Producións Teatrais Excéntricas ten un aquel coa Idade Media —xa sexa Alta ou Baixa—. Entre as súas pezas, destacan as montaxes de Estrela do día (2021) —arredor das milagres de Santa María—, Medida por medida (2019) ou a máis recente Mala vida e pior morte do rei Ricardo III (2025, no contexto das Clásicas desfeitas propiciadas polo CDG), ambas as dúas últimas, baseadas en textos de William Shakespeare.
En As desterradas, metémonos dentro dun convento de monxas bieitas medievais sometidas -como todas as monxas- á autoridade da Igrexa e —como todas as mulleres, e de forma evidente no seu tempo— ao poder. Neste caso, nun convento situado entre as fortalezas de Melgaço e Fornelos e sometido á reforma firmada pola raíña dona Xoana de Castela mais auspiciada dende os mosteiros bieitos de Valladolid, ansiosos por apropiarse dos fecundos dominios daqueles conventos e mosteiros galegos.
Con estes vimbios, a escritora Carme Varela firmou un texto que, baixo o nome de As desterradas, acadou o 25º Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais en 2020. Neste, a autora relata o conflito entre as monxas do convento de San Salvador de Albeos e as autoridades civís e relixiosas que as pretenden botar fóra, exemplificando así unha vez máis unha loita de poderes desiguais da que as monxas, evidentemente, serán as perdedoras, tendo que integrarse na comunidade de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela.
Unha historia que, por moito que se romantice, fala da fin dunha época —a feudal— e do comezo doutra na que o poder será moito máis centralizado. En realidade, mesmos amos con diferente chapeu.
En particular, para Galiza tivo ademais a importancia de continuar o saqueo que dende Castela comezaron os Reis Católicos (con aquela famosa “doma y castración del Reino de Galicia” por teren apoiado os dereitos da outra Xoana, “la Beltraneja”) e que agora segue firmando a súa filla, Xoana, alcumada “la Loca”.
Entre os muros do seu convento, as monxas chaman á rebelión. Unha rebelión que dan por perdida pero que Quico Cadaval aproveita para falar dunha comunidade feminina utópica, acaso inspirada nos traballos de Hildegarda de Bingen ou Hroswitha de Gandersheim, na que as regras do mundo exterior están un tanto suspendidas e a irmandade e a sororidade teñen visos de realidade.
Mais evidentemente, o poder é o poder e non deixa de chamar á porta.
Catro monxas interpretadas con soltura por Belén Constenla (a Madre Abadesa), Rebeca Montero (a sor máis vella do lugar), Patricia Vázquez e Rocío González (a noviza). Cada unha delas compón unha personaxe ben identificábel mais con matices abondo para poder diferencialas do estereotipo. Fóra do convento, a parella formada por Melania Cruz e Víctor Mosqueira como os campesiños que traballan para o convento, cunha construción de personaxes máis cómica e corporalmente achegada á Commedia dell’arte.
Xa que o conflito está evidentemente resolto e dentro do convento non aparecen maiores motivos dramáticos, as actrices aproveitan as súas liñas para amosar a riqueza psicolóxica das súas personaxes ou os vínculos entre elas.
Así a picardía da noviza, que aínda ten fresco o pé fóra do convento; a corporalidade e a importancia da memoria no papel da vella monxa (realmente, a única rebelde); a tenrura e as dotes cómicas da monxa interpretada por Vázquez; a imposición do rol da abadesa ou a frescura que achegan os campesiños.
Xa estamos acostumades, nas producións Excéntricas, a ver espazos escénicos que mudan cun só cambio de mobiliario, e así é tamén neste caso, no que os bancos non paran de moverse para recrear tanto o interior como o exterior do convento. Un espazo firmado man a man entre Cadaval e Laura Iturralde, responsábel tamén do deseño de iluminación.
O espazo sonoro, firmado por Piti Sanz, colle especial dimensión grazas á cantiga entoada polas monxas a modo de mantra ou aos pequenos intres trobadorescos que incorpora o personaxe de Mosqueira, sobre todo nas transicións.
Acaso As desterradas, máis que da devandita loita de poderes xa nomeada, pinte unha pasaxe, sendo esta unha paisaxe emocional: a dunha vida interior interrompida polas forzas inapelábeis da vida externa e do que cada quen decide facer, nese intre.