in , ,

Maxia en movemento

Crónica do Festival de Títeres do Carballiño e do Galicreques 2023

Babá Bebé. A Xanela do Maxín. Galicreques 23
'Babá Bebé', da compañía A Xanela do Maxín, no Galicreques.

O Festival de Títeres do Carballiño 2023 celebrou o seu 15 aniversario cunha chea de actividades entre representacións, obradoiros para a cativada e a merecida homenaxe de UNIMA Galicia a unha muller pioneira dos títeres, Ana Isabel Rodríguez. Durante varios días, a vila do Carballiño converteuse no epicentro da expresión artística titiriteira, sendo un escaparate da diversidade e da orixinalidade no mundo do teatro de obxectos. As compañías de teatro de títeres Fantoches Baj, A Xanela do Maxín, Títeres Alakran e Mircromina Títeres, cada unha co seu propio estilo e enfoque, mostraron unha ampla gama de técnicas e estilos, o que fixo que cada actuación fose atractiva, única e irrepetible.

A Pita Xefa. Títeres Alakrán. Carballiño 23
‘A Pita Xefa’. de Títeres Alakrán, no Festival de Títeres do Carballiño 2023

Un dos aspectos máis notables deste festival foi a resposta do público. Tanto as nenas e nenos como as persoas adultas encheron o parque municipal do Carballiño e o espazo escénico do Casino, para ollar as representacións e participar nos obradoiros. É interesante ver como a través das exposicións de  diferentes temáticas, as familias inician diálogos e comparten experiencias que enriquecen ás cativas e cativos que teñen a sorte de contemplar esta maxia teatral.

Iniciou o festival Fantoches Baj co titiriteiro Inacio Vilariño contando unha historia creada a partir do libro de viaxes “Galicia” de Fernández del Riego, figura homenaxeada nestas Letras Galegas 2023. “A viaxe feliz de Ramón Sanfiz” conta que despois de deixar dúas pedras no amilladoiro de Santo André de Teixido, Ramón Sanfiz, alter ego de Fernández del Riego, percusionista na Rondalla Mindoniense do Pallarego, preséntase ante a xente alí reunida e descríbelle o seu proxecto de viaxar en triciclo desde a súa vila natal Lourenzá ata Teixido representando pezas do rico patrimonio inmaterial das vilas do camiño. Para elo sérvese de instrumentos musicais tales como unha caixa de música, un pandeiro ou un “talking drum” e de obxectos como marionetas, un cartel de cego ou un kamishibai. Elementos que leva no seu triciclo e que vai sacando ao tempo que vai relatando os lugares polos que pasou na súa travesía a Santo André e que darán pé aos contos, cancións, lendas e romances deste rico camiño cultural que cruza a Mariña e que remata na serra da Capelada.

A viaxe feliz de Ramón Sanfiz. Fantoches Baj. Carballiño 23
‘A viaxe feliz de Ramón Sanfiz’, de Fantoches Baj, no Festival de Títeres do Carballiño 2023.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Publicidade

 

A seguinte xornada no Carballiño foi protagonizada por Celtia Figueiras que desde súa compañía A Xanela do Maxín puxo en escena, coa técnica de títere de mesa, “Lúa quere viaxar a… Marte!”, a historia dunha gata chamada Lúa que quere ser astronauta e fai todo o posible para conseguilo, malia todas as dificultades coas que se atopa. Unha obra na que se fai fincapé na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres en todos os eidos.

Na terceira xornada Títeres Alakrán, con Borxa Ínsua, presentou un novo espectáculo baseado na obra gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2021) “A Pita Xefa” autoría de Marta Lado, quen tamén fixo a dramaturxia e estivo presente na estrea. O espectáculo conta cunha orixinal posta en escena representando en forma de pirámide un galiñeiro, onde as pitas son a base e o galo a cúspide opresora. Unha das pitas protesta e comeza unha revolución, derrocando ao Galo e logrando substituílo como a nova xefa do galiñeiro. Empregáronse títeres de mesa, e tamén se inclúe unha escena cunha marioneta de fío, técnica na que Borxa é un mestre, executando un clásico número de malabares de “galiñeiro”.

Para pechar o festival tiveron lugar dous actos. O primeiro foi Mircromina Títeres con Tom Arenas que representou “Raio de Loubicán”, un espectáculo que a través dun narrador-presentador, introduce personaxes que executan diferentes destrezas, como Antolín o Bailarín, que puntea unha canción suspendido desde unha cruceta a ritmo de muiñeira. Tamén temos a Veciño perseguindo e vixiando ao can Linquecho, contado a partir da técnica de luva. E para finalizar, Tom presenta a Raio The Loubicán, que é un can moi peculiar que fala a través da técnica de palleta Napolitana.

O segundo acto foi a homenaxe realizada por Unima Galicia a unha das persoas pioneiras na arte dos títeres na nosa comunidade, e descoñecida para a maioría das profesionais das artes escénicas xa que non chegou a facer dos títeres a súa profesión. E non é por falta de talento, xa que no ano 1974, en pleno réxime franquista Ana Isabel Rodríguez, estudante de maxisterio, recibiu o encargo por parte da asociación Avantar do Carballiño para a creación dun grupo de títeres coa intención de recuperar o idioma galego nas artes escénicas. E así foi como Ana escribiu  as  obras,  deseñou  os  personaxes  e,  a  partir  das indicacións dun  libro, mesmo os construíu para manipular coa técnica de luva. Amais, formou a outras persoas afíns a Avantar e xuntas realizaron infinidade de actuacións, algunhas memorables coma no primeiro encontro para profesorado que se realizou en Allariz. Tamén representaron por aldeas ao estilo Dieste, levando o teatro onde nunca viran, co lema que rezaba nun cartel pendurado no teatriño “Por un teatro en galego”.

