As dúas funcións de hoxe pecharán a 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. A primeira comezará ás 20:00 horas no Auditorio ‘Manuel María’ da Casa da Cultura, coa posta en escena de Spooky, unha proposta da creadora María Jurado que mestura “performance, estética trash e códigos do cine de suspense para construír un espazo teatral onde a incerteza, o humor e a deconstrución do individuo dialogan en tempo real co público”.
Nesta peza, “dúas intérpretes fabrican ante os ollos do público unha trama fragmentada e feita a man, nun escenario que se transforma en metáfora dun cerebro cheo de imaxes, patróns e crenzas que conforman o que somos. A campá de cristal da nosa identidade aparente ráchase pouco a pouco para revelar, con ironía e tensión, a tortuosidade do noso interior”; subliñan dende a MIT.
O peche da Mostra chegará ás 23:00 horas no Auditorio Rubén García do Castelo coa compañía de danza contemporánea Malpelo. A súa proposta Bach, interpretada por María Muñoz, ofrece “un estudo profundo da relación entre movemento, respiración, ritmo e musicalidade, a partir dunha selección de preludios e fugas d’ O clavecín ben temperado de Johann Sebastian Bach”.
“A peza, que alterna momentos de danza en directo con silencios cheos de memoria corporal, convértese nunha meditación escénica sobre o tempo, a presenza e a beleza, combinando o rigor técnico coa emoción depurada dun corpo que fala. O diálogo entre a intérprete e a música en directo, presente nesta nova versión do solo, engade vitalidade e improvisación a unha obra de enorme potencia sensorial”, destacan dende o festival.
Esta noite dará fin a oito días de programación nos que a MIT quixo consolidar a súa aposta pola diversidade de linguaxes e a creación contemporánea. Desde que o xoves 17 de xullo arrancara a preMIT coa estrea da obra Memoria dun tempo, da compañía local Teatro do Vilar, ata as dúas funcións de hoxe, Ribadavia acollerá un total de 23 representacións teatrais e 35 actividades, entre funcións, obradoiros, foros e accións abertas á comunidade.
Por Ribadavia pasaron nestes días numerosas compañías e artistas da escena galega, estatal e internacional, como Los Torreznos, Societat Doctor Alonso, Disiden.cia, Ártika Cía, Cris Blanco, Chévere, A Volátil, Patrícia Portela, Mari Paula, Mar Navarro, Teresa Lorenzo, Fantoches Baj, Furia Sotelo, La Guajira, Pistacatro, Kolektiv Lapso Cirk, Ibuprofeno Teatro, Roi Borrallas, Parini Secondo, Circolando CRL – Central Eléctrica, Ítaca Teatro, Luz Arcas / La Phármaco, María Jurado e Malpelo.
Pero esta edición da Mostra quixo ser tamén unha celebración do territorio e da comunidade. Non só ocupou os espazos emblemáticos da vila, como o Auditorio do Castelo, a Igrexa da Madalena, a Praza de Abastos ou o Museo Etnolóxico, senón que expandiu o teatro ás parroquias do rural: San Cristovo, A Franqueirán, A Veronza, Francelos, San Paio ou Santo André. A nova dirección da MIT, formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, quixo poñer no centro da súa programación centro a idea de que o teatro “debe chegar a todos os recunchos e ser vivido por toda a veciñanza”.
Nesta Mostra entregáronse tamén recoñecementos de prestixio como o Premio de Honra da MIT, outorgado ao seu exdirector Roberto Pascual; o Premio da Academia Galega do Teatro, concedido a Xulio Lago; e a 20ª edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, que recaeu no texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González.



