in

Clásicas desfeitas vol. 9: Hamlet, o de Cunqueiro

Hamlet is in da house

«Hamlet, o de Cunqueiro» | Clásicas desfeitas vol. 9. Imaxe de Manuel G. Vicente.
«Hamlet, o de Cunqueiro» | Clásicas desfeitas vol. 9. Imaxe de Manuel G. Vicente.

Volven as Clásicas desfeitas á Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Un ano máis, son varias as propostas que dende 2021 veñen sucedéndose entre os muros do complexo tramado de edificios do monte Gaiás. Este ano, as “desfeitas” corresponden a Antela Cid, Antón Reixa ou á coprodución que hoxe nos ocupa, encargada ás compañías Boccaccione e Marinita y sus Maromas.

Neste caso, es convidades para conformar esta proposta impulsada polo Centro Dramático Galego foron a Compañía Teatral Boccaccione, de Brasil, que xa teñen experiencia cos clásicos con espectáculos como Electra enlutada ou A vida é sonho, e Marinita y sus Maromas, coñecidos especialmente na área de Vigo polos seus espectáculos de teatro drag e travesti.

Hamlet, o de Cunqueiro, pero referido obviamente a Shakespeare e mesturado coas revisións que do seu mito fixo o escritor brasileiro Machado de Assis. Ademais, por se iso fose pouco, a adaptación correspóndelle ao equipo docente ComTecArt da Universidade de Vigo, involucrado no desenvolvemento de vídeo xogos, que desenvolveron un Hamlet a modo case que de xincana, mesturando escenas esenciais do texto cunha serie de probas e adiviñanzas coas que quixeron estimular a participación do público na peza.

Con esta mestura, as directoras Paula Klein e Karol Nurza, ámbalas dúas de Boccaccione, deseñaron un espectáculo moi dinámico, que nos levou polas entrañas da Cidade da Cultura do mesmo xeito que nos levaba pola historia do príncipe de Dinamarca, nun acertado xogo de simbiose entre texto e espazo, onde a arquitectura industrial e o cemento, ou elementos como o eco, o frío ou a vertixe participaban da dramaturxia de xeito fundamental.

Así, a sucesión de escenas propostas para artellar este Hamlet non tería a mesma significación de estar rodeada doutro espazo ou exposta nun teatro. O feito de estar ambientado nas tripas dunha mega-construción como a Cidade da Cultura, nos seus corredores e sotos, entre ferros e cascallos, coa dureza do cemento espido de todo artificio, fai que a lectura deste Hamlet pase pola ambición do poder e a tolemia que o rodea e o sustenta. Un retrato das xentes que ostentan e perseguen o poder sen concesións, directo á ferida, desalmado.


Publicidade

Comezamos o percorrido convidados polo bufón da corte de Elsinor, interpretado por Nicolás Otero, quen xa nos explica como se desenvolverá o xogo e será o noso guía dende entón e até o final do espectáculo, para logo ir facendo paradas onde en cada espazo se desenvolve unha escena, a modo de misterio, coa integración da música en directo e a figura da cartomante, tomada da literatura de Machado de Assis, quen vai enfocando as adiviñanzas propostas para o público dende o comezo.

Ante nós, a traxedia de Hamlet, pequeno tolo que semella máis obsesionado por obter a coroa que por vingar a morte do seu pai, e que neste caso ten máis de figura incestuosa que noutras versións, deixando a Ofelia en anécdota.

Cambiado o foco, aparece a ambición espida de afeites. Non importa como se chegou até aquí, se a Raíña foi a que envelenou ao seu home ou se Hamlet amaba en realidade a Laertes, non importa que se asasine diante de todo o mundo, nin saber quen era realmente o pai de Hamlet, o importante é que a coroa segue no seu lugar e o poder prevalece.

Hamlet, o de Cunqueiro, ComTecArt, Cia. Teatral Boccaccione e Marinita y sus Maromas

Adaptación, Dirección Artística e Deseño Interactivo: Beatriz Legerén, Antonio Pena

Dirección escénica: Paula Klein, Karol Nurza

Dirección musical: Joel Bacheschi

Elenco: Joel Bacheschi, Roberto Casal, Edu Domínguez, Paula Klein, Fernanda Manoel, César Mazari, Karol Nurza, Nicolás Otero, Carolin Sanders, Leonor Sangabriel

Escenografía e atrezzo: Paloma García Villar, Leonor Sangabriel

Vestiario: Edu Domínguez, Cesar Mazari

Produción: Roberto Casal, Nicolás Otero, Carolin Sanders

Iluminación e técnica: Paloma García Villar

Proxecto realizado polo grupo de animación docente ComTecArt (Uvigo), Cia Teatral Boccaccione (Brasil) e a compañía Marinita y sus Maromas (Galicia).

Clásicas defeitas é un ciclo escénico impulsado polo Centro Dramático Galego, a Agadic e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Cidade da Cultura, Santiago de Compostela. 3 de febreiro de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Manuela Rey Is In Da House

O CDG intensifica a súa programación neste trimestre

20230917 Camino Escena Norte © Miguel Lamas 2

A sexta edición de Camiño Escena Norte abre o seu prazo de inscrición