in

De Vilatriste a Vilalegre

We Could Be Heroes

De Vilatriste a Vilalegre
Foto da presentación de 'De Vilatriste a Vilalegre', do CDG e Teatro ó Cubo. Imaxe da Agadic.

Chega a Utópica rodante ao XXV Festival Internacional de Títeres de Redondela, un proxecto co que a compañía Teatro ó Cubo pretende levar os seus espectáculos itinerantes até máis de cen concellos do noso territorio entre os meses de maio e setembro, comezando o pasado 12 de maio en Negueira de Muñiz (Lugo) e rematando en Catoira (Pontevedra).

Un proxecto que conta co apoio do Centro Dramático Galego, quen o acubillou como unha das actividades propostas para celebrar o seu 40º aniversario, coa intención de achegar o teatro ao rural galego, neste caso co novo espectáculo itinerante da compañía, De Vilatriste a Vilalegre.

E que mellor marco que o XXV Festival Internacional de Títeres de Redondela para que esta compañía presente a súa nova peza celebrando ademais o Día das Letra Galegas?

De Vilatriste a Vilalegre é un espectáculo que mestura o traballo actoral co de monicreques, e que parte dun texto orixinal de Roi Vidal Ponte. Este conta a historia dunha vila, Vilatriste, coñecida polo carácter tristeiro da súa poboación, e que un día se confronta coa chegada dun grupo de superheroes que lles causan unha fonda desconfianza, e que farán o que faga falla para gañar o favor da vila, agora rexida por un alcalde con visos de vilán.

De feito, esta peza de Vidal Ponte ofrece unha interesante lectura sobre a dobre cara das persoas, xogando a que os heroes parezan ser os viláns de primeiras, e agochando o verdadeiro vilán baixo o disfrace de persoa agradábel e bondadosa.

Podemos aprender así unha lección importante: que as aparencias poden ser enganosas.

De Vilatriste a Vilalegre cumpre coas máximas do teatro de rúa e de monicreques: ser unha peza entretida, que consegue manter a atención dun público tan esixente como o infantil e que aínda por riba ofrece unha lección ética e moral importante.


Publicidade

Para iso, Teatro ó Cubo fai unha proposta na que a propia escenografía (deseño de Bea de Vega) está acollida dentro do interior da Utópica rodante, que ofrece a visión da lagoa e a súa brétema.

Con todo, os intérpretes da peza, Uxía Algarra e Roberto Casal, fan un auténtico despregue da súa pericia física, de raigame circense, compoñendo unha serie de coreografías coas que acompañan a representación, engadindo así dinamismo e contraste humano á presenza dos bonecos.

A dirección da peza corre a cargo do mesmo Roberto Casal e tamén de Sofía Espiñeira, que fica nesta ocasión detrás da escena. Ámbolos dous coñecen abondo o material co que traballan como para presentar un traballo intelixente e efectivo.

Acompañando a peza, a música composta por Brais das Hortas, e o vestiario deseñado por Carmen Pichel, ámbalas dúas totalmente funcionais e adoitadas para o caso.

De Vilatriste a Vilalegre continuará o seu camiño polo menos até setembro, divertindo a grandes e catives, logo de percorrer as nosas catro provincias.

De Vilatriste a Vilalegre, Teatro Ó Cubo

Texto Orixinal: Roi Vidal Ponte
Dirección: Sofía Espiñeira, Roberto Casal
Elenco: Uxía Algarra, Roberto Casal
Escenografía: Beatriz de Vega
Vestiario: Carmen Pichel
Música: Brais das Hortas

De Vilatriste a Vilalegre é unha coprodución de Teatro Ó Cubo co Centro Dramático Galego e o apoio da Agadic.

FIT Redondela. Praza do Concello, Redondela. 17 de maio de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ensaio lecturas

Valladolid 2024: Presente, pasado e futuro da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador

Ninguén tira fotos nos enterros Carlota Mosquera

O Certame Micro-Escenas Metro Cadrado do FIOT abre unha nova convocatoria