O máis prolífico e premiado dramaturgo e figura pioneira, central e fundamental do teatro galego, Manuel Lourenzo, vén de falecer na Coruña aos 82 anos de idade, deixando unha fondísima pegada persoal e profesional no eido da cultura galega.
Lourenzo, nado en Ferreira do Valadouro no ano 1943, desenvolveu unha prolífica traxectoria como actor (non só de teatro senón tamén no eido audiovisual), director, tradutor e impulsor de numerosas iniciativas culturais e teatrais, alén de como autor dramático.
Polo seu labor como escritor e director teatral recibiu numerosos recoñecementos ao longo da súa prolífica traxectoria Entre outros, recibiu o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática, en 1997 (por Veladas indecentes); o Pedrón de Ouro, no ano 2001; o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas, no ano 2008; o Premio Álvaro Cunqueiro, en dúas ocasións (por Flores de Dunsinane, que tamén recibe o Premio de Teatro AELG, e por Suite Artabria), o Maruxa Villanueva ou o Otero Pedrayo. Ademais, en 2017, foi recoñecido como Profesor Honoris Causa pola ESAD de Galicia. En 2018 recibiu o Facho de Ouro 2018, premio que entrega a Agrupación Cultural coruñesa O Facho, e no ano 2024 Premio da Cultura Galega da Letras, ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela en 2025.
Xogou tamén un papel esencial no impulso das artes escénicas en Galicia como fundador de compañías, escolas e proxectos teatrais fundamentais para as artes escénicas galegas, como o Grupo de Teatro O Facho, creado na Coruña xunto con Francisco Pillado, que marcou o inicio do Teatro Independente Galego; o Grupo de Teatro Circo, que logo desembocou na fundación da Escola Dramática Galega, impulsora tamén dos Cadernos da Escola Dramática Galega; a Compañía Teatral Luís Seoane, o Clube de Teatro Elsinor ou a escola, revista e compañía Casahamlet.
Elaborou diversos estudos historiográficos como O teatro galego, Antoloxía do teatro
galego e Dicionario do teatro galego (as tres en colaboración con Francisco Pillado Mayor, ou o manual titulado Pensar co corpo.
Escribiu máis de 300 obras, a maioría de teatro e todas en galego, entre as que se atopan Romería ás covas do demo, Tres irmás parvas, Cróneca do sol de inverno, Erros e ferros de Pedro
Madruga, Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, Edén, Viva
Lanzarote, A noite dourada de Mimí da Cora, Fedra, Nosferatu, Xoana, Defensa
de Helena, A paixón de Brenda Moore, Adeus Madelón, Electra, Liturxia de Tebas,
Magnetismo, Veladas indecentes, O circo da medianoite, Últimas faíscas de setembro,
Lionel.O malestar do benestar ou Insomnes.
Ademais, participou en preto de 200 espectáculos, como autor, tradutor, dramaturgo, director e/ou autor.
- O FIOT estrea ‘Territorio Regueifa’ - 21/01/2026
- Vigocultura dá a coñecer a súa nova programación - 16/01/2026
- Carlota Mosquera estrea ‘Ninguén tira fotos nos enterros’ - 15/01/2026



