in

En mitad de tanto fuego

Que destino?

MIT 2024 En mitad de tanto fuego
'En mitad de tanto fuego'. Foto de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia.

 

“Remember

I will still be here

As long as you hold me

In your memories”

Josh Groban – BSO para Troya (2004)

A primeira vez que lin sobre a mitoloxía grega tiña catorce anos, estaba en segundo da E.S.O. e o profesor de lingua castelá mandáranos ler unha versión adaptada sobre a Odisea. Houbo algo que me atrapou. Algo máxico que me levou a perseguir as historias daqueles personaxes, deuses inalcanzábeis que vivían nun mundo exótico do que eu nunca formaría parte… e menos mal.


Publicidade

Volvemos aos clásicos gregos sempre que temos ocasión coa intención de volver a revivilos dende outro punto de vista; dende outras perspectivas que nos levan por camiños que nos afastan da historia central, como pode ser a Ilíada, para conectar dende outro lugar. Así, atopamos a Penélope da novela Penélope  y las doce criadas de Margaret Atwood, a Briseida da novela El silencio de las mujeres, de Pat Barker, ou a Helena da peza dramática  Helena, juicio a una zorra de Miguel del Arco. E agora chega a quenda de Patroclo, o curmán de Aquiles, mais que sabemos de Patroclo?  Que papel xogou Patroclo na guerra de Troia? Quen foi Patroclo antes de Aquiles?

En mitad de tanto fuego (dirección Xavier Albertí) chega á MIT de Ribadavia para facernos revivir a historia da guerra de Troia. Desta vez, o foco recae no personaxe de Patroclo, quen vai  contar e reconstruír a súa propia vida a través dun intenso monólogo, interpretado por Rubén de Eguía (candidato os Premios MAX 2024 na categoría de Mellor Interpretación Masculina), onde fala sobre o amor, o sexo, a violencia, a guerra, ou a morte.

O espazo é totalmente nu. Vemos o actor e unha cadeira situada no lateral esquerdo. Máis nada. A peza tampouco o precisa. A isto engadimos a dificultade de manter a atención durante 70 minutos de espectáculo, mais vai ser hipnótico ver o actor; á dicir, ver a Patroclo espirse en corpo e alma diante dun público que non perde detalle.

A dramaturxia (que corre a cargo de Alberto Conejero) amosa  un Patroclo capaz de empregar a prosa e o verso con valentía e onde rememora a súa propia historia con dor, con odio, con nostalxia, con desexo. Centrámonos na vida deste Patroclo dende antes da guerra de Troia, durante, e até o seu final. A carga emotiva está latente en todo momento, pasamos dunha emoción contida, en alerta, a outra máis descontrolada, máis explosiva.

Con todo, observamos certa masculinidade, tóxica talvez, sobre as súas accións na guerra de Troia, vemos o seu amor por Aquiles, o sexo, os celos cando este trae o seu motín de guerra (Briseida) e ocupa o seu lugar, a culpa cara a Helena como o vértice dese comezo da guerra. Patroclo avanza, cara a un final ineludíbel nun intento errado de frear toda aquela dor, aquela guerra. Achégase cara ao seu propio final nunha estrutura que semella circular, volvendo á súa posición de orixe, onde comezou este canto.

A peza, pretende tamén conectar coas guerras actuais, establecendo así unha ponte coa nosa época. Falamos da guerra de Troia na antigüidade, pero a guerra de Troia segue latente. Hoxe en día quizais non se chame Troia, pero si Palestina, Siria ou Ucraína.

En mitad de tanto fuego, Miramedia e Festival GREC

Autoría: Alberto Conejero

Dirección: Xavier Albertí

Axudante de dirección: Adrián Novella

Interpretación: Rubén de Eguía

Deseño de iluminación: Xavier Albertí e Toni Ubach

Fotografías de escena: David Ruano

Fotografías do cartel: María La cartelera

Comunicación: Lemon Press

Web: miramedia.productions

Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia.  Ribadavia, Auditorio Rubén García do Castelo. 25 de xullo de 2024.

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TRUPE FANDANGA. AI DE MIM. AI DO EU...

Dos Modos Nascem Coisas: Do contemporáneo á raíz

'Mover montañas' de Alberto Velasco na 40ª MIT Ribadavia 2024. Foto: Rosinha Rojo.

Alberto Velasco a mover montañas