in

O FIOT de Carballo desvela as pezas finalistas do VIII Certame Micro-Escenas Metro Cadrado

As funcións desenvolveranse en outubro, no marco da 33ª edición do festival

Wasteland Vaiembora
'Wasteland', de VAIEMBORA,

O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo vén de dar a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados polo seu xurado de profesionais das artes escénicas como finalistas da VIII edición do Certame Micro-Escenas Metro Cadrado, que poderán verse este outubro durante a celebración da 33ª edición do festival.

As 6 pezas seleccionadas entre as 44 propostas recibidas son: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. Delas, catro serán estreas absolutas.

Respira Sempre arriba
‘Respira’ de Sempre Arriba

O Certame Micro-Escenas Metro Cadrado é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2024 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT33: no gabinete Orixe Centro de Psicoloxía, no espazo cultural Espiral Maior Foro, na tenda de roupa Akira, na Fonte da Cristina, no estudo de deseño gráfico Ouvea Creatividade Gráfica e no Mercado Municipal.

Estas pezas finalistas do VIII Certame Micro-Escenas M2 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso.

Calendario de funcións

  • Sábado 12 de outubro, ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h
    • SEMPRE ARRIBA. Respira. Lugar: Orixe Centro de Psicoloxía (Gran Vía, 52). Estrea absoluta.
    • CARMEN DOMECH. Cronopios a escena. Lugar: Espazo cultural Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34).
  • Sábado 19 de outubro, ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h
    • VÓRTICE ESCÉNICO. Rebel Rebe. Lugar: Tenda de roupa Akira (Ponte, 6). ESTREA ABSOLUTA.
    • AVIVA-LO. Teño un caravel no peito. Lugar: Fonte da Cristina. ESTREA ABSOLUTA.
  • Sábado 26 de outubro, ás 12.00 h, 13.00 h, 18.00 h e 19.00 h
    • VAIEMBORA. Wasteland. Lugar: Ouvea Creatividade Gráfica (Gran Vía, s/n). ESTREA ABSOLUTA.
    • ARTESA CÍA. Panos de Vinaghre. Lugar: Mercado Municipal (Rúa Cervantes, s/n)

O certame

O Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.


Publicidade

As e os artistas xerarán novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes.

O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da oitava edición do certame, convidando a compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se puidese poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral, entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.

As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, tivéronse en conta aquelas obras que empreganmedios dixitais.

Ao longo de este oito anos, o certame acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (288, sumando as 44 pezas recibidas a concurso neste 2024) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Mover montañas' de Alberto Velasco na 40ª MIT Ribadavia 2024. Foto: Rosinha Rojo.

Alberto Velasco a mover montañas

A festa dos Titeres reducida

O Titiriberia iniciou a súa novena edición