in

Artes vivas e pobos vivos: 20 anos do Premio Abrente

Acto de celebración dos 20 anos do Premio Abrente
Acto de celebración do 20º aniversario do Premio Abrente. Foto: Rosiña Rojo.

A gañadora da XX edición do Premio Abrente, convocado pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Isa Fernández, rematou a súa intervención no acto de recollida do premio reivindicando o futuro das artes vivas e dos pobos vivos. Fascinoume o que dixo esta nova dramaturga de orixe leonesa e que abraza a nosa lingua para crear e actuar, primeiro coa Gentalha do Pichel e a súa nova compañía ALOMAIS teatro e agora para compor un texto que seguirá a prender na chama daquel movemento afouto e ansioso de luz e liberdade que se chamou Agrupación Cultural Abrente co seu Concurso de Obras Teatrais en Galego dos anos 70.

Fascinoume a claridade e contundencia do discurso dunha persoa que considera a súa obra froito da procura do lugar que un quere habitar, coñecer, compartir, froito tamén da escola privilexiada dun festival-encontro, dun festival-escola, dun festival-pobo. Espectadora da MIT dende hai anos, Isa Fernández vén a ser símbolo da implicación colectiva das moitas mans que traballan polos pobos vivos, resistentes, persistentes, a contracorrente de moitas dinámicas da voráxine dos días que seguen á procura da novidade impactante e relumbrante. A autora chega con calma a recoller un froito confeccionado con tempo e consciencia, estudo e repouso, mostrándonos a súa vulnerabilidade e inseguridades nunha arte que non está exenta da carreira individualista e consumista dos nosos tempos, por todos lados. Di sentirse unha intrusa e o Abrente entrégalle esa chama que moita xente moza quixo prender en todas as voces intrusas, para que ninguén sinta que non pertence nin pode nomearse como autora nunha casa-teatro que acolle, que sitúa e acompaña dende os ideais de identidade cultural, liberdade e intervención respectuosa para o cambio.

Acto de celebración dos 20 anos do Premio Abrente
Acto de celebración do 20º aniversario do Premio Abrente. Foto de Rosiña Rojo.

No acto organizado dentro da 41ª edición da MIT, que vén de rematar, Isa Fernández recordounos o sentido de todo o esforzo, primeiro asociativo, despois profesional, para construír fluxos, correntes subterráneas, palcos visibles e de diálogo, coleccións como a que puxemos en marcha en 2009 coa editorial Difusora. Foron 17 títulos de autoras e autores premiados e unha tradución da primeira coprodución do festival, Na Meta, de Thomas Bernhard. Unha colección que permanece xa coma un fito na historia da edición galega, un proxecto que se fixo con todo o sentido, coa intención clara da dedicación necesaria para que un pequeno acto, aínda que inadvertido, discreto, sexa unha acción con eco e con resonancia, como tan ben explicou o seu responsable editorial e alma cómplice, Xosé Lois Vázquez, Che. A colección mudará a outro selo editorial e non podemos máis que honrar e agradecer a implicación constante e poderosa, a voz clara ante o ruído, que foi Difusora para a dramaturxia galega contemporánea. Difusora pecha. Pecha nun país incapaz de soster ben o peso dos afectos. Fica no olimpo esa roseira, o digno lugar en que habitan as escenas de Roberto Salgueiro, Alberto Ramos, Antonio Yáñez, Nerea Brey, Carlos Losada, Ana Abad de Larriva, Manuel Lourenzo, Ernesto Is, Vanesa Sotelo, Marcos Abalde, Fran Godón, José Luis Baños de Cos, Esther F. Carrodeguas, Avelina Pérez, Xandra Táboas e Roi Vidal Ponte.

