in ,

Atlas da boca

Mapas e cartografías, sen fronteiras

A Oficina. GUIdance 2024. Gaya de Medeiros 'Atlas da Boca'
A Oficina. GUIdance 2024. Gaya de Medeiros 'Atlas da Boca'

A boca alén de servir para comer ou para engulir, é o lugar onde nacen as palabras, esa transmisión sonora, orgánica, en movemento, onde a palabra é amplificada.

Coas palabras, podemos idear historias, crear outros mundos, facer espectáculos, cuspir, ou mesmo construír ou erguer muros, segundo quen as pronuncie.

Atlas da boca é unha peza que constrúe, creando dende a palabra e o movemento unha intimidade entre as dúas persoas intérpretes e creadoras da mesma, Gaya de Medeiros e Ary Zara, e o público que observamos, cómplices do que acontece en escena.

Nesta peza, asistimos a unha viaxe, chea de beleza, que explora dous corpos trans a través da boca, para afastarnos do reducido binarismo home-muller á que esta sociedade heteropatriarcal nos ten tan acostumades.

Gaya de Medeiros e Ary Zara, constrúen unha historia biográfica e dende as súas vivencias persoais enchen a escena de sensibilidade, de verdade, coa beleza de imaxes poderosas, sen ningunha impostación, para afastarnos dos clixés, tan presentes na sociedade actual.


Publicidade

En Atlas da boca, os corpos non só falan, tamén danzan. Si, eses corpos errados para moitas persoas invaden a escena con movementos precisos que nos convidan a ollar con precisión, dende outra perspectiva, para abrir diante de nós un mundo cheo de outras realidades posibles, que teñen que ser vistas e ouvidas.

Os movementos que tecen esta peza, igual que as palabras das historias que nos contan, tocan no profundo, no máis íntimo, onde por momentos a mentira e a verdade están presentes e fúndense para non saber quen é quen.

Gaya de Medeiros e Ary Zara cheos de coraxe e sen coirazas, tórnanse amplificadas en escena, sen vitimismos e dende a cura constante para chegar á liberdade, co amor propio militando no afecto, nun sorriso aberto de ledicia.

En Atlas da Boca vemos danzar a dúas persoas, que flúen libres, en mapas e cartografías sen fronteiras.

Atlas da boca, Gaya de Medeiros

Dirección e producción: Gaya de Medeiros
Creación e performance: Ary Zara e Gaya de Medeiros
Concepción e deseño do Breve Atlas da Boca: João Emediato
Dirección técnica: Ricardo Pimentel
Deseño de iluminación: André de Campos
Operador de sonido: Milton Estevam
Traducción e subtitulado: Joana Frazão
Xestión: Irreal
Coproducción: Alkantara e Companhia Olga Roriz
Apoio á creación: Self-Mistake
Apoio institucional: República Portuguesa – Cultura
DGARTES – Direção-Geral das Artes

13a GUIdance (Guimarães). Black Box do Centro Internacional das Artes José Guimarães. 8 de febreiro de 2024.

Alberte Bello

Alberte Bello

Director de arte, creador e docente. Titulado Superior en Escenografía pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, formándose ademais con profesionais como Carlos Marquerie, Paco Azorín ou Pamela Howard. En 2020 funda o colectivo CMV, onde produce e protagoniza pezas como 'Menu-do día'. Activista LGTBIQ+, colabora coa sección PalcosLGTBIQ+ da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EMNA colectivo glovo

Colectivo Glovo convoca as residencias Atopémonos bailando 2024

Microefectos dramatúrxicos

Os Microefectos Dramatúrxicos celebran unha nova edición