in

Autocrítica

'Taller de caretas' (1943) de José Gutiérrez Solana. Colección Museo de Belas Artes de Bilbao. Foto: Afonso Becerra.
'Taller de caretas' (1943) de José Gutiérrez Solana. Colección Museo de Belas Artes de Bilbao. Foto: Afonso Becerra.

A autocrítica é unha das virtudes máis útiles na vida e para a vida. Esa capacidade para vernos, para analizarnos, para reparar nos nosos puntos febles e tamén nas nosas fortalezas. Desde a autocrítica podemos corrixir aspectos da nosa personalidade e do noso comportamento que non nos gustan, ou que poden resultar contraproducentes e negativos para a mesma persoa, e para as persoas coas que se relaciona.

A autocrítica vén sendo un espello no que podemos mirarnos e arranxar aquilo que non nos fica ben ou que non funciona. É case como o teatro dramático, aquel que Aristóteles parecía ligar coa competencia da mímese e coa utilidade pedagóxica que esta nos podía reportar a través da catarse. Claro, o pracer e a dor xónguense na catarse dramática, igual que se xonguen na autocrítica. Resulta difícil concibir a aprendizaxe, que nos pode supor o recoñecemento, a anagnórise, dun erro – que non ten porque ser o erro tráxico, porque aquí non se trata de traxedia, senón de drama –, sen experimentar esa emoción positiva ligada á dor. E digo positiva porque se trata dunha dor edificante, xustamente pola capacidade de ver o erro e de poder, por tanto, con vontade e humildade, emendalo. O erro, no drama, ten solución e a historia pode acabar ben. Iso é o que buscamos, que a historia vaia ben, estar ben, ser felices, sexa o que iso for.

Se a autocrítica é unha ferramenta necesaria e valiosísima na vida, como non o vai ser tamén no teatro? Así pois, o primeiro ou a primeira crítica dun espectáculo debería ser a propia artista, as propias persoas que compoñen a equipa artística. É desde a autocrítica que se pode ir mellorando e modulando unha creación ou composición escénica. Esa é unha das principais funcións da dramaturxia: a crítica. Incluso, sobre todo en danza contemporánea, fálase moito, entre quen estudan e exercen esa función, da “dramaturxia distribuída” (traduzo literalmente do inglés). A importancia tamén de xerar unha “consciencia dramatúrxica” en todas as persoas da equipa, que non é máis que adestrar esa capacidade (auto)crítica relativa non só ás propostas creativas, senón tamén aos mecanismos de coherencia e estruturación das accións escénicas que van acabar por dar unha peza, así como ao sentido que se pode desprender dese conxunto e das súas partes.

Porén, curiosamente, no gremio das artes escénicas, e no que poderiamos definir como a propia natureza do artista, hai un certo narcisismo e unha necesidade do aplauso e do éxito a toda costa. Tamén hai unha necesidade de crer cegamente, ou sexa, con paixón e entrega total, no que se fai, no proxecto. E todo isto, loxicamente, colide con esoutra virtude imprescindible para o crecemento e a mellora, para a apertura: a autocrítica.

O narciso mírase no espello, claro que si, pero non o fai para ver as eivas, os puntos fracos, ou os posibles erros, senón para adorarse, para admirarse, para auto-aplaudirse, para reafirmarse: Que guapo son! Son o mellor! O meu teatro é o Teatro con maiúsculas! O exercicio que acabo de facer para a materia de Dramaturxia, do profesor Becerra, non ten tacha, é perfecto.

