Excelente marea a que veu nos aparellos da 33ª Edición de FETEN, Feria Internacional de Artes Escénicas para Niñas, Niños y Familias, celebrada na mariñeira vila de Xixón entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo. Unha manchea de creatividade con sabor a sal.
A feira saca peito un ano máis demostrando en cifras a súa importancia: 700 profesionais acreditados para apreciar os traballos de 77 compañías procedentes de 6 países e 11 comunidades: foron 200 funcións realizadas en 26 espazos escénicos diferentes, incluíndo once estreas absolutas.
Destacar que as condicións meteorolóxicas obrigaron a facer encaixe de bolillos e cambios de última hora nos espectáculos de rúa. Non é doado organizar a loxística nun evento destas dimensións.
No referido aos espectáculos de sala supón un cambio para mellor, establecido dende a pandemia, trasladar as función da mañá, agás as destinadas á primeira infancia, aos seis espazos do monumental- e posfranquista- edificio da Laboral, reservando o Teatro Jovellanos para pases escolares ás mesmas horas.
Reduce un chisco o número de compañías participantes mais aumentan os pases de cada unha: iso fai máis doado o acceso.
Primeiro lance: actividades paralelas
Entre as que destacamos:
VIII Encontro internacional FETÉN “Compartiendo Imaginarios en las Artes Escénicas para Familias”: coa participación do Festival Internacional de la Palabra en Escena (Arxentina), Festival internacional La Patagonia al Teatro (Arxentina), Imaginate e Edimburgh International Children*s Festival (Escocia), BICT Fest Bangkok International Children*s Theatre Festival (Tailandia) e SEMENTES, Mostra Internacional de Arte para Pequenos Públicos (Portugal).
Presentación da asociación RITTO (Red de Festivales Internacionales de Teatro de Tìteres y Objetos de Otoño); con propostas para este ano 2024.
Presentación da sempre enriquecedora Escola de verán UNIMA; a súa 22 edición vai ter lugar do 8 o 14 de Xullo no Centro do Títere de Alcorcón.
Presentación de “Hogares Escénicos Pro +”; un proxecto que funciona desde 1990 e busca a integración cultural e social da infancia e a xuventude facilitándolle o acceso ao Teatro; levan feito 700 funcións; 650.000 pequenos espectadores desfrutaron xa vendo cousiñas nas sete salas da rede: Sala La Carreta, Escena Miriñaque, Sala Tarambana, L”Horta , Teatro Arbolé, Teatro Paraiso e Teatro Tyl Tyl.
Entrega do Premio ASSITEJ (Asociación internacional de Teatro para Niños y Jóvenes) España 2023 a Mar Navarro, mestra de creadores, herdeira directa da pedagoxía de Jacques Lecoq, de quen ten traducido o seu imprescindible “El cuerpo poético”.
Taller COFAE: “Cultura sostenible en las Artes Escénicas”; desde o ámbito económico, social e ambiental; foi impartido por Virginia Segui Ferres e Débora Marques Fluxa, socias fundadoras da Microcooperativa Triad” Art Cultura Sostenible, Menorca, Illes Balears.
Segundo lance: exposicións e instalacións
Os visitantes podían achegarse á exposición “ENCONTRADOS” de Teatro Silfo, esculturas de pequeno ou mediano formato construídas con lúdica habilidade por Fabrizio Azara a partires de madeiras atopadas: animais, obxectos, estraños persoeiros con títulos que semellan greguerías e convidan a facer voar o maxín.
Tamén percorrer “Una mirada al mundo del Títere”, do TOPIC , Centro internacional del Títere de Tolosa, escolma do seu interesantísimo fondo: Rutas de Polichinela, as creacións de Jhon Blundall (1937_2014), Vietnan, Indonesia, India; o Titere en Asia, ademais do legado de Mariona Masgrau en Cataluña.
Ou: “Mariano Lozano; 40 años soñando dentro de las Artes Escénicas”, completa mostra visual e sonora de todo canto leva feito este gran músico ao longo da súa carreira; organizada por JD Producciones e reivindicando unha profesión da que poucos poden vivir: facer música para a escena.
En canto a instalacións, podíase escoller “Entre Flores”, de Marga Socias (Cataluña), inspirada no libro “El jardín curioso” de Peter Brown e o tríptico do Bosco, “Desiderata”, de Mama Crea (Pais Vasco), un hospital onde os pacientes son os libros e hai que coidalos pasando por diferentes estacións, dende que nacen ata que son velliños e ninguén os quere, ou mergullarse despois en “La Guarida de los Sentidos” elPetit& Imaginart, un lugar onde agocharse e observar o mundo.
Terceiro lance: espectáculos
Da maxia ao teatro de títeres, do xestual contemporáneo a dramaturxias que actualizan os clásicos, sen esquecer circo, danza (igual menos que noutras edicións), o musical, o clown e os híbridos de todo isto. O estimulante dunha feira ou festival é descubrir novas compañías, novas miradas ademais das ofrecidas por formacións xa consolidadas, non sempre á altura das expectativas xeradas polo seu habitual bo facer.
Tripulacións anovadas e a memoria moi presente nos espectáculos dos que facemos recensión, memoria dos oficios que xa non son, memoria prodixiosa da persoa autista, memoria dos asasinados, memoria, en fin, da Terra mesma que estragamos máis e máis cada día.
Estefanía de Paz Asín (Navarra). Olvido Flores
Creación, dirección e interpretación, Estefanía de Paz Asín.
