Tiven a oportunidade de asistir a unha función de É difícil fotografar o baleiro do Colectivo D’Elas o día 25 de abril, na programación de Vigocultura no Auditorio Municipal de Vigo.
Pódese dicir moito desta peza, pero comecemos dicindo que é un espectáculo de danza contemporánea que somerxe o espectador nunha viaxe sensorial a través do movemento, a iluminación e a música.
É imposible fotografar o baleiro fai unha aposta clara pola sensación. O traballo busca tocar a pel, non atravesala, pero iso non quita que deixe impacto, xa que as imaxes que se xeran na escena permiten ao público entrar nun transo estético. Chégase a isto grazas ao virtuosismo das bailarinas; seis en total, e todas teñen unha singularidade e expresividade moi propias. Atopamos moita delicadeza nos movementos de Andrea Castro e Myriam González, forza en Noelia Mato e Eloy García, e sensibilidade en Martín Sanjurjo e Iria Casal.
O traballo de iluminación de Nacho Martín Rivas está á altura do corpo de baile. A luz non só acompaña a coreografía danzando con esta. É outro intérprete que nos descobre ou oculta cousas, e que converte cada unha das secuencias nunha pintura de Caravaggio. O espazo sonoro non queda atrás, xa que a fusión entre o canto gregoriano e a música techno, feita por Bruno Baw e LLXNTO, participa da beleza escénica e dota o espectáculo dunha personalidade moi propia.
En conclusión, É imposible fotografar o baleiro, non só é unha peza de danza, vai máis aló e tórnase nunha experiencia que ficará na superficie da nosa pel moito tempo despois de levantarnos da butaca.
- Domingo no teatro da man do Gorrilla - 21/11/2025
- Costa da morte, cartografía dun naufraxio - 05/08/2025
- As desterradas - 29/07/2025


