in

Crítica, dramaturxia e cuestións de pel

'A farsa' (1968) de Laxeiro. Colección ABANCA. Foto: Afonso Becerra.
'A farsa' (1968) de Laxeiro. Colección ABANCA. Foto: Afonso Becerra.

Nunca chove a gusto de todos, di o refrán. E leva boa razón. Hai tempo, un dramaturgo galego expresaba nas súas redes sociais unha sorte de queixa, respecto á desaparición da crítica teatral. No ámbito da literaria e doutras artes, nun xornal estatal, tamén aparecía un artigo no que se afirmaba que xa non había crítica que criticase e analizase ofrecendo perspectivas de disensión ou poñendo de relevo aspectos controvertidos.

Quen tivemos a materia de Crítica teatral na nosa formación de Dirección escénica e dramaturxia, sabemos que a propia capacidade para describir e interpretar o que acontece nun escenario e na platea, ou sexa nun teatro, xa é, de por si, unha vía de coñecemento. Básico: se somos capaces de describir o que nos pasa, xa sabemos algo. Agora ben, hai moitos factores que inflúen e modulan o noso xeito de ver e de interpretar, igual que hai moitos factores que inflúen e determinan os nosos gustos. Entre eles, por suposto, as filias e as fobias, o “rollo grupi”, as comenencias, e as tendencias ideolóxicas. O máis difícil sempre é a procura da ecuanimidade, do equilibrio, e tamén de poñerse nos zapatos dos demais. Igual que tamén é importante, cando imos ver un espectáculo, relaxarnos e desfrutar, ou dito doutro xeito, situarnos cunha predisposición aberta ao xogo, alén dos nosos prexuízos (porque todas as persoas temos prexuízos respecto á vida, ao teatro, á danza, ao circo, etc.).

Por suposto, a formación teórico-práctica e o estudo, respecto á materia sobre a que imos escribir, axuda. Pero tamén é certo que calquera persoa que saiba escribir, que saiba redactar, desenvolver uns pensamentos e unhas argumentacións, despois de ir ver un espectáculo, pode dar conta do que veu e de como foi a súa experiencia. Por que non? Todas as achegas e todas as lecturas sobre espectáculos son enriquecedoras, sempre e cando se fagan respectando o traballo de todas as persoas implicadas no feito escénico, desde as artistas até as programadoras, pasando pola propia colectividade que denominamos público e cuxa reacción, se callar, non é a mesma que a de quen escribe o artigo.

Alén diso, a crítica é unha das funcións da dramaturxia, da enxeñaría dos espectáculos, tanto no que atinxe á creación/produción como á recepción. Levo máis de vinte anos exercendo esa función da dramaturxia que, segundo Gotthold Ephraim Lessing (1729-1781) – o pai do concepto dramaturxia e de todas as súas funcións – consiste tamén na crítica como análise do feito escénico. Unha dimensión fundamental do oficio da dirección escénica e da dramaturxia, xa que a crítica non só é algo externo sobre unha obra de arte rematada, senón que, sobre todo, debe exercerse durante o proceso de creación, para enriquecelo e ampliar todas as súas dimensións. Nas denominadas artes vivas, esa función adoita ser asumida pola dirección escénica e/ou repartida entre todas as creadoras/es que compoñen a equipa artística. Ás veces, á dramaturxia, de maneira case eufemística, chámaselle “mirada externa” ou algo polo estilo.

Nestes máis de vinte anos escribindo sobre centos de espectáculos diversos e aprendendo ao pensalos e analizalos, decátome, ademais, de que ese exercicio é importante para ofrecer testemuños dunha arte que é efémera. Por tanto, escribir sobre espectáculos colabora na produción de coñecemento e dunha teoría das artes escénicas, que pode iluminar os propios procesos de creación, colabora na difusión e publicidade dos espectáculos obxecto de recensión, e promove a memoria, contribuíndo á escrita dunha historia do feito escénico.

Porén, malia estas virtudes, a crítica choca con moitos obstáculos que sería longo enumerar. Un deles, evidentemente, ten que ver co contexto socioeconómico, cultural e artístico no que se dá. Por exemplo, non debe ser o mesmo facer crítica en Broadway ou no West End londiniense, onde hai un sistema empresarial potente, tanto no sector escénico como no dos medios de comunicación, ca facer crítica en Galiza, onde o 99,9% das veces escribimos gratis, por militancia e por aprender facendo, e onde o sector escénico tamén é precario. Aquí, desde o meu punto de vista, a crítica debe axudar e colaborar dun xeito activo co sector escénico, tentando poñer de relevo os aspectos máis positivos dos espectáculos, e, como xa citei, axudar a difundilos, a crear coñecemento a partir deles, e a deixar testemuños da súa existencia, en pro da súa memoria, do arquivo dese patrimonio inmaterial da nosa cultura.