As actrices e actores, a directora, a escenógrafa e toda a equipa, que está moi unida e fai piña, para poder gorecerse da intemperie na que se encontra o sector en Galicia, tamén necesita esas palmadiñas nas costas. Con toda a ilusión que investiron no proxecto! Co ben que o pasaron nos ensaios coas cousas que se lles ían ocorrendo! Co moito que se queren! Co moito que tiveron que pelexar e venderlle a moto a todo o mundo, comezando por si mesmos, para chegar a estrear! Venderlle a moto ao tribunal baremador da AGADIC para conseguir a subvención, venderlla aos programadores para que che fagan oco na limitadísima axenda que barallan e che dean a oportunidade de actuar no seu teatro, para o seu público. Porque aquí todo leva posesivo, que somos de leiriñas. En fin, que despois de todo ese investimento en ilusión e traballo e en (auto)vender a moto, como imos ter espazo para a dúbida, para deter a paixón cega do facer e facer o pensar autocrítico. Si, pararse a pensar é un facer, é tamén un traballo. A tarefa de separarse dun mesmo e observarse, analizarse, corrixirse, avaliarse, aínda que poida doer. E o pracer de aprender, de emendar, de edificar, de construír. Porque a autocrítica é edificante.


Publicidade

A paixón e a entrega necesarias para que un proxecto escénico saia adiante, poden ser as mesmas, se son cegas, que nos condenen a un resultado mediocre.

Tamén, por suposto, é necesaria a autocrítica da crítica. Ou a crítica da crítica teatral. Si, sen caer nun bucle, na crítica teatral é imprescindible a autocrítica ou crítica ao cadrado, antes de publicar un artigo. É unha boa práctica porque hai que coidar o xeito no que se describen e avalían os traballos dos demais. Cuestión de respecto e de civilidade. Eu diría que o hai que coidar aínda máis que cando un fai crítica de si mesmo.

É certo que fai falta crer no que un fai e defendelo, igual que tamén é certo que fai falta entregarse e que é necesaria paixón. Pero iso non nos pode facer perder o norte da autocrítica. Quen a practica tamén acepta e acolle de bo grao, ademais, a crítica externa, porque sabe que iso é un enriquecemento. Poder contar coa mirada externa é, sen dúbida, unha vantaxe. A dramaturxia é unha vantaxe.

Nos dezaoito anos que levo de profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e nos trinta que levo como profesor de teatro, contando os cursos que teño dado en Centros Cívicos e Escolas de Adultos de Barcelona, ou en laboratorios para institucións, festivais e asociacións do sector de diferentes lugares, teño observado que as persoas que mellor acollen e aceptan a crítica son tamén as máis brillantes e as que fan traballos máis impresionantes. Non falla! A alumna, o alumno, que quere aprender exerce a autocrítica, valora o erro, abraza o fracaso e ten a xenerosidade, non exhibicionista, de abrir a súa vulnerabilidade e traballar desde ela. Algo así debe de ser a escoita e a porosidade, a través das cales a artista é unha canle aberta para a arte.

Esta semana vin o meu primeiro espectáculo de 2024 dunha exalumna. Eu, fraude! de Paula Pier, estreado o venres 12 de xaneiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Eu, fraude! é un dálo todo, un abrirse en canal, desde a felicidade que supón a autocrítica, desde a felicidade de (re)coñecerse, de analizarse, de espirse do engano do autoengano, a través da actuación (da acción), contándonos e cantándonos as grazas e as desgrazas para abolir a fraude. Nun dos momentos máis apaixonados, Paula Pier e as súas compañeiras chegan a un orgasmo escénico e, xusto despois, como cando te dás un baño de contraste con auga xeada, logo de saír das termas quentes, afirma e confirma: “aí, xusto aí, ao lado mesmo do orgasmo, está a ferida” (cito de memoria). Pois eu tamén digo que aí, xusto aí, no máximo pracer do aprender, do prender, do crecer, do (auto)coñecemento, está tamén a dor salvífica da visión do erro, do fracaso, da caída, do moito que nos custa todo. Pero sen autocrítica corremos o risco da vangloria ou da gloria va. E iso si que me parece triste.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Penélope 1

A Sala Ártika acolle a estrea de ‘Penélope: destecendo o vínculo’

1400 queseria03

Que Seria