O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá hoxe, 16 de marzo, ás 12.00 horas, a estrea do espectáculo Fábrica de fume, unha proposta de teatro comunitario que afonda no concepto de arte e industria a través da historia de Sargadelos. Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla asinan a dramaturxia e a dirección de escena deste traballo que tivo a súa orixe no proxecto internacional de teatro en linguas minoritarias Phone; e que coproduce agora o Centro Dramático Galego co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a colaboración da Federación Galega de Teatro Afeccionado.
A montaxe conta coa interpretación dun elenco de 18 actores e actrices pertencentes a Fegatea: Nieves Pérez, Juanín Ares, Chus Devesa, Antonio V. Turnes, Pablo Fernández, Lola Roel, Valentín Entrialgo, Edita Álvarez, Guadalupe López, Carmen Lois, Sara Nieto, María José Lagoa, Quico Ramilo, Manuel Llilla, Lucía González, María José González, Reyes López e Ana Rosa Pavón. Pola súa banda, as realizacións de vestiario e caracterización son obra do alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes (A Coruña) e do Instituto A Pinguela (Monforte de Lemos), baixo a coordinación de Ana Calviño, Rosa Mar Díaz e Luz Freire, en tanto que o deseño de iluminación o asinan As Dúas e Punto.
Investigación, pedagoxía e creación
Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla levan desenvolvendo desde hai dous anos un traballo artístico e de campo que atravesa a excelsa historia da fábrica de cerámicas de Sargadelos, no que aplican a súa filosofía de entender a arte desde o diálogo coa cultura en xeral e a cidadanía. Mesturan o eido pedagóxico e comunitario, o de investigación artística a través da práctica escénica e a experimentación no propio Museo Histórico de Sargadelos. Este proceso remata co espectáculo comunitario Fábrica de fume, que nace ao abeiro do Centro Dramático Galego do marco proporcionado durante a pasada temporada polo proxecto Creativa Europa Phone, unha iniciativa única no panorama teatral do país que busca promover a lingua galega á vez que darlle visibilidade ao teatro amador conectándoo co profesional.
A peza afonda no concepto de arte e industria, explorando as temáticas que xorden ao centrar a atención nas persoas que traballan no ámbito fabril. As directoras inspíranse no fenómeno industrial de Sargadelos, extraendo del o material con maior potencial para a creación colectiva noutras fábricas e experiencias que combinan imaxinación e vivencias persoais arredor do traballo dos intérpretes participantes.
Integración de equipos
O obxectivo tamén é “crear un espectáculo en paralelo ás liñas temáticas e de produción propia de cada ano do Centro Dramático Galego, poñendo en valor os recursos existentes, a integración cos equipos e o deseño das creacións profesionais anuais, ademais da colaboración con centros de Formación Profesional”. Deste xeito, se en 2024 a compañía compostelá Nauta Teatro desenvolveu a obra O corazón na boca canda á produción pública Os actos e as profecías; en 2025 será Fábrica de fume a que dialogará con A burra, a mesa e o pau, servíndose do mesmo escenario.
O Salón Teatro, a sede do Centro Dramático galego en Santiago de Compostela, ofrecerá tres funcións de Fábrica de fume os domingos 16, 23 e 30 de marzo ás 12,00 horas. O acceso é gratuíto previa retirada de localidades no despacho de billetes, aberto desde unha hora antes do inicio de cada pase.