in ,

A ESAD de Galicia viaxa a Nancy para participar na Giornata Mondiale della Commedia dell’Arte

Foi convidada polo alcalde da localidade francesa que acollerá este encontro entre o 21 e o 25 de febreiro

Ratas curso 2017 2018
'Ratas', montaxe de commedia dell'arte feita na ESAD de Galicia no curso 2017-2018.

Un ano máis, as xentes de teatro de Europa e o mundo reúnense entorno ao 25 de febreiro para conmemorar o nacemento do teatro profesional. Nesa mesma data, pero do ano 1545, A Fraternal Compagnia di Sir Maphio asina en Padua, ante notario, o primeiro convenio profesional do teatro, que queda rexistrado no libro dos gremios desta cidade do norte de Italia.

A asociación italiana SAT, recoñecida pola UNESCO como ONG activa no ámbito do patrimonio cultural inmaterial, decidiu nesta ocasión, investir ao Concello francés de Nancy como sede mundial da Giornata Mondiale da Commedia dell’arte. É un gran evento que terá lugar baixo o patrocinio da Comisión Nacional Francesa para a UNESCO, quen fixo o seguinte anuncio: “Teño o pracer de informarvos que estamos encantados de conceder o noso patrocinio a este evento internacional que permitirá a artistas de todo o mundo compartir e discutir valores universais a través da práctica teatral da commedia dell’arte, que promove mensaxes de tolerancia, respecto e xustiza a través do humor e da burla”.

Dende o 21 de febreiro ata o domingo 25, a programación constará de 67 eventos, case todos gratuítos, ofrecidos por 24 compañías de teatro de diferentes países. Os espectáculos terán lugar nas prazas de Nancy e arredores.

Estarán presentes as máis grandes personalidades do eido da commedia dell’arte, como Carlo Boso ou Ferruccio Soleri, e a ESAD de Galicia, participará ofrecendo tres funcións do seu obradoiro cuadrimestral de Commedia dell’Arte, nesta ocasión coa peza A Pousadeira de Carlo Goldoni, que tiven o privilexio de dirixir. Será unha comitiva formada por 19 persoas, entre profesorado e alumnado da especialidade de Interpretación Textual, que foron convidados persoalmente por Hervé Feron, alcalde da cidade de Nancy. Trátase da sétima participación da escola nesta celebración, que levou o teatro galego (en galego), a lugares como Padua, Venecia ou Roma. Tamén a Málaga, que recibiu a honra de ser nomeada capital mundial deste evento no ano 2012. Quen sabe, talvez algún ano lle toque a algunha cidade galega…

A mensaxe para o Día Mundial da Commedia dell’Arte

Cada ano, unha persoa vencellada á tradición da Commedia dell’Arte é convidada a escribir unha mensaxe especial en homenaxe á Commedia dell’Arte. A mensaxe tradúcese e léese en eventos de todo o mundo, publícase nos xornais e preséntase en radio e televisión.

Este ano, Audrey Azoulay, política francesa de orixe marroquí, ex-ministra de Cultura e directora xeral da UNESCO desde o 2017, quixo unirse a Ferruccio Soleri, brillantísimo actor italiano que xogara o rol principal no Arlecchino, Servitore dei due Padroni do Piccolo Teatro de Milán durante 48 anos. Ambos transmitiron cadansúas mensaxes nas súas linguas natais, e eu atrevinme coa súa tradución:

Mensaxe de Audrey Azoulay

“Artistas de España, Chequia, Francia, Italia, Eslovaquia, Bélxica, Romanía, que celebran un emblema da cultura italiana, nunha metrópole francesa: este é o emocionante propósito destas xornadas teatrais que converten a Nancy, durante cinco días, na capital mundial da Commedia da Humanidade/dell’Arte.

E esta é a mensaxe unificadora da creación, en todos os escenarios do mundo, polas súas rúas, polos seus monumentos: a humanidade está en posesión dunha linguaxe común que se libera das barreiras que as divisións e os prexuízos erguen entre os pobos.

Que mellor embaixador que o teatro, esta arte do espazo e da palabra, para reafirmar a importancia do diálogo entre culturas que a UNESCO promoveu dende a súa creación, e que atopará en Nancy un lugar privilexiado para practicalo?


Publicidade

Aínda que as artes escénicas, e en particular as do teatro, están entre os elementos do patrimonio cultural inmaterial que a nosa organización protexe e promove, espero que o público de Nancy -e non só- atope inspiración nestas xornadas teatrais cunha poderosa alegría artística, así como motivos profundos para abrirse á parte universal inherente a toda creación”.

Mensaxe de Ferruccio Soleri

“Queridos amantes da Commedia dell’Arte:

É cunha alegría inmensa que volvemos a atoparnos, mergullándonos na arte e na tradición deste magnífico xénero teatral. A Commedia dell’Arte sempre foi un faro de creatividade, improvisación e personaxes emblemáticos que encantaron e divertiron ás xeracións.

Este ano, agardamos o futuro con ilusión, xa que Nancy, unha cidade que comparte a nosa paixón polas artes teatrais, foi designada Capital Mundial en 2024. Este recoñecemento fará especial fincapé nas raíces históricas e na interpretación moderna da Commedia dell’Arte, que celebra a arte da improvisación e a maxia das máscaras nun contexto global.

Será unha oportunidade única para reunir a artistas, entusiastas e estudosos deste xénero, compartindo a nosa paixón e reforzando o vínculo que a Commedia dell’Arte creou entre as diferentes culturas e xeracións.

Espéranos un ano de celebracións, actuacións inesquecibles e intercambio de coñecementos. Preparémonos para vivir unha experiencia extraordinaria no marco encantador de Nancy, onde a arte cobra vida e nos une, na maxia da Commedia dell’Arte.

Grazas a todos por formar parte desta extraordinaria viaxe artística e por compartir a paixón pola Commedia dell’arte. Vémonos en Nancy en 2024!

Pola miña banda so queda desexarvos prosperidade na profesión e darvos a nosa tradicional despedida: VIVA A COMMEDIA!”.

Nando Llera

Nando Llera

Doutor en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Interpretación da ESAD de Galicia. Tamén é actor, director e fundador da Asociación Galega de Commedia dell'Arte “Indignati” e Pallaso Hospitalario de Galiclown, onde tamén é socio fundador e coordinador de formación. Recentemente publicou artigos na erregueté e na revista Hesperia, Anuario de Filoloxía da Universidade de Vigo, ademais de coordinar o texto 'A Retirada de Napoleón', de Edicións Invasoras. O seu labor investigador levouno a impartir clases e realizar obradoiros para diferentes escolas, empresas e universidades de Europa e América, destacando o seu traballo na Kunstuniversität de Graz (Austria), na Academia Janácˇek de Música e Artes Escénicas de Brno (Rep. Checa), na Universidade Nacional Pedagóxica de Bogotá (Colombia), e os seus obradoiros para centros dos Estados Unidos, como o American Laboratory Theatre de Idaho, Monarch School de Montana e Doral Performing Arts and Entertainment Academy en Miami.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

20230917 Camino Escena Norte © Miguel Lamas 2

A sexta edición de Camiño Escena Norte abre o seu prazo de inscrición

Penélope Destecendo o vínculo reducida

Penélope: Destecendo o vínculo