in

Que Seria

Como sería se tivese sido?

1400 queseria03
'Que seria', de Lara Mesquita. Foto: Joana Calejo Pires

Outra peza dunha artista negra que denuncia o racismo estrutural.

Que preguiza.

Ninguén quere ir ao teatro para que lle chamen racista. Ben, haberá xente que o faga, si?

Eu non. Abúrreme sentarme na platea a escoitar un discurso que xa máis ou menos coñezo.

E se a maioría da xente experimenta o mesmo rexeitamento ca min, para que serve subir unha denuncia ao escenario?

Que Seria?, que se estreou no ET FEST, Espaço do Tempo, en Montemor-o- Novo, é unha peza teatral na que Lara Mesquita nos convida a preguntarnos como sería o mundo se as persoas que gozan de maior privilexio fosen a comunidade afrodescendente.

A obra Otelo, de William Shakespeare, é usada como base do proxecto. Inverte a cor da pel dos personaxes, con aqueles proxectados por Shakespeare como brancos, agora negros, e o personaxe de Otelo, personaxe mouro no texto orixinal, agora branco. No Otelo de Mesquita, os negros compórtanse de forma racista e discriminatoria contra os personaxes brancos. Segundo a autora, con este xesto de inversión busca poñer o foco en como a sociedade trata ás persoas negras e fomentar a empatía da cidadanía con elas. A través da representación que o  público branco experimenta na situación de discriminación e racismo que sofre o corpo do actor branco, Mesquita espera que entendamos mellor a violencia que sofre a súa comunidade a diario.

Pero ostras. Que preguiza.

Sen dúbida ‘Que Seria’ conseguiu enfrontarme comigo mesmo, pero non co meu racismo, senón con como me relaciono co teatro da denuncia.

A inversión na pel dos personaxes de ficción non é nova: Hamlet xa foi negro, tamén o rei Lear, Romeo e Xulieta; e mais aló dos personaxes shakespearianos, nos últimos anos vimos cambiar a cor da pel de Ana Bolena, a raíña alemá Charlotte, Annie, Ariel de The Little Mermaid ou Marie Jane (moza de Spiderman). Un xesto realmente importante á hora de compensar a brecha representativa da comunidade negra nas creacións culturais, pero desgraciadamente colocou no mundo o imaxinario de raíñas negras que escravizan, persoas negras que se comportan segundo estereotipos brancos e, maiormente, personaxes desposuídos dun carácter cultural e contextos propios. En xeral, cuestiono se o xesto de invertir pode realmente facer ben e aportar á loita antirracista; non vexo como contribúe positivamente poñer a xente negra representando historias brancas, cuxa narrativa política e contexto sociocultural é formulada dentro da estrutura racista que se pretende desarmar.


Publicidade

Como espectador profesional tento ver tanto teatro como podo; para manterme informado de onde estamos como sector; saber que novas estéticas se están a propoñer; que temas se están a traballar, etc. Pero confeso que o teatro da denuncia cústame.

O enfoque inicial foi súper poderoso: que pasaría se os negros fosen os privilexiados deste mundo? O poder especulativo é brutal, que futuros socio-relacionais nos vai ofrecer Mesquita dende a súa perspectiva antirracista e negra? Fíxome imaxinar. Pero as miñas expectativas eclipsaron o exercicio que realmente se viría producir diante de nós: unha obra de Shakespeare sobre os celose a vinganza interpretada por actores negros.

A escena de Otelo está enmarcada por dous vídeos escritos polo asistente virtual chatGPT. Mesquita entrevistou a esta intelixencia artificial sobre a historia do racismo e presenta a resposta en formato audiovisual interpretada por unha actriz, sen alteracións. Ambos vídeos son informativos, pero carecen de alma. A artista decidiu non alterar o texto coa súa poética e, en consecuencia, un espectador máis ou menos familiarizado coa historia do racismo, desconecta, porque non achega nada particular. Ademais, dado que Otelo está enmarcado entre ambos vídeos, pecha as posibilidades de interpretación das escenas, limitando a nosa experiencia.

Quizais o momento no que a obra nos achega máis a unha experiencia teatral transformadora ocorre cando inverte unha escena de “blackface”. Durante unha festa, un dos personaxes negros emborráchase, ponse unha perruca loura e pinta a cara de branco coa crema dunha torta; nunha escena posterior outra parella negra escacharán de risa sobre aquel momento. Mesquita consegue tocar a nosa pel e pensamos: se o “whiteface” é incómodo para nós, o “blackface” tamén ten que selo. A eficacia desa escena reside na actuación absurda, hilarante e histriónica dos actores e actrices. Non é só a “cara branca”, senón a intensidade interpretativa e a carga ontolóxica do xesto. A directora é ousada, vai ata o final da escena e non se desculpa por ela.

