in , ,

A MIT de Ribadavia outorga o Premio de Honra 2025 a Roberto Pascual

Para recoñecer “a fonda pegada que deixa no festival e no sector teatral”

Roberto Pascual Premio Rafael Dieste
Roberto Pascual. Imaxe de A. Iglesias

A 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, organizada polo Concello de Ribadavia, e baixo a nova dirección formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, vén de anunciar hoxe que o Premio de Honra 2025 do festival recae en Roberto Pascual.

Roberto Pascual foi director da MIT de Ribadavia dende o 2009 (tralo falecemento en outubro de 2008 de Rubén García) ata 2024; “unha importante etapa na que soubo facer da Mostra un evento de referencia tanto para a profesión e a cultura galega como para a escena internacional”, segundo se destacou na concesión do Premio. “Nestes anos a MIT avanzou e situouse entre os máis prestixiosos festivais de teatro, en diálogo con compañías, redes e circuítos escénicos de primeiro nivel; á vez que mantivo o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador e renovador dos seus inicios históricos, alimentando o valor da cultura como piar esencial para a cidadanía”, destacaron tamén sobre o seu traballo á fronte do festival.

O Premio de Honra da MIT instaurouse no ano 2000 co obxectivo de “recoñecer publicamente a colectivos ou persoas notoriamente responsables do progreso e do bo labor nas artes escénicas galegas, contribuíndo á modernización e democratización social e cultural”. É por iso que dende a nova dirección da artística queren recoñecer a “fonda pegada” que deixa Pascual “tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia”; así como “o seu compromiso coas artes escénicas e coa cultura galegas”.

O premiado

Dende a MIT puxeron en valor tamén o labor de Roberto Pascual alén do seu cargo como director artístico do festival entre os anos 2009 e 2024. “Actual vicedirector da ESAD de Galicia, Roberto Pascual é tamén membro do Consello da Cultura Galega, na sección de Xestión e Políticas Culturais. Doutor en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou Filoloxía Galega e tamén o posgrao en Arte Dramática. Como divulgador cultural, colabora para varios medios. Como dramaturgo, destaca a súa peza Sophie non é o meu nome de guerra, coa que obtivo o XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais 2021 da Deputación da Coruña. Ten traballado en equipos artísticos como tradutor ou dramaturgo para varias compañías teatrais como ButacaZero, Teatro Oficina do Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, CDG, etc. Formou parte de diversas comisións e asesorías institucionais. É autor de diversos libros e artigos sobre as artes escénicas. O seu traballo na xestión cultural mereceu diversos recoñecementos, como o Premio Arenteira de Cultura 2017 na súa terra natal, O Carballiño”, destacaron.

Ademais, Roberto Pascual forma parte tamén do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro. 

A entrega

A entrega do Premio de Honra terá lugar o venres 18 de xullo ás 20 horas, durante o acto inaugural desta 41ª edición. Será un dos momentos especiais da Mostra, que quere “recoñecer e celebrar así a transición na dirección artística”, para dar paso a esta nova edición, que ten como lema o de “Escenas en tránsito”.

A edición

Dende a MIT lembran que esta edición “apostará pola contemporaneidade, a diversidade, as prácticas comunitarias, a mirada feminista e os formatos híbridos”, e cuxa programación conta con 23 espectáculos (incluídas 7 estreas en Galicia), 5 obradoiros, 3 residencias artísticas e máis de 10 actividades paralelas.

Dentro desta, alén da presenza galega, presentará tamén compañías destacadas do ámbito estatal (Cris Blanco, Societat Doctor Alonso, Los Torreznos, Mal Pelo ou La Phármaco, entre outras)  internacional, con artistas procedentes de Portugal (Circolando, Patrícia Portela), Italia (Parini Secondo) e Brasil (Mari Paula). Dende a MIT lembran que se desenvolverán máis de 40 actividades que abordarán cuestións como “a memoria histórica e o seu vínculo coas historias íntimas e persoais, a identidade e o cuestionamento das fronteiras, a saúde, a disidencia, a ecoloxía ou o pensamento crítico”. A tres días do inicio da edición, continúa aberta a venda de entradas individuais, tras pechar con récord de vendas de abonos, segundo informaron dende a organización do festival.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Há Qualquer Coisa Prestes a Acontecer'. Foto: José Caldeira.

Há Qualquer Coisa Prestes a Acontecer

Presentación do cartel da 34ª edición do FIOT

O FIOT de Carballo dá a coñecer as datas da súa 34ª edición