Publicidade

Non obstante, iso non implica ter que comungar con rodas de muíño ou facer a vista gorda respecto a imposturas, clixés inconscientes, discursos que se venden por avanzados e orixinais e que non son máis ca repetición ou a copia ruda doutras obras, escenas ou pasaxes que pretenden o que non conseguen – o pretensioso – ou que, simplemente, son produto do oportunismo e da axenda mediática e mercantil, pero que se presentan como outra cousa, etc., etc.

Cal é o problema, se é que se lle pode chamar problema? Pois que calquera opinión razoada, argumentada, sopesada e respectuosa pode colidir con outras opinións na dirección contraria, ou incluso con quen non quere ver nin aceptar a máis mínima disensión ou puntualización. Iso non é de estrañar, porque as artes escénicas nunca nos deixan indiferentes. O seu punto forte, respecto a calquera outra arte, é o xeito que teñen de afectarnos a moitos niveis conscientes e inconscientes, ideolóxicos e estéticos. Ir ver un espectáculo é, dalgún xeito, como ir a un encontro amoroso. Por outra banda, quen fixemos ou participamos en espectáculos sabemos, por experiencia, toda a ilusión e toda a implicación, non só profesional, senón tamén persoal, que hai que poñer para que un proxecto saia adiante e chegue a estrearse. Iso, en Galiza, é case unha heroicidade. Por iso non é de estrañar que, despois, se escribimos un artigo e sinalamos, entre os moitos aspectos loables, que hai algún aspecto que non funcionou por hache ou por be, podemos encontrarnos con que nos chame a compañía para ameazarnos, como lle aconteceu a unha colega, que decidiu deixar de escribir sobre espectáculos porque non quería volver a encontrarse en semellante situación, despois de telo feito por amor á arte; ou que o director nos insulte e nos falte ao respecto nas redes sociais, como lle aconteceu a outro colega, aínda que no seu artigo todo estivera moi argumentado e coidado para non incorrer en faltas de respecto; ou que persoas anónimas, escondidas baixo pseudónimos e en perfís baleiros das redes sociais, envíen queixas furibundas, cada vez que se publica na revista que dirixo desde novembro de 2020, a erregueté | Revista Galega de Teatro, algunha crítica na que non se concorda con algún aspecto do espectáculo do que se dá conta, por exemplo, a posible homofobia dun sketch. Curiosamente, hai ben pouco, un deses avatares ou perfís dixitais, que enmascaran persoas, queixábase nunha das redes sociais da revista porque lle eliminamos un comentario no que atacaba persoalmente á colega que escribira un artigo. A cuestión é que nós non imos tolerar o intolerable e acreditamos na igualdade. Por tanto, calquera opinión é benvida, sempre que se faga co mesmo respecto e espírito construtivo co que tentamos facer os nosos artigos, e sempre que se dea a cara, igual que a damos nós. Se eu escribo un artigo sobre un espectáculo e o publico con nome e apelidos, ti podes retrucar, sen faltarme ao respecto, e facéndoo tamén con nome e apelidos: esa é a liberdade de expresión. Ocultarse denota censura, covardía, etc.

Pero, incluso, nos podemos encontrar con  xente, nomeadamente da profesión – e logo son os primeiros en querer que se escriba sobre o que fan, porque facer algo e que ninguén escriba nada tamén é ben triste – que teñen ironizado, en plan cínico e burlón, sobre outro colega, porque resulta que escribira un artigo sen poñerlle ningunha tacha a un espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), dándolle a entender que era un lambecús ou un vendido, porque xa se sabe, o CDG non é de todas as persoas, non é unha institución pública, é dun partido político e hai que fundilo, léase, por suposto con ironía. Ou, por se hai alguén que le ao pé da letra e non captou, polo que sexa, o dobre sentido: hai quen pensa que ao CDG, faga o que faga, hai que darlle caña. Cousa que, obviamente, é totalmente tendenciosa e afastada da ecuanimidade que debería ser a nosa guía. Total, que aquel colega, tamén desistiu de seguir escribindo sobre o teatro galego, farto desas chanzas, cando, aínda por riba, o estaba facendo de balde.

No meu caso, nestes máis de vinte anos escribindo sobre espectáculos, tiven moitas máis experiencias positivas ca negativas, e aprendín o que non está escrito, ou sexa, moitísimo! E nunca pensei, nin penso, deixalo. A dramaturxia gústame demasiado como para deixar de exercela polo díxome díxome. Ademais, con esa parte da dramaturxia que consiste en escribir sobre o feito escénico, como xa sinalei, tamén se poden mover os marcos e facer que algunhas cousas, aínda que sexan pequeniñas, vaian mudando.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reunirase con representantes de salas escénicas galegas de titularidade privada. Foto: Xoán Crespo.

Aumentou nun 56%, en 2023, a programación das salas privadas de artes escénicas de Galicia

Babá Bebé. A Xanela do Maxín. Galicreques 23

Maxia en movemento