A familia nace como unha grande institución (case) irrompible. Creamos os nosos primeiros vínculos emocionais coas figuras de referencia que adoitan ser os nosos pais. Estes van determinar a nosa maneira de relacionarnos co mundo exterior a medida que crecemos e ampliamos o círculo cara á familia, os amigos, ou unha parella. O vínculo é esencial durante a etapa infantil para o correcto desenvolvemento emocional do neno ou nena. Segundo aprendamos a facelo na infancia, repetiremos patróns de comportamento na adolescencia ou na etapa adulta.
Penélope: Destecendo o vínculo é unha peza de danza-teatro contemporáneo da compañía Constance Hurlé. Hurlé, como directora e dramaturga, fálanos sobre a saúde mental, somérxenos na teoría do apego, nas redes de afecto, nos vínculos afectivos, e sitúanos dentro mundo académico. Mais foxe das aulas magnas das universidades para instalarse nos teatros. Partindo da autoficción, dialoga de forma directa co público e anticipa a trama: ofrece unha conferencia máis ben heterodoxa sobre os catro tipos de apego: apego seguro, apego evitativo, apego ansioso, e apego desorganizado Coma se dun ensaio académico se tratase, amosa o índice do mesmo: prefacio, introdución, investigación e conclusións. A interprete viaxa polas catro atmosferas que se van xerando a medida que entendemos as súas explicacións e vemos como ela mesma se sente afectada polas propias teorías do apego. O mundo académico dilúese para dar paso ao mundo do teatro.
No centro do escenario, os bailaríns Diego Buceta e Eva Comesaña danzan no medio duna rede de pesca. Esta vai cambiando a medida que Hurlé narra. Así, co apego seguro, a rede é unha especie de balsa na que Buceta e Comesaña se atopan en cada extremo. O movemento escénico comeza pulcro, concreto e estilizado, que vai evolucionando en movementos bruscos, ansiosos, asfixiantes e caóticos a medida que pasamos polos demais tipos de apego. É curiosa a simbiose que se dá entre a rede de pesca e a rede de afectos. Esta nace como unha metáfora para falar da saúde mental e as relacións co noso entorno, problemática vixente na nosa actualidade, máis aínda despois da pandemia.
O espazo escénico corre a cargo de As dúas e punto que propoñen dous espazos diferenciados. Como ben diciamos antes, no centro vemos unha rede de pesca cor verde e detrás cara o fondo, proxeccións de imaxes dunha persoa maior, danzando. O verde concorda coa atmosfera da peza e suxire un punto de equilibrio entre as emocións e a mente, asociando a cor coa estabilidade, a saúde, ou a frescura. En proscenio á esquerda atópase un micrófono, onde Hurlé imparte as súas conferencias, que intercala con outro situado á dereita. A medida que avanzamos cara o clímax da peza descubrimos máis micrófonos, situados en semicírculo, e sobre os que os tres intérpretes se abalanzan coa chegada do caos.
Con todo, cabe preguntarse por Penélope. Vemos a propia Hurlé ataviada cun vestido con motivos que recordan á antiga Grecia. Nas imaxes proxectadas, vemos a outra muller, de avanzada idade, co mesmo vestido. Ámbalas dúas conviven no tempo da peza mais, quen destece o fío? Cal e a identidade de Penélope?