“Hay muertos que ya no piden justicia, ni siquiera ser recordados, hay muertos que solo quieren que alguien les lleve flores”. A isto convida Olvido Flores, muller de loito rigoroso, tenra, sedutora, irónica sempre, a entrar no seu gabinete de cousas esquecidas, das cousas que ninguén quere, sorte de tambuche ou vella tenda de vello escura e acolledora. A entrar e descubrir, entre outras máis lixeiras, unha historia terrible: o 18 de xullo de 1936 a troupe do circo Anastasini planta a súa carpa na praza de Lodosa, en Navarra. A partires dese dia fatal, desaparecen na noite da desmemoria: sábese que moitos foron paseados, e os superviventes obrigados a entreter aos verdugos.
Olvido fai presente este drama, documenta, levanta acta, non fai falla moito máis que a palabra e unha acertada posta en escena para encollernos o corazón.
Engruna Teatre. Cataluña. Dentro del corazón del mundo
Creación colectiva dirixida por Mireia Fernández a partir da novela La mujer que buceó en el corazón del mundo, de Sabina Berman.
Dúas actrices en escena narran as vivencias dunha rapaza con trastorno autista. O seu arco vital dende o día en que é atopada pola súa tía, vivindo fóra do mundo, en estado semisalvaxe á beira do mar, ata o seu éxito na empresa familiar e a posterior renuncia a todo para volver, pechando o círculo, e coidar á coidadora.
A obra vainos atrapando pouco a pouco nas reviravoltas dunha dramaturxia perfectamente engraxada, ben interpretada e funcional no escenográfico, tirando de algún elemento tecnolóxico que o fai máis vistoso.
O proceso de aprender a linguaxe, socializar, mirar o mundo con ollos novos “ese mundo que para moitos non e máis que postal ou mercancía”, chocar cos outros porque esa visión diferente que non maquilla nin cala nada, levanta ampolas, provocando situacións divertidas, pero tamén amargas.
Convén non esquecer que un dos obxectivos do Teatro é o que elas logran aquí: emocionar.
Almealera. Castela e León. Una rueda que da vueltas” (entre molinos de agua y otras cosas en peligro de extinción)
Autoría de Laura Santos. Dirixida por Laura Santos e El Patio Teatro.
“La palabra cultura viene de cultivar, la palabra compañero de compartir el pan”. Así comeza a rodar esta experiencia que ten raíces no persoal: “Cuando tenía catro años, mi familia empezó a restaurar un molino. Treinta años después entrevisté a la mujer que de niña molió en ese molino. Así comezou un proceso de entrevistas a muiñeiras e pastores de varios pobos de Ávila: “Éste es el resultado, el regalo que yo les hago, un regalo hecho de auga, tierra, pajas, grano y arena”.
Arredor dunha superficie de madeira que semella unha mesa de amasar, roda de muíño, artesa, móense dezaseis breves escenas. O título de cada unha delas é unha palabra ou frase que previamente se reparte entre o público, co desexo de que algunha, tamén en perigo de extinción, fique conservada na memoria.
As muiñadas, a sega, as noites en vela, a dureza do clima e a montaña, pero tamén bailes, cancións, desafíos ledos dos traballos e os días; transformando o espazo con moi poucos elementos e dando voz ás protagonistas, ás veces en primeira persoa, outras con testemuñas gravadas; e tanto o que hai que facer presente antes de que o borre o tempo que ás veces non damos feito.
Unha peza prodixiosa de Teatro Documento que deixa no padal o sabor do pan ben feito.
Compañía Jimena Cavalletti. Comunidade Valenciá. B.O.B.A.S. Banda Orquestal Benéfica de Actos Sepulcrales
Autoría e dirección colectiva. Espectáculo de rúa para tódolos públicos.
Unha humilde banda musical formada por tres mulleres que semellan saídas do exército de salvación, ameniza cerimonias funerarias o son de trompeta, bombardino, caixa e prato. Co burato xa aberto no improvisado camposanto e os asistentes aflixidos e expectantes, morto e cura non chegan.
A partir de aquí todo canto pode acontecer cando as actrices son unhas pallasas excelentes, con personalidades perfectamente contrastadas e antagónicas, ademais de boas músicas, acontece, e máis tamén.
Encadeando un despropósito tras doutro con fluidez e ritmo e contando sempre coa complicidade do público, cando xa semella que un gag está estirado ao máximo aínda lle dan, do xeito máis punki posible, unha volta máis.
Un pracer ver ao respectable mexar de risa nun funeral.
Quiñón: presenza galega
Nesta ocasión a nosa escena desembarcou na Feira con dúas interesantes propostas da man, por unha banda dos recoñecidos Elefante Elegante e pola outra da nova e prometedora compañía Nauta Teatro.
Elefante Elegante subiu ás táboas Kyoki, creación de Maria Torres e Gonçalo Guerreiro, interpretada por ela baixo a dirección de Guerreiro. Kyoki significa tolemia en xaponés, mais na obra representa eses esquecementos, confusións e perdas a que nos leva esta vida acelerada e absurda. Bo traballo da actriz sacando o mellor partido posible do xesto e a escenografía.
Nauta Teatro, con Gaia Baba, la meiga, creación de Rafael Rey e Mathias Rodríguez, mestura monicreques e teatro xestual nesta fábula dirixida por Rafael Rey que escenifica o poder da natureza para rexurdir de tanta aldraxe a que a temos sometida. Gran traballo de construción e ideas frescas que auguran luminosas e belas pezas.