in , , ,

A 40ª MIT de Ribadavia resolve o Premio do Público e o Premio Abrente

Gañáronos ButacaZero, por ‘Iribarne’ e Alberto Ramos, por ‘Os servizo prestados’, respectivamente

MIT 2024 Iribarne reducida
'Iribarne'. Foto de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia.

A Mostra Internacional de Teatro; MIT, de Ribadavia vén de dar a coñecer a resolución do Premio do Público e tamén o Premio Abrente de Textos Teatrais da súa 40ª edición, que rematou o pasado sábado. Por unha banda, o xurado do Premio Abrente de 2024, composto por Nerea Brey, actriz e dramaturga premiada en 2023; Rubén Porto, actor; Marcos Alonso, membro da Sala Ártika; e Roberto Pascual, director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ata esta edición, decidiron conceder por unanimidade o premio ao texto titulado Os servizos prestados, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Alberto Ramos Ríos.

A obra destacou “polo seu interese social, con posibilidade de xerar debate arredor da explotación e da autoexplotación laboral e o risco que conleva de perda de dereitos da clase traballadora conquistados historicamente”. O xurado tamén subliñou o seguinte arredor dela: “Tamén transcende o texto ao ámbito afectivo, á perda de vínculos de amizade por motivos de relacións laborais.Os cambios de personaxes, o ritmo, a ruptura da cuarta parede, o pertinente uso de metáforas, son recursos compositivos que lle conceden ao texto moito interese escénico e calidade artística. Non é unha obra plana nin cunha única capa de recepción, xa que a complexidade dos personaxes e a capacidade para demostrar distintos puntos de vista fan de “Os servizos prestados” unha obra profundamente reflexiva e de recepción activa”.

Alberto Ramos é escritor e xornalista. Estreouse como dramaturgo co Premio Rafael Dieste en 2023 e na actualidade traballa para a Asociación de Actores e Actrices de Galicia na área de Comunicación.


Publicidade

 Por outro lado, como sinalan dende a MIT, o Premio do Público recaeu “por escasas décimas” no espectáculo Iribarne, “unha sátira política de excelente dramaturxia e interpretación e que se converteu nun dos espectáculos galegos máis valorados na historia deste festival internacional e que consolida a Esther Carrodeguas como unha das dramaturgas máis destacadas do teatro galego contemporáneo”. Dende a Mostra valoran así as votacións dos espectáculos desta edición: “Estiveron moi equilibradas e a satisfacción do público quedou de manifesto nesta edición espello que consolidou o público como protagonista indiscutible, un público experimentado e aberto á innovación á que se acostumou cunha mostra esixente, aberta e moi internacional nestes últimos anos baixo a dirección de Roberto Pascual”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

"Deixando a pel" da Aula de teatro da USC-Lugo. Imaxe de Laura Pose.

Deixando a pel

Entrega da Bolsa de Dramaturxia 2024

Santiago Cortegoso gaña a Bolsa de Dramaturxia do CDG