A sexta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega hoxe, xoves 24 de outubro, ao seu fin. A Mariña lucense acollerá a función de despedida. Será no Teatro Municipal Pastor Díaz de Viveiro, ás 20.30 horas, cunha representación do espectáculo Ada Byron: la tejedora de números, unha proposta na que a compañía asturiana La Westia Producciones combina teatro e ciencia para dar conta da vida dunha das mulleres máis relevantes da historia da humanidade.
A obra, dirixida a público adolescente e adulto, presenta a Ada Byron moi enferma, na cama, e que no seu delirio ve o seu pai morto (o poeta romántico lord Byron), con quen revisa a súa propia vida, na que as matemáticas adquiren un gran protagonismo. Nesa revisión vital, na que pai e filla se coñecen, xorden revelacións e reproches que fan cambiar a concepción que Ada ten da súa existencia.
A peza conta numerosos galardóns: foi recoñecida o ano pasado co Premio Jovellanos á Produción Escénica, mentres que neste 2024 acadou seis Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias, entre eles, o de Mellor Espectáculo.
As entradas (a 5 € o prezo xeral e a 3€ o prezo reducido) pódense reservar escribindo un correo electrónico a [email protected] ou chamando ao teléfono 982560162, en horario de 9 a 14 horas, e no despacho de billetes do teatro Pastor Díaz desde unha hora antes do inicio da función.