in

O 4º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais entrega o premio a ‘Berenguela na gaiola’

A obra fora presentada conxuntamente a concurso polas compañías Galeatro e Xarope Tulú

Entrega Premio Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 2024
Entrega do premio do 4º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais 2024. Fonte: Casa-Museo Manuel María

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu o mércores a entrega do premio correspondente á 4ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración do Centro Dramático Galego; das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; das Mostras de Teatro de Ribadavia e Cariño e dos concellos da Coruña, As Pontes, Ames, A Rúa, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cedeira, Culleredo, Ferrol, Lugo, Melide, Moaña, Monforte, Muros, O Barco, O Grove, Oleiros, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Soutomaior, Tomiño, Verín, Vilagarcía, Vilalba, Vimianzo e Viveiro.

Nesta ocasión o premio recaeu na obra Berenguela na gaiola, con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira e presentada conxuntamente a concurso polas compañías Galeatro e Xarope Tulú sobre o texto teatral de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. O elenco estará formado por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García; acompañados de Nicolás Zamorano e Lorena Calvo na escenografía, iluminación e caracterización, Xavier Bertolo no espazo sonoro e Sol Álvarez no traballo audiovisual.

O xurado desta edición estivo presidido polo dramaturgo e Premio Nacional de Teatro Manuel Lourenzo,, actuando de vogais Vanesa M. Sotelo (dramaturga, directora teatral e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e Carlos Lorenzo (presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural). Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede como presidente da Fundación Manuel María.

A resolución do premio foi tomada por unanimidade e o xurado cualificou o proxecto como “sólido e solvente, ofrecendo unha proposta novidosa sobre unha das pezas máis emblemáticas de Manuel María”. Este resaltou, ademais, que “a obra tende unha ponte entre a nenez e a vellez presentando con intelixencia e ironía a defensa de valores como ter dereito a un futuro libre, colocar o protagonismo feminino no centro ou denunciar a desatención da vellez e da infancia”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta diferentes capas de lectura, o que lle dá unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar”, o que está reforzado pola “actualización que Paula Carballeira realiza da obra orixinal de Manuel María mantendo, ao mesmo tempo, a esencia de entretemento e compromiso que caracterizan a obra de este”.


Publicidade

O certame

Este certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Neste caso, despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2026.

En relación ao premio outorgado “adóptase unha fórmula orixinal que combina a axuda económica para producir o espectáculo e unha ampla xira de representacións”. O galardón garante 40 representacións en outras tantas cidades e vilas galegas grazas á colaboración das Deputacións, Concellos e diferentes mostras de Tteatro. Alén diso a propia Fundación achega 4000 euros como axuda á produción e o CDG achega 15.000.

No acto de entrega participaron Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María; FranNúñez, director do Centro Dramático Galego; Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago, así como Vanesa M. Sotelo e Carlos Lorenzo, en representación do xurado.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Pepe Saavedra.

Fin de semana de Microefectos Dramatúrxicos no Club Clavicémbalo de Lugo

Foto de familia da primeira edición dos Premios Manu Lago do Circo de Galicia. Foto: Afonso Becerra.

Primeira edición dos Premios Manu Lago do Novo Circo Galego