in

Entre o National Theatre e The Old Vic

Foto: Afonso Becerra.
Foto: Afonso Becerra.

Volvo ás Illas Británicas para mellorar o idioma, porque as linguas hai que traballalas, igual que se traballa a horta, o corpo ou o teatro, organismos todos eles – teatro, lingua, corpo ou horta – que o mesmo que se forman se deforman, porque son organismos vivos e a ciencia infusa non existe. Non existe, como mínimo, desde que Eva e Adán foron expulsados do Paraíso.

Para min o paraíso son as artes escénicas, cando o obxecto artístico é un organismo vivo, coidado e cultivado como unha horta ou un xardín.

Escribo desde o meu cuarto nunha residencia de estudantes en Oxford. O eterno estudante ten diante da xanela árbores autóctonas e, do outro lado da rúa, un prado con herba perfecta. Hoxe domingo xa entendín mellor esa perfección ao ver que, en vez de vacas pacendo, hai xogadores de golf. Mentres vexo as súas cerimonias penso na dose de teatro de case seis horas que me administrei onte, sábado, en Londres, con dous espectáculos. En sesión matinal, ás dúas e media da tarde, Girl From the North Country en The Old Vic Theatre, con texto e dirección de Conor McPherson e temas musicais de Bob Dylan. Ás sete e media Nye, na sala Lawrence Olivier do National Theatre, con texto de Tim Price e escenificación de Rufus Norris, anterior director artístico desta institución que, desde esta primavera, está en mans de Indhu Rubasingham, prestixiosa directora británica de orixes hindús.

Teatros cheos até a bandeira, con moi poucos billetes dispoñibles malia o seu prezo elevado. Espectáculos con todas as funcións “sold out”. Eu quería ver a nova peza de Suzie Miller, titulada Inter Alia, un exame da masculinidade e a maternidade a través da figura dunha xuíza na cima da súa carreira, pero ten todo vendido até mediados de setembro, que é cando rematan as funcións. Minto, queda algún billete que anda polas cen libras en dous días de agosto e un de setembro, sendo a capacidade da sala de case 900 persoas.

As engrenaxes da máquina teatral funcionan a pleno rendemento. Pode percibirse que o sector dos espectáculos é un dos principais atractivos de Londres e unha máquina de facer cartos. Formatos maioritariamente convencionais, dentro dos canons do teatro dramático que representa historias e personaxes, realizados brillantemente a todos os niveis, para satisfacer os padais máis exixentes. E, por suposto, os famosos musicais do West End.

Velaquí os dous exemplos que vin este sábado 19 de xullo de 2025.

Girl From the North Country está ambientada na década de 1930, nunha pensión dunha pequena cidade de Minnesota pola época da Grande Depresión. Aí imos asistir aos encontros dos personaxes locais e doutros que están de paso, coas historias que traen consigo e as que van darse diante dos nosos ollos.

Encantoume a forma na que o estilo da narración oral se amalgama con escenas realistas e musicais, sen caer nos manierismos máis convencionais do teatro musical. A integración dos músicos no escenario e os propios actores tocando e cantando contribúe a afondar nos personaxes e nas relacións que se establecen entre eles. Isto permite a esta comunidade representar e sintetizar calquera comunidade humana, nun contexto histórico adverso de precariedade.

Voces marabillosas! Temas musicais fermosos, con esa mestura de folk, blues, rock, gospel e country. Dúas funcións o sábado con todo vendido e o público en pé.

O outro exemplo pode ser Nye, protagonizada por Michael Sheen, Sharon Small e Jason Hughes, nos papeis principais, aínda que a obra é fundamentalmente coral. Case dúas horas e media de desfrute grazas ás escenas dinámicas, que recrean a vida de Aneurin “Nye” Bevan (1897-1960), político do Partido Laborista galés, responsable da creación do Servizo Nacional de Saúde británico.

A obra de Tim Price sintetiza os mellores datos históricos e biográficos para estimular a nosa cooperación emocional e ideolóxica, espertando a nosa conciencia da importancia dun sistema de benestar social.

Dende a cama do hospital, nos últimos momentos da vida de Nye, sedado con morfina, asistimos a unha viaxe alucinatoria dende a súa infancia, na industria mineira, ata o seu papel como ministro de Sanidade e Vivenda.

A creativa posta en escena sorpréndenos cunha combinación de cortinas e mobles, semellantes aos que se atopan nas habitacións dos hospitais, recreando con ritmo cómico as escenas na escola, nas profundidades da mina, na Cámara dos Comúns, en oficinas gobernamentais, en grandes asembleas…

A coreografía e todas as transformacións do elenco, xunto co carisma de Michael Sheen, garanten que esta historia nos produza entusiasmo.

Sala chea, cunha capacidade para 1100 persoas, que aplauden en pé.

Saio do teatro impresionado, non só polo que vin enriba do escenario, senón tamén por toda a infraestrutura material, económica e humana que hai ao seu redor. E, sobre todo, comprobando que todo iso non é ningún gasto, senón un investimento que a sociedade británica, inzada de diversidade, así como as persoas que estamos de visita, apoiamos e do formamos parte.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

É difícil fotografar o baleiro foto de Rocío Cibes

É difícil fotografar o baleiro

Un deus salvaxe Talía Teatro

A Rede Galega de Teatros e Auditorios inicia a súa nova programación