Para min o solsticio de verán márcao a noite de San Xoán, o cheiro a ramiñas de fiúncho, a flores de sabugueiro e a rosas, para poñer en auga a serenar durante a noite e lavar a cara a mañá do 24 de xuño. A fogueira diante de casa, na Praza da Ribeira do Berbés de Vigo, e as sardiñas. Todo isto, pese ao San de San Xoán, ten un aire profundamente pagán, pero, ao mesmo tempo, tamén é como un ritual festivo e relixioso (que me religa a algo difícil de explicar).
O solsticio de verán, para min, tamén vén marcado por cruzar a Ría de Vigo, que segundo o meu amigo o dramaturgo Xosé Manuel Pazos Varela é a Ría de Cangas do Morrazo (vila da que foi alcalde), para ir á Mostra de Teatro, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, a MITCF, que este ano 2024, na súa 41ª edición, fainos unha chiscadela especial incorporando no seu nome un “S” que, ademais de simbolizar o plural e a pluralidade, se insire na cerna do cómico para transformalo en cósmico e festivo. Algo hai aquí tamén de profundamente pagán e, ao mesmo tempo, de ritual relixioso.
Relixiosa e gozosamente acudo á 41ª Mostra de Teatro de Cangas, que se celebrou entre o 27 de xuño e o 7 de xullo de 2024. Fágoo nos últimos días da Mostra e, efectivamente, na programación deseñada pola dramaturga María Armesto e consensuada polo seu equipo: Salvador del Río, Casilda Alfaro, Xoán Carlos Riobó e Che Mariño, descubro esa pluralidade simbolizada polo “S” que este ano se introduciu no cómico, e descubro tamén a dimensión cósmica, máis aló das continxencias do presente. Descúbroo na abordaxe lúdico-musical da adolescencia, por Peripecia Teatro de Vila Real (Portugal), en A IDADE DO CACIFO. Descúbroo en como soa o espazo público, ao resoar a danza e a escoita de Andrea Quintana e Davide González en RUAR do Colectivo VACAburra, dirixido por Gena Baamonde, en coprodución con esta 41ª MITCF de Cangas. Descúbroo en como o corpo conta, mentres danza unha pantomima que nos leva de viaxe polas diferentes idades dunha persoa, en REDES de Las Ansiadas Producciones, un solo de José Luis Montiel Chaves, dirixido por José Piris Pereda. Descúbroo no teatro concreto de Ensalle, conxugándose con Juan Navarro e Terrorismo de Autor, cunha performance que rompe todos os moldes do comercial, do programable (polo menos no contexto dos teatros públicos galegos), para transitar polos límites no que atinxe ao actoral, ao musical e sonoro, ao textual. Estou a referirme ao irreferible, irrefreable e perturbador SOBREde Ensalle, outra coprodución da 41 MITCF de Cangas, que dá conta da pluralidade programática deste festival. E tamén podo incluír nesta lista o quinto espectáculo que vin: FEÍSIMA ENFERMEDAD Y MUY TRISTE MUERTE DE LA REINA ISABEL I de La Calórica, a ritmo de comedia sobre o poder e a morte. Unha escenificación que parece historizante, coma se nos levase na máquina do tempo á segunda metade do século XV, pero que é unha fantasía, capaz de renovar a imaxe e os clixés que podemos ter de Isabel a Católica, situándoa nos seus estertores. O cómico de aferrarse ao poder, coma se este puidese salvar a alguén da dor ou da morte. A Calórica faino de maneira có(s)mica.
E así entramos no verán, con baños de contraste para atenuar as calores e co (re)fresco dos teatros.