iXa, a compañía vasco-navarro-galega dirixida polo vigués Xián Martínez, visita Vigo hoxe, 28 de febreiro, para realizar a estrea en Galiza do seu espectáculo NIK·EU 2.0. Ás 20 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, sito na Praza do Rei, iXa presenta NIK·EU 2.0, unha peza para catro intérpretes, onde Claudia, Miguel e Raul acompañan a Xián nunha viaxe sobre a identidade e a perspectiva do director sobre a masculinidade e como esta marcou o seu crecemento.
Acompañados polo deseño de son e composición orixinal de Aire e Fernando Careaga e a iluminación de Fermin Izko, vaise poder ver esta obra, dentro do marco da programación de Vigocultura.
Tras un ano 2024 de crecemento iXa volve á cidade natal do seu director para presentar o novo espectáculo. No 2024 iXa realizou un total de 40 funcións entre producións propias e encargos para outras compañías ou plataformas.
Con Pioneiras//Aitzindariak, primeira peza para teatros da compañía, estreada en 2021 e que pasou tamén por Vigo hai xa un tempo, iXa estivo este ano de xira internacional en México, visitando os principais festivais de danza dese país. Ademais, o seu director foi convidado para facer creacións en Estados Unidos para Black Leaves Dance Company en colaboración coa Embaixada de España en Washington D. C. e o American Dance Festival.
Este ano 2025 abriu a súa temporada coa reposición de Yellow Lemon, unha peza creada para a EDCM de Montreal en 2022, e que acaba de volver aos escenarios encargada pola compañía Elephant in the Black Box Junior en Madrid.
Martínez, que reside actualmente en Barcelona, xa que traballa alí como profesor convidado no Institut del Teatre e como bailarín para creadoras como Sol Picó ou Toni Mira, comeza este ano cunha forte presenza no territorio galego, xa que está a cargo da dirección de movemento e coreografía da gala dos XXIII premios audiovisuais Mestre Mateo xunto a Esther Latorre (de Colectivo Glovo), dirixe o movemento do novo espectáculo de Marta Alonso Tejada cía, Dance Join que se vai estrear en Ames o próximo 20 de Marzo. Ademais, Xián volverá a esta localidade o 25 de Abril con Pioneiras//Aitzindariak, a primeira producción de iXa, que tras 5 anos segue en xira.