in ,

A Sala Ártika acolle a estrea do espectáculo ‘O último home’

O espazo vigués ofrece dúas funcións da nova proposta de Ainé Producións e Manuel Cortés

O último home Aigi Boga
'O último home'. Foto de Aigi Boga.

A Sala Ártika de Vigo acolle hoxe e mañá ás 20.00 horas as funcións de estrea da peza O último home, o novo espectáculo de Ainé Producións con Manuel Cortés. Trátase dunha obra que mestura a poesía, o teatro e a música e que sitúa o público na extinción da humanidade. “Unha soa persoa queda para facer balance do que fixemos —ou non fixemos— e como tendo todo a favor para gozar da nosa existencia no mundo, conseguimos levalo ao colapso. A pesar desta temática, o espectáculo fálanos desde a comedia e desde a poesía, armas útiles para sobrelevar as grandes catástrofes e, nesta obra, estamos diante da maior catástrofe posible”, recolle a sinopse da peza.

Esta proposta de Ainé conta coa dirección de Borja Fernández, textos orixinais e dramaturxia de Manuel Cortés, espazo sonoro de Russ, espazo escénico de Carlos Alonso, deseño de iluminación de Laura Iturralde, vestiario de Elena Cortés e audiovisuais de Samuel Cortés. En escena, Manuel Cortés e Russ interpretan os textos e a música en directo.


Publicidade

O proxecto conta coa axuda da Agadic a través do seu programa de Subvencións á Creación Escénica para a súa produción, e, logo da súa estrea en Vigo, O último home sairá de xira por Galicia nos próximos meses.

Sinopse

O último home é unha comedia teatral a modo de recital poético. E viceversa. Sendo precisos, unha comedia poética. Un artefacto cómico-poético-teatral para un home actor/rapsoda e unha muller DJ/ambientadora sonora, sobre a idea da extinción da especie humana. O último home expón, desde a evidencia, o feito de que unha soa persoa sobreviva ao resto. Sen traumas. Sen alarmas. E con humor, por suposto. Porque non deixa de ser cómico que tendo todo a favor para gozar do mundo, o vaiamos destruír sen reparar en que nós formamos parte del”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Marina Gómez e Fernando Castro Paredes

“O teatro é un viveiro para o desenvolvemento intelectual e afectivo”