Fíxome pensar nas películas de Jordan Peele, concretamente na película GetOut. O impulso creativo deste filme é moi parecido ao de Lara Mesquita: cuestionar e expor o racismo, mais diferéncianse na estratexia. Cando fun vela ao cine fun ver un thriller de terror psicolóxico, non unha obra de denuncia. Fun coñecer a ficción dun mozo afroamericano que visita á familia da súa moza branca, de familia moi acomodada, os cales teñen un comportamento cara el compracente de máis e que resulta incómodo e sospeitoso. O discurso antirracista está presente, a denuncia tamén, pero non se explicita, non se nos apunta co dedo, ao contrario, inclúese dentro dunha historia complexa, que nos atrapa. O discurso antirracista está aí, chama por nós, incomódanos, pero sen atacarnos, fainos aliados. E, aínda que coñezamos o discurso, a perspectiva, ao ser nova abre camiños para repensarnos.

Sei que son racista.

Se hai algo que podemos destacar do movemento Black Life Matters é que nos deixou claro que TODOS somos racistas. Escoitámolo mil veces e en mil formatos: nos ‘reels’ de Instagram, en artigos de opinión no xornal, durante manifestacións, comentámolo no bar. Por que recordalo no teatro? Mellor dito, como facelo no teatro?

Nunha conversa coa artista, esta díxome que no seu desenvolvemento artístico ten que pasar por aquí, traballar este tema porque é a súa realidade máis inmediata. Enténdoo e empatizo con ela, eu mesmo precisei abordar a miña identidade de xénero e sexual nun momento anterior da miña carreira. Agora ben, que estratexias (narrativas, teatrais, estéticas, etc.) podemos imaxinar que nos permitan presentar discursos críticos sen comprometer o interese do público, e mesmo chegar a un máis amplo?

* Crítica presentada no Seminario de Redacción Crítica para as Artes Escénicas, guiado por Rui Catalão, que tivo lugar durante as dúas fins de semana de ET/FEST, festival onde se presentan os proxectos gañadores das Becas de Creación Espazo do Tempo, co apoio de BPI e a Fundación “La Caixa”.

Que Seria, Lara Mesquita

Texto, dramaturxia e dirección: Lara Mesquita

Interpretación: Ana Amaral, Catarina Amaral, Daniel Moutinho, Júlio Mesquita, Manuela Paulo, Pedro Nuno

Dirección de arte: da Bernarda

Iluminación: Diana dos Santos

Música orixinal: Eu.CLIDES

Dirección de comunicación: Sofia Pancada

Deseño gráfico: David Francisco

Produción executiva: Thalita Araújo

Asistencia de produción: Matilde Jalles

Produción: PARROTRECORD – Associação Cultural

Co-produción:Bolsa de Criação O Espaço do Tempo, com o apoio do BPI e da Fundação “la Caixa”

Apoios: Direcção Geral das Artes, Fundação GDA

Espaço do Tempo, Montemor-o-Novo, 10 de novembro de 2023

Matías Daporta

Matías Daporta

Matías Daporta é artista, comisario e xestor cultural adisciplinar. A súa investigación formalízase tanto en proxectos artísticos como en proxectos curatoriais. As súas liñas de interese exploran, por un lado, a noción de homoxeneización cultural actual, e por outro, a relación entre as artes vivas e a tecnoloxía e a cultura dixital.

#spanishwashing, en colaboración con Begoña Cuquejo, foi un proxecto tentacular coa escritura e entrega unha demanda poético-xudicial contra institucións culturais en España como fío condutor do resto de intervencións. En relación á segunda liña de traballo, destaca o seu proxecto de comisariado anual Me gustas pixelad_, para La Casa Encendida. Un evento de tres días que se achega aos fenómenos culturais dixitais a través das prácticas performativas.

As súas obras foron presentadas en contextos internacionais como Veem, Arti et Amicitiae, Corridor Space Project, Frascati Theatre, en Amsterdam. Projection Room en Bruxelas. Torre Oxo en Londres. La Neomudejar, Nave 73 en Madrid. A Casa do Pobo en Sao Paulo. Sala Gaivotas, Espazo Comercio de Lisboa. Recibiu o apoio de AFK do Concello de Amsterdam, AGADIC en Galicia, axudas á produción da cidade de Madrid, bolsas de mobilidade INJUVE e PICE. Tamén traballou para institucións como ElGraner, Fundación Miró e Transit projectes.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Taller de caretas' (1943) de José Gutiérrez Solana. Colección Museo de Belas Artes de Bilbao. Foto: Afonso Becerra.

Autocrítica

Foto: Irene Moreira.

Os tempos e o fracaso