Accións non como réplica, nin como movemento espasmódico, accións comunitarias, xestos de coidado ao propio, intención de relato e camiño propio, convite ao (re)encontro. Así foi o acto que se celebrou na Igrexa da Madalena e no que participaron persoas vinculadas co teatro e coa música nos ámbitos afeccionado e asociativo en Ribadavia, dirixidas pola actriz Rosa Puga. As capas dos libros nas paredes de pedra e a escolma de autoras nas voces da comunidade que abraza. Chegamos de fóra a un lugar preparado para que nos conmova, onde queremos atopar calidade artística e tamén humana, como nos recordou a autora que abrirá unha nova etapa nestas escenas en tránsito, como di o lema escollido polas directoras Sabela Mendoza e Gena Baamonde para esta edición de 2025. “Porque é precioso ver teatro no Principal en Compostela, pero vivir o teatro en Ribadavia ou poder facer teatro nunha escoliña rural é conectar coa vida”, afirma a autora d’O miradoiro, título do texto gañador desta última edición. E que sorte podermos conectar coa vida rachando barreiras, rachando imposibles, rompendo dificultades, aplanando o terreo das ameazas, desexando construír as vías posibles cara a dignidade sempre.

O acto da 20 edición do Abrente foi un espazo de divulgación necesario tamén, do que supuxo Abrente para o presente e do que supuxo Abrente para o teatro. Estes lugares de convivencia interxeracional son diálogos sempre inacabados, poderosos. Luisa, Isolina e Pepe contáronnos sobre a súa aventura nun tempo de estigma e medo, moitas dúbidas e claras certezas, ás que hoxe non deberiamos renunciar. Con obxectivos ás veces diferentes aos que persegue a profesión teatral galega, Abrente aínda nos pode facer pensar en moitas oportunidades para mellorar o noso sector (ou a nosa vida, como indica Isa Fernández). Aliarnos máis e mellor co territorio, cos colectivos amadores, co ámbito escolar, con todas as voces honestas que nos poidan alentar e alertar, que nos afasten da precariedade e das feblezas (auto)impostas nos oficios culturais e teatrais máis de 40 anos despois. Porque como dicimos no prólogo d’Os servizos prestados, o texto escrito por Alberto Ramos e premiado no Abrente de 2024, “Que sucede nos pequenos negocios, nos proxectos a pequena escala onde a implicación e a entrega poden derivar en cronificación da debilidade? Acaso poida estar falando (a obra de Alberto Ramos) do teatro, esa grandísima ilusión, esas pequenas empresas que transforman ideas e transmiten latexos, esa épica e esa retórica das pequenas industrias que tanta (auto)explotación e precariedade deixan polo camiño da paixón e as horas de traballo abnegado sen descanso nin reparos…”

Acto de celebración do 20º aniversario do Premio Abrente
Acto de celebración do 20º aniversario do Premio Abrente. Foto de Rosiña Rojo.

Estivemos en Ribadavia, acompañando, observando, reivindicando, desfrutando, abrazando o novo, recordando o Abrente, soñando cun país mellor, denunciando que a neutralidade ideolóxica é un oxímoron e que é preciso seguir coidando con forza espazos de liberdade de creación coma este, onde poidamos facer resoar todas as voces, dende as de fóra ata as máis cercanas, as que denuncian o xenocidio en Gaza ou a manipulación e censura máis preto de nós, as que rescatan, as que devolven a memoria, constrúen a distopía, o riso, a ironía, a festa, o facho, a vida. A VIDA.

Roberto Pascual

Roberto Pascual

Roberto Pascual

É o actual vicedirector da ESAD de Galicia e foi director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia entre os anos 2009 e 2024. É tamén membro do Consello da Cultura Galega, na sección de Xestión e Políticas Culturais, e no ámbito creativo e investigador publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación. Doutor en Estudos da Literatura e da Cultura pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou Filoloxía Galega e tamén o posgrao en Arte Dramática. Como divulgador cultural, colabora para varios medios. Como dramaturgo, obtivo o XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais 2021 da Deputación da Coruña coa súa peza 'Sophie non é o meu nome de guerra'. É membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

espectáculo hit out

A MIT de Ribadavia clausura a súa 41ª edición

"As desterradas", de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe de Sabela Eiriz.

As desterradas