Non hai nada máis sinxelo que non dicir nada e permanecer escondidos debaixo dun montón de palabras.
Se a escena se desenvolve sen compromiso entón non é nada, por moitas cousas que se fagan. É a covarde satisfacción do ego. A proxección do eu dende o medo só nos leva a un lugar tan desprovisto de vida como un deserto lunar. E a lúa está ben para activar preguntas pero non para vivir nela.
Imaxinemos agora unha enorme estancia dun palacete dunha cidade centroeuropea. No interior, un círculo dalgo máis de trinta cadeiras reunindo un grupo de persoas. Pode haber alí estudantes de moitos países diferentes, mestres, aprendices… Todo un ecosistema didáctico sobre o teatro.
Trátase dunha convivencia de varios días sobre a commedia dell’arte que chega ao seu final. Polo camiño quedan varios espectáculos fabulosos, leccións de grandes mestres, exercicios, cervexas ata o amencer e a consolidación da commediacoma un vínculo humano e artístico fundamental.
A xente fala, reflexiona, agradece e propón. Fanse plans a futuro e búscase a maneira de manter vivo o contacto. Hai paz.
Case corenta persoas de moi diferentes realidades en paz, no centro dun continente en fragmentación. E por iso hai que establecer unha liña ética que nos manteña a flote no futuro que está por vir.
Ás veces se nos perde o evidente. Máis alá das reflexións sobre o que é o teatro ou o que implica a commedia dell’artehoxe en día, necesitamos establecer unha postura ética intransixente, un lugar que non admita negociacións nin matices.
É fundamental a elaboración dun discurso artístico claro, porque iso é definitorio para establecernos como persoas no mundo. A realidade é demasiado permanente como para pretender construírnos socialmente á marxe.
Vivimos tempos onde a violencia atopa a posibilidade de manifestarse de moitas formas diferentes. E sen descanso. Por iso hai que contestar sempre.
O teatro é a nosa arma contra todas estas violencias. Todas as historias significan, todos os xestos contan. Non perder de vista que o político o atravesa todo é fundamental para poder descansar tranquilos. O goce non pode ser máis importante que a nosa humanidade. Hai que gañalo.
Hai ocasións nas que resulta enormemente difícil saber se as decisións están ben tomadas. Especialmente se andas polos trinta e poucos e o teu discurso artístico aínda está en proceso. Máis en principio, se unha cervexa vai acompañada dunha conversa desas que te levan de paseo polos límites das ideas, pode ser sinónimo de que algo foi polo lugar bo.
Co tempo as conversas adquiren un valor cada vez máis profundo. Pode que, nunha determinada etapa, chegue coa tolería e a risa branda. Pero logo fai falta un pouco de pouso para sentir que merece a pena seguir nese lugar. Pido non perder a arte de construír esas conversas que flúen dun lugar a outro e non rematan en ningún sitio concreto. Aí é onde se establecen as conexión que nos salvan.
Ante o avance do mal, só podemos loitar por facer o correcto, dicir o que haxa que dicir e ter moi claro que non estamos sos. As nosas diferentes historias son, precisamente, as que nos conectan.
Ata a vitoria do teatro.
- Cando era El Zorro - 30/11/2025
- As IAs non coñecen as estacións - 26/10/2025
- Ética, inspiración e cervexa de media noite - 03/08/2025