Ana Isabel Rodríguez. Títeres Avantar (1974. Carballiño 23
Ana Isabel Rodríguez, no Festival de Títeres do Carballiño 2023

A homenaxe realizada como acto de clausura do festival, consistiu nunha lembranza das súas andanzas cos títeres, e unha representación dun dos seus textos “O tesouro da Bruxa pelona”. A propia Ana Isabel construíu os novos títeres e elementos escenográficos e xunto coa colaboración das socias e socios de Unima Galicia Inacio Vilariño, Alba Grande, Celtia Figueiras, Tom Arenas, Borxa Ínsua e un servidor, conseguiuse recuperar escenicamente unha das primeiras expresións títiriteiras en galego despois de que, na fin dos anos 60 o afamado personaxe Barriga Verde da familia Silvent deixara de representarse. Indicar tamén  que a propia Unima Galicia en colaboración co Seminario de estudos Carballineses e a Xunta de Galicia, publicará un libro cos textos escritos por Ana Isabel, amais unha poética de como facer e representar con títeres, e cunha chea de fotos que ilustran perfectamente eses primeiros momentos dunhas novas artes escénicas en galego.

2ª edición do Galicreques

O Festival Galicreques, organizado pola asociación Barriga Verde, celebrou a súa 28ª edición neste ano 2023 ofrecendo máis de sesenta funcións repartidas entre teatros, rúas, centros socioculturais, funcións escolares ou extensións a outras cidades como a Sala Gurugú na Coruña. Tamén se realizaron talleres como o “obradoiro infantil de monicreques con material de refugallo” a cargo da asociación cultural Citania Escénica, e o “taller para crear o teu monicreque de dedo” coa compañía El Trastero de Lula; ou a presentación do libro “Titirigrafías Transhumantes. Cara un panorama del teatro de títeres en Chile”  dos autores Laura Mac Laughlin e Enrique Crohare Niño, da compañía Arriba las Hu! Manos (Chile). Sinalar as moitas estreas que se levaron a cabo Galicreques 2023 de compañías consolidadas como Panta Rhei (Euskadi) con “La osa estelar”, Monstres (Francia) coa “Mort aux vipères”, La Estrella (C. Valenciana) “El gato con botas”, ou a galega A Xanela do Maxín co espectáculo “Babá-Bebé” para a primeira infancia.

O Premio Galicreques 2023 recaeu en Carlos Clemente Martínez Gallego. Carlos leva máis de 40 anos dedicándose ao mundo dos monicreques e do teatro. Participou na fundación da Asociación de Titiriteiros Galegos e de Unima Galiza, ademais de crear a compañía Danthea Teatro (1982) e dirixir a Sala Gurugú na cidade da Coruña. Sinalar que como docente exerceu de profesor de Pedagoxía Teatral na Universidade da Coruña e tamén formou a moitas persoas no eido das artes escénicas desde a súa escola de teatro.

entrega premio Galicreques 2023
Entrega do Premio Galicreques 2023

Finalmente indicar que os festivais de teatro de obxectos, marionetas, títeres e outras formas animadas como o Galicreques ou o Festival de Títeres do Carballiño, son eventos importantes e necesarios xa que fomentan a apreciación das artes escénicas como feito cultural. Son atractivos para persoas de todas  as idades, desde a infancia ata persoas adultas, e permiten que pais, nais e fillas e fillos gocen en familia dunha experiencia teatral única.

Estes eventos contribúen de maneira significativa á cultura, o entretemento, a educación e a creatividade, ao mesmo tempo que apoian a artistas e colectivos locais, e aportan novas visións escénicas programando a compañías de outras latitudes. Rematar expresando a miña admiración polo traballo realizado en prol do teatro de obxectos, títeres, marionetas e outras formas animadas de Ana Isabel Rodríguez (Teatro de Títeres Avantar. O Carballiño. 1974), e Carlos Clemente Martínez Gallego (Danthea. A Coruña. 1982) un exemplo a seguir por todas as persoas amantes das artes escénicas.

Crónica fotográfica

*As fotografías do artigo son tamén de Xosé Vidal, “Topo”.

Xosé Vidal "Topo"

Xosé Vidal "Topo"

José Manuel Breijo Vidal. Doutor en Estudos Literarios e Teatro de Obxectos Galegos pola Universidade de Vigo. Máster en Pedagoxía Teatral pola Universidade de Vigo. Licenciado en Dirección de Escena e Dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Actualmente é director artístico da compañía de teatro infantil A Xanela do Maxín xunto con Celtia Figueiras. Especialista en Etnografía e Folclorismo de Galicia. Conta cuns 50 cursos de formación non formal en diferentes ámbitos artísticos como teatro, música, danza, pantomima, clown e formas animadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'A farsa' (1968) de Laxeiro. Colección ABANCA. Foto: Afonso Becerra.

Crítica, dramaturxia e cuestións de pel

front view books with glasses |

A Agadic convoca unha nova edición dos seus premios de literatura dramática