Convidados pola Varazim Teatro-Associação Cultural, organizadora do festival É-Aqui-in-Ócio en Póvoa de Varzim, atopámonos alí, o día 22 de setembro, cun abundante número de espectadoras galegas para asistir á estrea de Territórios de Liberdade, unha coprodución do Centro Dramático Galego, a Compañía Certa da Varazim Teatro e Tanxarina Títeres.
Cómpre lembrar que estas relacións galego-portuguesas comezaron a cocerse aló polo 27 de marzo de 1996 coa coprodución transfronteiriza entre Teatro de Ningures de Cangas do Morrazo, de Galiza e Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, de Portugal. A obra foi Terra de lobos de António Torrado, dramaturgo portugués, a partir do relato Lobosandeus de Méndez Ferrín, no que se recrea o mundo arraiano onde as dúas linguas irmás conviven en planos de igualdade.
Mais agora queremos narrar que, 28 anos despois, esta nova coprodución volve unir os dous idiomas e a profesionais dos diferentes oficios teatrais de Galiza e Portugal. Territórios de Liberdade está escrita por Zé Paredes, dramaturgo portugués que chega a Galiza no 2001 integrado no elenco de Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, nunha coprodución co CDG, o FITEI e a Companhia de Teatro de Braga. Desde ese ano fixa a súa residencia en Cangas do Morrazo onde mora na actualidade.
Nesta peza, o autor conta a historia de dous canteiros galegos que viaxan a Portugal reclamados polo seu irmán maior para traballar en Lisboa. No camiñar detéñense en distintas cidades como Porto, Póvoa de Varzím, a raia con Extremadura e finalmente Lisboa. Estes espazos polos que transitan na súa viaxe iniciática sitúan o público en diferentes pasaxes históricas que sucederon en Portugal, con referencia á Monarquía, ás Ditaduras Fascistas e ás Repúblicas, xogando en paralelo, con momentos históricos que tamén aconteceron en España.
Partimos dunha documentada peza na que o autor, entre outros temas, formula o problema ético do terrorismo utilizado como medio operacional de liberación para cambiar réximes fascistas por democracia. E tendo como fondo sempre, a bandeira da Liberdade. A Utopía que hai que coidar… aínda hoxe. Toda esta transcendental temática está adobada moi intelixentemente coa salsa do humor, a ironía, e a crítica aos folclóricos tópicos dos e entre portugueses e galegos.
O proceso de creación da peza que se desenvolveu en diferentes espazos de Portugal e Galiza tivo ademais outras interesantes propostas consensuadas entre o autor da obra, o director Quico Cadaval, os membros de Companhia Certa, Joana Luna, Joana Soares e Eduardo Faria, mais os membros de Tanxarina, Miguel Borines, Andrés Giráldez, e o inestimable Tatán que, nesta ocasión, non interviu na obra, mais participou activamente na súa creación.
Utilizando diferentes linguaxes: interpretación xestual, monecos (base fundamental da compañía galega), música, sonoplastia e unha sinxela e funcional escenografía, o espectáculo resulta de sumo interese, de aplauso en pé e merecente dunha extensa distribución.
Ata este momento, Territórios de Liberdade pódese ver en 2024 o 8 de novembro no Teatro García de Resende de Évora, e para o 2025, o 15 de febreiro no Auditorio do Multiusos da Xunqueira, Redondela e o 25 de abril, día tan sinalado, no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. Viva a Liberdade!