in , , ,

Valladolid 2024: Presente, pasado e futuro da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador

ensaio lecturas
Ensaio dunha das lecturas de 'Kompounofobia' no Festival PLATTA en Valladolid. Foto de Luisa Valares.

O primeiro Festival da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador, PLATTA, deste ano transcorreu en Valladolid entre os días 8 e 10 de marzo de 2024. A sala experimental Fernando Urdiales do Teatro Zorrilla, enclavado na Praza Maior da cidade, foi o espazo onde se desenvolveron os espectáculos e as lecturas dramatizadas programadas pola Federación de Grupos Aficionados de Castilla y León (FETACyL). A mesa PLATTA transcorreu entre o mesmo edificio e a Residencia Universitaria de Posgrado Reyes Católicos.

A primeira representación correu a cargo da federación anfitrioa. O grupo valisoletano Maribárbola Teatro ofreceunos Toda una vida, un drama que amosa dúas xeracións diferentes, dúas mulleres que, entre monólogos e diálogos, van introducíndonos no pasado dunha nai maltratada e asasinada polo seu marido alcólico e o presente da filla que ten que tomar a decisión máis importante da súa vida.

Maribárbola Teatro
‘Maribárbola Teatro’. Foto de Luisa Valares.

O sábado pola mañá, os portugueses de Arcos de Valdevez, Grupo de Teatro do Vez, saían a escena con Dia especial, unha comedia escrita pola actriz do grupo Margarida Dias, baixo a dirección de Silvia Barbosa e Rui Barbosa. Esta peza retrata momentos do cotián que suceden nunha festa de aniversario e amosa conflitos e preocupacións entre os membros que participan: amores e desamores, do tempo e da súa falta, dos fillos e das preocupacións de quen non os ten, de in-fidelidades, de rutinas que desgastan e de profesións difíciles.

Pola tarde, Vicus Teatro, de Mos, afondou na vida e obra da poetisa arxentina Alfonsina Storni. Apoiada por un músico do Café Tortoni, a actriz Andrea Castro vai facendo un percorrido pola infancia, maternidade e morte da poetisa con elegante soltura.

Vicus Teatro
Andrea Castro, de Vicus Teatro. Foto de Luisa Valares.

Finalmente, o domingo pola mañá, desenvolvéronse as lecturas dramatizadas nos tres idiomas. O texto que os tres grupos (castelán, portugués e galego) prepararon para as lecturas dramatizadas foi Koumpounofobia, de Carolina África Martín, accésit no IV Premio PLATTA de Teatro Breve organizado pola erregueté. Ás lecturas asistiu a autora, que gratamente aceptou o noso convite e puido escoitar o seu texto nos tres idiomas.

ensaio lecturas PLATTA Valladolid 2024
Ensaio dunha das lecturas de ‘Kompounofobia’. Foto de Luisa Valares

A continuación, Carolina África Martín fixo algunha apreciación das distintas lecturas e comezamos un debate moi interesante sobre o abuso sexual nas súas múltiples formas e o trauma e fobias que pode causar no presente dunha persoa ese feito doloroso acontecido no pasado.

Coloquio con Carolina África Martín
Coloquio con Carolina África Martín. Foto de Luisa Valares.

Pasado e futuro do PLATTA

Se nos remitimos ao mes de novembro do ano pasado, Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana/TEIA-Teatro em Iniciativa Associativa, organizou con éxito o PLATTA de Viana do Castelo, sen dar ningún motivo que nos fixese pensar no que pronto ía suceder. No mes de decembro comunicaban aos demais membros da plataforma que daban por finalizado o acordo asinado en 2017, xustificando razóns internas da compañía e tamén destacando, timidamente, os distintos intereses que existen entre unha compañía profesional e as federacións amadoras. Foi unha decisión que causou sorpresa, desagradable, porque o Platta de Valladolid quedaba no aire e os portugueses tampouco achegaban ningunha solución para atopar un grupo que cubrise esa praza baleira. Namentres, seguía transcorrendo o tempo.

É a segunda vez que unha compañía profesional portuguesa, unha empresa que tamén organiza e dirixe grupos amadores, deixa o PLATTA, sen dar tempo aos demais membros a recompoñer os danos causados para seguir adiante.


Publicidade

Temos que destacar que hai unha diferenza substancial entre a organización portuguesa e a de Castela e León mais a galega. Castela e León e Galiza, que están organizadas como federacións formadas por distintos colectivos, teñen capacidade suficiente para organizarse entre si e tomar decisións consensuadas entre as distintas directivas ás que pertencen, mantendo tamén, unha identidade propia para negociar coas distintas administracións. No caso portugués, os grupos amadores dependen excesivamente dunha compañía profesional, perdendo autonomía, capacidade organizativa e económica para celebrar eventos destas características.

Aínda que unha mesa pode sosterse con tres patas, un festival transfronteirizo non ten sentido se non se sostén coas catro patas que o compoñen. Para celebrar o festival en Valladolid era necesaria a participación portuguesa.

Contactamos con distintos grupos do norte de Portugal. O Grupo de Teatro do Vez, de Arcos de Valdevez, mostrou o seu interese e aceptou o noso convite para formar parte do PLATTA en Valladolid, experiencia que serviría para observar a dinámica e gozar da convivencia, afectos e relacións que este festival ofrece.

O contacto co grupo continuou e o 5 de abril mantivemos unha reunión en Salvaterra de Miño entre os membros do Grupo de Arcos de Valdevez, a FEGATEA e a erregueté | Revista Galega de Teatro de xeito presencial, mais a FETACyL virtualmente. O motivo foi asesorar á parte portuguesa de todo o necesario para montar este ano un festival PLATTA en Arcos de Valdevez e tamén convencer da importancia de organizar un movemento asociativo entre os grupos da súa contorna para poder ter capacidade propia.

O 22 de abril asistimos á segunda reunión en Arcos de Valdevez. Recibiunos o presidente da Câmara, João Manuel Esteves e a vereadora da Educação e Ação Social, Emilia Cerdeira. Participaron por parte do Grupo de Teatro do Vez, Albertina Dias, Margarida Dias e Victor Fernandes, pola FEGATEA, Chelo Pampillón e Manolo Dasilva, e Xoán Riobó pola erregueté. Despois de explicar en que consistía o PLATTA, o presidente aceptou integrar ao festival, de xeito independente, nunha programación cultural para o mes de outubro. Tamén amosou a súa dispoñibilidade para colaborar na posta en marcha dunha “organización” cos grupos amadores dos arredores. Ao finalizar esta reunión tan cordial, fomos coñecer as instalacións da Casa das Artes, lugar no que se desenvolverán as distintas actividades do festival. Mantivemos outra reunión co seu director, Nuno Soares, para fixar datas. Finalmente concretamos que sería a fin de semana do 25, 26 e 27 de outubro.

Por primeira vez o PLATTA está totalmente formado por xente amadora do teatro, xente que pode avanzar falando un mesmo idioma e unir as forzas ante un mesmo obxectivo. Agora tócalle a quenda ao Grupo de Teatro do Vez para unir a todos os grupos da comarca e fortalecerse en conxunto. Mentres tanto, vémonos na seguinte xuntanza que se celebrará no Carballiño os días 14, 15 e 16 do mes de xuño.

Presentación PLATTA Valladolid 2024
Presentación do encontro PLATTA en Valladolid. Foto de Luisa Valares.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

rosalia 1 1 |

Rosalía Fernández Rial: “O único que nos pode salvar da barbarie é a axuda mutua, compartir uns valores e establecer uns límites que nos protexan”

De Vilatriste a Vilalegre

De Vilatriste a Vilalegre