O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte, coa colaboración do Concello de Carballo, vén de anunciar que celebrará a súa 34ª edición do 25 de setembro ao 1 de novembro de 2025. Regresará un ano máis ás salas, ás rúas e a espazos singulares da vila e contará coa presenza de recoñecidas figuras das artes escénicas como Paula Carballeira, José L. Prieto ou María Galiana, entre moitas outras, como vén tamén de adiantar.
Foi no Bosque do Añón de Carballo onde o festival presentou onte as datas e o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como leitmotiv “para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da contemporaneidade”. O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT, Alberto Sueiro; e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez Cotelo. Nel aproveitaron tamén para desvelar os primeiros nomes da programación: os espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, da compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú, con dirección de Paula Carballeira; e a estrea en Galicia de Yo soy quiero irme a Francia, de Contraproducións, peza firmada e dirixida por Elisabeth Larena e protagonizada por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
Programa completo
A principios do mes de setembro, o FIOT presentará o programa completo da súa 34ª edición, con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.
“Raíz viva, memoria colectiva”
Co leitmotiv desta nova edición, “raíz viva, memoria colectiva”, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, convida “a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe; sempre cunha mirada contemporánea cara ao presente e ao futuro”; para explorar “esa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica”.
Sobre os espectáculos
Berenguela na gaiola
Galeatro e Xarope Tulú, en coprodución co FIOT, farán a estrea absoluta desta montaxe dentro do Fiotiño, o sábado 27 de setembro. Esta montaxe para público familiar, que conta con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira, gañou a cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A obra sitúa a acción nunha residencia da terceira idade, onde tres anciás deciden representar, a través do teatro, o que non lles deixan facer na realidade: ser libres. E, para isto, deciden representar a peza Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María.
Territorio regueifa
Ainé Producións, en coprodución co FIOT, desenvolverá o sábado 2 de outubro a estrea absoluta desta peza, dentro do programa de sala do festival. Trátase dun espectáculo que pretende achegar ao gran público o mundo da regueifa. Trátase dun proxecto inédito en Galicia, que mestura o traballo dalgúns dos grandes divulgadores desta manifestación artística, convertidos en protagonistas da peza, co de profesionais das artes escénicas do país. José L. Prieto é o autor e director da montaxe, que protagonizarán Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira.
A posta en escena busca “amosar a vixencia e a adaptación da regueifa á sociedade do século XXI, tanto nas temáticas, agora moito máis diversas, como na forma, coa incorporación de diferentes estilos e melodías. E, todo isto, sen esquecer xamais o espírito festivo e humorístico deste xénero artístico desde as súas orixes, que mestura como poucos o teatro, a música, o humor e a improvisación”..
Yo solo quiero irme a Francia
Contraproducións estreará esta peza en Galicia o sábado 25 de outubro, despois da súa estrea absoluta no Teatro Palacio Valdés de Avilés o día 16 de outubro, e farao dentro do programa de sala do festival carballés. Trátase dun espectáculo asinado e dirixido por Elisabeth Larena, actriz, dramaturga e directora, que debuta na dirección de escena tras unha sólida traxectoria como intérprete; e protagonizado por María Galiana. Xunto a ela, subiranse ás táboas as intérpretes Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
Sinopse
“Inés asiste ao velorio de Pilar, quen decide deixarlle a súa casa en herdanza sen tela coñecido nunca e sen avisar a Leo, a súa neta. Xuntas descubrirán un pasado que descoñecían, abrindo vellas feridas familiares que se remontan á infancia da propia Pilar durante os últimos meses da Guerra Civil e á súa mocidade na Sección Feminina.
Canto pesan as herdanzas emocionais, esas que ninguén reclama, pero que fan sufrir a varias xeracións? Sobre as táboas veremos catro mulleres de diferentes xeracións que buscan ese lugar que tanto anhelan e imaxinan. “Algunhas chamámolo liberdade. Outras chamárono Francia”, apuntou a autora e directora Elisabeth Larena sobre a peza”.



