Vai sendo hora de que os dereitos humanos e os avances na igualdade, a eles asociados, se cumpran en todos os ámbitos. O teatro e a danza non poden ser refractarios a este respecto. Aínda son poucas as experiencias das que temos coñecemento, nas que os escenarios son un espazo de integración da diversidade funcional etc.
Robert Wilson en Deafman Glance (A mirada do xordo) (1970) inspirábase no xeito de percibir o mundo do rapaz de 12 anos, xordomudo, Raymond Andrews, a quen Wilson recollera da rúa e de quen se fixera o seu titor legal para salvalo de entrar nun correccional, nunha época na que o racismo era moi acentuado. O rapaciño era negro e, ao parecer, fixera algo “ilegal” e non se podía defender porque era xordomudo e tampouco tiña familia nin ninguén que se fixese cargo del. Robert Wilson creou un incrible espectáculo paisaxe dunhas 12 horas, dunha factura visual sorprendente, cunha utilización do tempo e das duracións fóra do común. Alí actuaba tamén o propio Raymond Andrews. Algo semellante aconteceu coa integración de Christopher Knowles, un rapaciño autista de 14 anos, na peza A Letter for Queen Victoria (Unha carta para a raíña Vitoria) (1974), con música de Alan Lloyd. Os debuxos de Christopher Knowles feitos con letras, así como a des-construción da linguaxe, fascinaron a Wilson, que encontraba unha similitude entre os garabatos de Knowles e os seus propios cadernos.
Outro creador revolucionario na historia das artes escénicas, que integra as achegas de persoas con diversidade funcional, sen facer diso o tema das pezas, é Pippo Delbono. Na 34ª MIT Ribadavia 2018 puidemos ver o emocionante traballo de Bobò en La Gioia (A ledicia), actor xordomudo que participou durante décadas no “devised theatre” (teatro de creación colectiva) da Compañía de Pippo Delbono.
Na veciña Portugal temos as creacións asombrosas, sen concesións ao confortable no que atinxe aos nosos prexuízos respecto ao corpo válido ou inválido, da coreógrafa e bailarina tetrapléxica Diana Niepce. Para min ver no 13º GUIdance 2024, festival internacional de danza contemporánea de Guimarães, Anda Diana (2020) foi un antes e un despois.
Tamén en Portugal, desde 2001, na Rexión Autónoma da Madeira, a Companhia Dançando com a Diferença, con dirección artística de Henrique Amoedo, ofrécenos belísimas pezas de danza inclusiva, para as cales convida a coreógrafas e coreógrafos de prestixio internacional. Eu puiden ver Beautiful People (Xente fermosa) (2008) de Rui Horta, no 12º GUIdance 2023, onde tamén asistín a un ensaio de Blasons (Brasóns) (2022) + Doesdicon (anagrama da palabra “escondido”) (2017) de François Chaignaud e Tânia Carvalho, respectivamente. E aínda vin Happy Island (Illa feliz) (2018) de La Ribot no TRC Danza 2019 do Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Pola 38ª MIT Ribadavia 2022 tamén pasou o inesquecible Hamlet dirixido por Chela de Ferrari do Teatro La Plaza de Lima (Perú). Un elenco de oito actrices e actores con Síndrome de Down que, nun traballo de creación colectiva, conectan a peza de Shakespeare coas súas inquedanzas vitais, para facérnolas extensivas dunha maneira gozosa.
Recentemente, na 40ª MIT Ribadavia 2024, estreouse no Auditorio do Castelo, o 26 de xullo, Nada se sabe do Centro Dramático Galego e Culturactiva, dirixido por Ignacio García e Fran Rei, coa interpretación de Rubén Bargiela Sierpes, Corina Alfonso Maña, Elvis García Torres e Alba Chao García. Neste caso, trátase dun espectáculo que tematiza a discapacidade a través dos seus intérpretes, nun xogo metateatral a través da representación dunha versión de Filoctetes de Manuel Lourenzo. Hai humor desenfadado na auto-presentación das dúas actrices e dos dous actores. Desfrutamos moito escoitándoas e véndoas, felices e contentas de actuar e de compartir a súa arte con nós.
A dramaturxia parte e recupera, para os leigos na materia, o ensaio Quod nihil scitur (Que nada se sabe) do galego Francisco Sánchez o escéptico (Tui, 1550 – Toulouse, 1623), precursor da dúbida metódica cartesiana. Porque aquí tamén se trata de pór en dúbida o válido e o inválido, o adecuado e o inadecuado, o normal e o anormal… Así sendo, hai unha reivindicación lúdica a través da representación teatral que fan de Filoctetes, o heroe abandonado por Aquiles e os seus nunha illa porque xa non lles servía para a batalla. A metáfora do ser humano descartado e illado válelles, ademais, para brincar coas posibilidades de subverter os “encasillamentos” das supostas adecuacións actorais aos personaxes e outros xeitos de clasificar seres humanos. Ao trocar de personaxes, as actrices e actores, poñen en cuestión as certezas, que non son máis ca prexuízos, segundo as cales un actor ou unha actriz serve ou non para facer tal ou cal papel (no teatro e na sociedade). Deste xeito, Nada se sabe non é só unha interpelación á nosa ignorancia e prexuízos, senón tamén á liberdade e á igualdade no que atinxe á realización persoal, poñendo en dúbida a suposta “normalidade”. O espectáculo, ademais do xogo actoral, integra efectos escénicos que procuran momentos de atractivo visual e atmosférico, con evocacións mitolóxicas.
Velaquí a última experiencia que desfrutei, na que a igualdade parece achegarse ao cumprimento, pero aínda falta. Tamén podería citar, porque teño noticia, aínda que non a puiden ver, Supernormales (2022) de Esther F. Carrodeguas, producida polo CDN de Madrid.
Non obstante, todo isto aínda é pouco e sinto que non é suficiente. Sen igualdade non hai cumprimento dos dereitos humanos e sen iso, en verdade, todas as persoas saímos prexudicadas. O prexuízo vennos de que a “normalidade”, así como outros criterios discriminatorios tipo a utilidade etc., son tamén un cárcere para ti e para min. Pénsao.