Centro Dramático Galego (CDG) e os teatros nacionais en lingua irlandesa (Fíbín – An Taibhdhearc) e galesa (Theatr Genedlaethol Cymru) están a sentar as bases creativas para a futura coprodución do espectáculo Vai en ven, Teacht Agus Imeacht, Dod Ac Mynd, nunha colaboración que nace en paralelo ao proxecto europeo Phone para a posta en valor das linguas minorizadas a través das artes escénicas. Con tal fin, Vigo e Santiago de Compostela acolleron estes días dúas das residencias artísticas desta creación, a cargo do actor galego Avelino González e da irlandesa Caitriona Ní Dhomhnaill, co apoio de Steffan Donnelly, director artístico do Theatr Genedlaethol galés. A mostra da creación en proceso poderá verse hoxe, 28 de novembro, ás 20.00 horas, no Salón Teatro do CDG, en Santiago de Compostela.

Danlle así continuidade ao traballo iniciado na estadía que tivo lugar entre o 10 e o 19 de novembro en Irlanda e que foi amosado na sede do Taibhdhearc en Galway no contexto do Ceangal, un encontro que reúne profesionais de Irlanda, Escocia e Gales que traballan arredor do teatro en linguas celtas desde diferentes ámbitos artísticos e académicos. Nesta ocasión, a iniciativa abriuse a Galicia a través da mostra deste traballo en proceso e da participación de Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, quen compartiu cos asistentes as diferentes accións que a compañía pública galega está a desenvolver ao abeiro do proxecto Phone.

Este intercambio supón, á súa vez, un novo avance no proceso de internacionalización do teatro galego por medio da unidade de produción teatral da Xunta, que busca “tecer lazos culturais con entidades promotoras das culturas celtas e recuperar, neste sentido, a antiga aspiración da Xeración Nós de nos conectar con Irlanda, Escocia, Gales e Bretaña”.

En paralelo, avanzan os traballos ao abeiro do proxecto europeo Phone, liderado pola Xunta de Galicia xunto a nove socios internacionais co obxectivo de contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística de Europa, conectando as persoas a través do teatro. A iniciativa, na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa de xeito transversal a través dos seus departamentos de Política Lingüística, Cultura e Industrias Culturais, con especial protagonismo do Centro Dramático, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas minorizadas, que prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vinculadas ao mundo teatral.


Publicidade

Neste marco, a compañía institucional galega está a producir tamén a montaxe coa que conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario e para o que conta coa dramaturxia de Xacio Baño e Tamara Canosa, baixo a dirección artística desta última.

Así mesmo, Rafael Rey está a dirixir pola banda galega un espectáculo comunitario en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e co apoio da Dirección Xeral de Cultura. Dentro das actividades do Phone, a semana pasada tivo a oportunidade de participar nun encontro celebrado en Londres xunto ao resto dos responsables escénicos dos teatros asociados cos que se está a construír a montaxe internacional que verá a luz en 2024.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Rollercoaster'. Foto: Fahimeh Hekmatandish

Chega a Compostela a VIII Edición do D10! Encontro de Formación e Innovación en Circo

Investigación Teatral sobre a Identidade de Xénero. Imaxe de Nauta teatro.

A compañía Nauta arranca unha investigación sobre a identidade de xénero