in

Etelvino Vázquez e a consagración do teatro

Foto: 'In Memoriam: Federico García Lorca 1898-1936' de Teatro del Norte.
Foto: 'In Memoriam: Federico García Lorca 1898-1936' de Teatro del Norte.

O 31 de xaneiro de 2025, no teatro Jovellanos de Xixón, a Asociación de Empresas de Artes Escénicas EscenAsturias entrégalle o Premio Oh! De Honor 2025 a Etelvino Vázquez (1950), cuxa compañía, Teatro del Norte (1985), cumpre 40 anos en 2025.

Eu, que fun alumno del durante tres cursos anuais, ou sexa durante tres anos, a principios dos 90, imaxínomo no papel da bailarina arredor da cal se conxuraba A consagración da primavera de Pina Bausch coa intensidade esotérica da música de Igor Stravinsky. Imaxínoo así porque aquela moza, na creación de Bausch, danzaba até morrer como acto propiciatorio que invocaba á deusa da primavera. Etelvino Vázquez tamén leva danzando teatro moitos anos e penso que o ha seguir facendo até o final, para continuar nas asas da historia que transcende a do teatro asturiano, porque a súa obra espállase por moitos lugares. Unha vida consagrada ao teatro!

Para min foi o grande mestre co que aprendín os fundamentos do teatro cando eu quería ser actor. Ben, en realidade gustábame o teatro e quería facer teatro. Daquela cría que facer teatro era actuar directamente enriba do escenario. Aínda non pensaba eu en que sen dramaturxia e dirección non hai espectáculo. Pero isto tamén o aprendín de Etelevino, porque nas súas aulas, que eran totalmente prácticas, tamén nos pasaba algúns textos teóricos, como aqueles sobre a dramaturxia do actor, de Eugenio Barba, con quen el tiña traballado e coincidido en moitas ocasións. Aqueles escritos, igual que as prácticas de aula, a min facíanme pensar moito.

Lémbroo como un dos mestres máis xenerosos e arriscados que tiven na vida. E tiven moi bos mestres, inesquecibles, aos que homenaxeo aínda hoxe citándoos nas miñas aulas. Foi, precisamente nunha das súas, no primeiro ano, facendo os monólogos do fabuloso Bestiario de Javier Tomeo, cando fixen o clic, cando, despois dunha longa sesión na que el se esforzou en axudarme, intentando que deixase de facer que facía teatro, fun capaz de traballar desde a conexión co meu corpo, rachando clixés, “amaneiramentos” e poses teatrais falsas. Aquel día, de suor e bágoas, fixen o clic, descubrín o liberador que é o teatro e a marabillosa capacidade que ten para sacarnos desa zona de confort e alienación moldeada polas comenencias e as normativas non escritas do noso día a día. Descubrín que o teatro é unha vía de coñecemento e de auto-coñecemento excepcional porque nos saca do noso lugar común e nos leva cara a outros estados e percepcións clarividentes, nos terreos do extraordinario. Pero para todo aquilo era necesario algo que agora parece non estar de moda: a autoridade académica e profesional, o respecto e a confianza en alguén que trae consigo unha formación, unha dedicación, un oficio e un coñecemento. Eu confiaba en Etelvino, como sempre confiei nas miñas profesoras e profesores, porque sentía que tiñan algo que aprenderme, porque estaba ávido por aprender sobre o que me gustaba, igual que continúo estándoo a día de hoxe.

Etelvino era un profesor, naquelas magníficas e intensas aulas do Instituto del Teatro y de las Artes Escénicas de Asturias, o xa mítico ITAE, do que saíron grandes profesionais e artistas, que non parecía facer concesións ao politicamente correcto, que se involucraba de pleno no proceso de aprendizaxe do seu alumnado, con paixón e un compromiso asombrosos.


Publicidade

Lémbroo, ademais, como director e actor en Teatro del Norte. O seu traballo facía do teatro dramático unha reconexión cos rituais primixenios. Había algo, no seu xeito de traballar enriba das táboas, de feiticeiro. Aínda hoxe conservo na retina as imaxes e no peito as emocións da súa Yerma, no teatro Jovellanos de Xixón, na primeira metade dos 90. Creo que debeu ser, se non me erro, a primeira vez que facía de Yerma un home, activando, dese modo, moitas outras capas de significación que, sen dúbida, enriquecían a peza de Federico García Lorca. Penso que o seu xeito de organizar a interpretación, de darlle unha “organicidade”, estaba moi ancorada nos principios pre-expresivos da antropoloxía teatral de Barba e nunha concepción moi física do teatro. O corpo, a voz e as emocións como membranas que vibran, como na danza, segundo os personaxes e as historias a representar, como papeis en branco sobre os que se escriben as máis impresionantes situacións.

O meu agradecemento tamén é co Etelvino director artístico, cando organizou, por aquela altura, os ciclos de artes escénicas de CajAstur na Colegiata de San Juan Bautista, anexa ao Palacio Revillagigedo de Xixón, onde puiden ver por primeira vez, con 18 anos, a Cesc Gelabert, a La Ribot, a Esperanza Abad, etc. que me mudaron 360 graos a idea que eu tiña de teatro. Aquilo foi un antes e un despois!

Di o refrán: “galegos e asturianos, primos y hermanos”. Se non é vero e ben trovato, na variación daquel antigo aforismo de Guiordano Bruno. O caso é que, ademais de que o teatro é un feito comunitario que se alimenta das circunstancias socio-políticas do ecosistema cultural no que se dá, a veciñanza forma unha parte consubstancial desas circunstancias que lle afectan. Non de balde, por exemplo, o teatro galego necesita, para acadar a súa plenitude, o coñecemento e a interacción co teatro portugués e, en certo modo, co asturiano e viceversa. Sexa como for, Etelvino Vázquez tamén é unha figura principal para o desenvolvemento e a historia das artes escénicas de Galiza. Remítome aos feitos: participou no espectáculo inaugural do Teatro Galán en Compostela, un dos berces da danza contemporánea galega, o 17 e 18 de abril de 1993, titulado Tres homes SOS, dirixido por Ana Vallés, xunto a Cesc Gelabert e ao músico e compositor Enrique Macías; ademais, entre outras cousas, foi un dos directores de cabeceira de Teatro de Ningures (1986), compañía coa que escenificou, se non me fallan as contas, quince espectáculos, desde finais dos anos oitenta, que percorreron non só a xeografía galega, acadando unha candidatura ao Mellor Espectáculo Revelación dos Premios Max en 2004 pola adaptación teatral da novela Círculo de Suso de Toro e facéndose co Premio Max ao Mellor Texto en Galego de 2008 por Emigrados, unha dramaturxia de Xosé Manuel Pazos Varela e Etelvino Vázquez, con dirección deste último, a partir dos textos de Anxos Sumai, Sonia Torre, Suso de Toro e o propio Xosé Manuel Pazos.

E aí continúa Etelvino, inquedo e vital, a transformar nesta semana, o luns 13 de xaneiro de 2025, a sede da súa compañía, en Lugones (Asturies), nun Centro de Investigación e Creación de Teatro del Norte. Unha vida consagrada ao teatro, esa arte que, como a primavera, renova a ilusión e a confianza no mellor do xénero humano.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O último home Aigi Boga

A Sala Ártika acolle a estrea do espectáculo ‘O último home’