SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2024 terá lugar os días 13 e 14 de xuño, celebrando a súa novena edición en Ourense, Amiadoso e Xunqueira de Espadanedo. O día 13 de xuño ás 19 horas, as e os creadores encontraranse en A Casa Vella (Amiadoso – Allariz) entorno ao encontro con Ana F. Melero, artista gañadora da xira Sólodos En Danza Costa Rica no Certamen Internacional de Burgos & New York 2022. Ana falará sobre a súa experiencia en Costa Rica e estrearase o vídeo resumo do festival en Costa Rica, realizado polo videoartista Pablo Vargas, con entrada libre.
O día 14 de xuño ás 10 horas, as e os creadores presentarán as súas pezas ante o público escolar de Ourense, que outorgará cos seus votos a Mención Xove Sólodos. Esta actividade que se celebrará na Praza da Escola de Artes Escénicas de Ourense, farase en colaboración coa Concellaría de Educación do Concello de Ourense.
Pola tarde ás 20.30 horas, levarase a cabo a final do Certame, no Concello de Xunqueira de Espadanedo (provincia de Ourense) ante público xeral e con entrada libre. Esta actividade realizarase en colaboración co Concello.
Son coreografías finalistas de SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2024:
- Henko / Inigo Rementeria e Laura Latasa / País Vasco
- Honest / Kiko López / Comunidad Valenciana
- Petricor / Ariadna Llusa e Ingrid Manrinyá / Aragón
- Mesura / Raquel Ferradás / Galicia
- Córdoba Drone / Dani Hernández / País Vasco
Antes da entrega de premios, a artista convidada Ana F Melero presentará a súa premiada coreografía LATENTE.
O xurado estará composto por Victoria P. Miranda, Víctor López Carbajales, Maruxa Salas e Erick Jiménez, que serán as persoas encargadas de outorgar o Premio SóLODOS EN DANZA OURENSE 2024 con xira a Costa Rica. Outros premios e programacións que se outorgarán trala representación en Xunqueira de Espadanedo serán:
- PREMIO BAILANDO CON PEDRAS 2024.
- PREMIO FESTIVAL MANHATTAN 2025.
O Festival SóLODOS EN DANZA é un proxecto de ámbito artístico-social que xera intercambio e mobilidade entre artistas. Utiliza diferentes estratexias de colaboración, para construír unha ponte cultural entre artistas de dous continentes (América / Europa). A PLATAFORMA CULTURAL SóLODOS traballa para a difusión da danza e as artes do movemento. Os seus proxectos promoven a danza como ferramenta social e de desenvolvemento cultural, xerando espazos de colaboración entre estruturas culturais, creando iniciativas que permiten o intercambio de coñecemento entre institucións públicas e privadas, centros de ensinanza escénica, artistas, público e a sociedade en xeral.