in ,

Julio César

O Chapitô nunca falla

Julio César, da Companhia do Chapitô, na Feria de Teatro de Castilla León
Julio César, da Companhia do Chapitô, na Feria de Teatro de Castilla León

O día 24 de agosto, tiven a oportunidade de asistir a unha función de Julio César, da Companhia do Chapitô, no marco da Feria de Teatro de Castilla León, en Ciudad Rodrigo. Sendo completamente honesta, dentro da programación á que puiden asistir, este espectáculo era un dos que máis agardaba poder ver, e foi xusto o derradeiro do festival. Esta espera pagou a pena, porque a Companhía do Chapitô nunca decepciona. Xa o ano pasado, que foron programados neste festival con esta mesma peza, pero por mor dunha lesión, fixeron a súa Antígona, demostraron ao público de Ciudad Rodrigo a súa capacidade de facer tanto con tan pouco.

O achegamento do Chapitô á traxedia de Julio César está empapada da súa personalidade. É divertida, pero ácida, aparentemente sinxela, e proba a universalidade do clásico. Todo isto con só tres actores, luvas prateadas, papel de agasallo vermello e unha boa iluminación. De xeito moi humorístico, vemos de que maneiras os grandes comandantes de ferro, que pensan algúns que son tan necesarios nestes tempos, resultan ser marionetas dos intereses económicos e políticos dunha minoría poderosa.

Ver ao Chapitô é ver unha masterclass en interpretación. Jorge Cruz, Pedro Diogo e Susana Nunes encarnan perfectamente a varios personaxes, perfectamente diferenciados, grazas ao traballo co corpo e voz, sen necesidades de grandes mudanzas no vestiario. O visionado dos espectáculos do Chapitô debería ser obrigatorio para todo estudante de arte dramática.


Publicidade

Julio César tamén ensina a importancia da complicidade e o pracer sobre as táboas. A técnica interpretativa dos tres está visiblemente traballada, pero se algo fai que o espectáculo chegue á calidade que ten, é a complicidade que existe entre os tres actores. Nótase que confían os uns nos outros e que gozan da labor que están a realizar.

En conclusión, o Chapitô nunca falla. Fan rir, pero tamén reflexionar. Os clásicos non lle quedan grandes.

Julio César, Companhia do Chapitô

Creación colectiva da Companhia do Chapitô
Dirixida por: José C. García e Cláudia Nóvoa
Interpretación: Jorge Cruz, Pedro Diogo e Susana Nunes
Dirección de produción: Tânia Melo Rodrigues
Deseño de luces: Bruno Boaro e José C. García
Deseñador gráfico: Silvio Rosado
Comunicación: Cristina Carvalho
Audiovisuais: Frank Saalfeld
Distribución: César Arias – MARMÔRE

Feria de Teatro de Castilla y León. Ciudad Rodrigo, 24 de agosto de 2024.

Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001) estudante de Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

La lengua incompleta, de La familia política, en la Feria de Teatro de Castilla León

La lengua incompleta

Poi, de Cia D'es Tro, na Feria de Teatro de Castilla León

Poi