in ,

Comando dramatúrxico EDC10

Horizontalidade, conexión e transmisión

O Comando Dramatúrxico do X festival Escenas do Cambio 2024 e a directora artística do festival Kirenia Martínez Acosta. Foto: Alberte Bello
O Comando Dramatúrxico do X festival Escenas do Cambio 2024 e a directora artística do festival Kirenia Martínez Acosta. Foto: Alberte Bello

Pódese facer unha dramaturxia dun festival? Traballar en que non sexa un expositor de espectáculos, vinculados por temáticas ou estéticas de actualidade. Que non sexa como un aeroporto no que aterran e despegan compañías, artistas e públicos, como un simple lugar de paso nunca habitado. Facer unha dramaturxia dun festival: crear unha rede de acción, sensible, porosa, dinamizadora, de escoita, de ofrecemento, que procure ou reforce o sentido do festival, facendo del unha experiencia artística orgánica, un todo interconectado.

Escenas do Cambio chega a súa décima edición cunha nova directora, a coreógrafa e bailarina, Kirenia Martínez, que trae no seu corpo a experiencia da creación e da xestión desde a sala de ensaios e os escenarios, desde o suor e a fisicalidade de quen se entrega a arte, de xeito integral, para compartila coa espectadora e o espectador. Unha directora artística coa bagaxe da bailarina, da coreógrafa, da xestora, da nai, da amiga, da loitadora, desde as marxes e tamén desde o centro, fai a diferenza. Confeso que eu teño alucinado moito coa Kirenia bailarina, cando, ao pouco de chegar de Cuba, comezou a traballar na danza en Galiza, tamén coas súas creacións coreográficas. Confeso que aprendín moito dela cando foi a miña alumna, naqueles obradoiros de Dramaturxias posdramáticas que organizaba a Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, xunto ao Concello de Compostela, na Sala Agustín Magán. Non me estraña, até onde a coñezo, que propuxese un programa, para esta décima edición de Escenas do Cambio, no que primase a horizontalidade, sen uns artistas estrela que sirvan de reclamo para iso que chaman “gran público”, e ao seu redor, con menos “caché”, outros artistas e compañías satélites, a facer de “teloneros”.

O programa desta edición é exemplar no que atinxe a esa procura da horizontalidade, con artistas e compañías moi singulares, de Galiza e de fóra, que nos traen unhas propostas inimaxinables e, por tanto, sorprendentes. Algúns deles, sen ser estrelas mediáticas nin comerciais, son referentes fundamentais da escena contemporánea galega e non só. Por exemplo, Andrés Corchero e Oguri, coa súa poética do Body Weather, baseado nas transformacións que se dan nos fenómenos atmosféricos e como estas nos inflúen; Laura Aris, que foi peza fundamental da histórica e prestixiosa compañía catalá L’Anónima Imperial e case dez anos en Última Vez de Win Vandekeybus, que tantas experiencias incribles nos ten ofrecido (para min, a cara de Laura Aris forma parte do mellor da miña historia como espectador nos anos 90 e na primeira década do 2000, no Mercat de les Flors de Barcelona e noutros palcos e festivais); La Intrusa de Damián Muñoz e Virginia García, Premio Nacional de Danza, que levan desde 1996 sendo unha cala importante para moitas das creadoras de artes escénicas máis inquedas; Mateo Feijóo que trae o Manifesto dunhas Escenas do Cambio que revisan as dez edicións, desde unha das voces máis avanzadas, non só na creación, senón no ámbito da dirección artística, desde o Escena Contemporánea de Madrid até a súa importante remodelación de El Matadero, cando o abriu ás artes performativas máis heterodoxas, logo do seu paso pola posta en marcha de Laboral Ciudad de la Cultura de Xixón. Ao seu lado, compañías emerxentes como Ay, Cariño co seu debut Millo vello, de Cris Vilariño e Diego M. Buceta; a volta de David Loira, desde Berlín, con Blondi, nome imprescindible da danza contemporánea galega desde Pisando Ovos, e outras propostas até un total de 13 en tres días, do venres 3 ao domingo 5 de maio de 2024, que están no mesmo nivel de importancia e que gardan relacións e conexións entre elas, como se se tratase de órganos dun mesmo corpo.

Para tecer esa dramaturxia do festival, Escenas do Cambio convocou un Comando Dramatúrxico integrado por 7 persoas. Elas intentaron establecer complicidades cos artistas e coas espectadoras e espectadores, tendendo pontes, procurando espazos especiais entre as pezas, propiciando sinerxías e realizando accións que amplificasen os encontros e as experiencias que cada peza propón.


Publicidade

Deste xeito, por exemplo, Corpo que se fai imaxe, a instalación performance de António Gonçalves, a través do Comando Dramatúrxico, convértese nun bucle de imaxes xeradas pola recepción dos espectáculos e actividades do festival. Calidoscopio, de Gallaecia Ensemble Barroco, convértese nun heteroxéneo calidoscopio de relatos sonoros sobre as expectativas, pareceres, sensacións e sentimentos de espectadoras e espectadores, unha comunidade que inclúe, no caso de Escenas do Cambio, a moitos artistas que asumen a natureza innovadora deste festival. SED, de Raquel Ponce, convértese en “Sedescrita” un tecido de textos sobre os espectáculos, artigos, críticas, crónicas e entrevistas realizadas polos membros do Comando.

En consecuencia, o que aconteceu en Escenas do Cambio pasa a transcender os espazos, os tempos e as persoas, a través desa rede de olladas e voces múltiples, a través deses testemuños diversos que se abren a outras persoas e a outros tempos, para ficar como un legado e unha fonte.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DUAL. Imaxe de A Casa Vella.

Álvaro Murillo: “O tecido galego de danza contemporánea ten un peso significativo no meu desenvolvemento profesional”

'Dona Barriga Verde', de Larraitz Producións Artísticas.

A Barraca de Barriga Verde estará nas festas da Ascensión de Santiago de Compostela