in ,

Loia Producións debuta no FITO con ‘María Visitación Consolación Amadora’

Ensaio de 'María Visitación Consolación Amadora' de Loia Producións. Foto: Ringo
Ensaio de 'María Visitación Consolación Amadora' de Loia Producións. Foto: Ringo

A compañía Loia Producións presenta o seu primeiro espectáculo: María Visitación Consolación Amadora. O título ten nome de muller ou de mulleres para darlles protagonismo ás voces femininas, un dos obxectivos desta compañía creada por Aida Cobas, quen ten unha forte conexión co teatro comunitario, co mundo do tradicional e co rural.

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) cedeu todo o material das entrevistas realizadas no proxecto Corcosendo ao que se engadiu documentación sobre a vida nos anos 50 e 70 na comarca da Ulloa e entrevistas a outras persoas relacionadas co tema.

A obra estréase dentro do marco do FITO na Sala Emília Pardo Bazán, este martes 22 ás 20 h. As vindeiras actuacións serán en Lugo o 31 de outubro, e logo en novembro o 23 en Antas de Ulla e o 24 en Ferreira de Pantón.

O elenco confórmano a propia Aida Cobas, Clara Tallón e Miguel Varela. A dramaturxia e dirección corre a cargo de Paloma Lugilde.


Publicidade

María Visitación Consolación Amadora pretende amosar a vida desas mulleres que, dentro do contexto complexo que lles tocou vivir, conseguiron ter certa autonomía e incluso chegar a gañar máis que os homes en anos nos que isto era inaudito. Pon o foco en diferentes costureiras da Comarca da Ulloa, abordando o cooperativismo e a soidade, a costura como traballo e expresión artística, a memoria e a industria téxtil…

A peza parte daquelas mulleres que creaban en harmonía co medio, remendando, tratando de compoñer traxes cos restos de teas, artellando da mellor maneira que podían, co pouco que había, na contra da actual cultura do usar e tirar.  María Visitación Consolación Amadora incide no feito de que aquelas mulleres tamén forman parte do noso patrimonio cultural.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podería ser calquera, de DisidenCia, fotografía de Bea Saiáns

Teatro Gorrilla X Síntese

Ada Byron © La Westia Producciones

Camiño Escena Norte pecha a súa sexta edición con ‘Ada Byron: la tejedora de números’