O Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, que celebrará a súa 34ª edición entre o 25 de setembro ao 31 de outubro deste ano, presentou onte o seu programa completo. Este incluirá 45 espectáculos, dos cales 11 serán estreas absolutas, 11 serán estreas en Galicia e 2 serán coproducións do propio festival.
Durante cinco semanas o FIOT encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro. Serán propostas abertas a diferentes públicos e en diversos formatos, procedentes de 3 países (España, Bélxica, Arxentina) e 9 comunidades autónomas do Estado (Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco), e complementaranse cunha vintena de accións de mediación.
As funcións encadraranse dentro das liñas de programación habituais do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, e a maiores o FIOT acollerá 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Entradas
As entradas para a Rúa dos Contos deste #FIOT34 estarán dispoñibles a partir do 12 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas para o resto de funcións do Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta e FIOTiño a partir do 19 de setembro na plataforma en liña Ataquilla.com
Presentación oficial
O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolleu onte pola tarde, a partir das 19.30 horas, a presentación oficial desta edición do FIOT, que ten como leitmotiv “Raíz viva, memoria colectiva”, para “poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade”. Durante o acto tivo lugar a representación do espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza Un baile ceibe, con entrada aberta e de balde para todos os públicos.
Na presentación participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; e o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo, que estiveron acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo e medios de comunicación.

Propostas para todos os públicos
Segundo explicaron, “no #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–”. Nel, “moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso de Matres ou Farra”.
Programa de sala
Os pratos fortes do menú teatral do FIOT, segundo destacaron tamén, serviranse no Programa de Sala:
Improvisación, humor, música, teatro e o espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total, Territorio Regueifa, de Aine Producións, coproducido polo FIOt e que será a peza encargada de abrir o Programa de sala o venres 3 e o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.
O venres 10 de outubro, tamén no pazo da Cultura, chegaralle a súa quenda a Adolescencia infinita. “A través do humor, da ironía e da tenrura, música en directo e moita hormona adolescente, enerxía de festa, gritos e choros, Pont Flotant –Premio do Público do FIOT en 2022 co seu espectáculo Eclipse– pon o foco neste proceso vital cheo de luces e sombras”, subliñan.
O sábado 11 de outubro, chegará ao FIOT por primeira vez a compañía Campi Qui Pugui para presentar a súa creación Matres. “Actores, máscaras e bonecos crean un mundo máxico para contar unha fermosa historia sobre a maternidade e a infancia, a vida e a perda, a enfermidade e a norte, desde a ollada tenra dun neno que intenta comprender”, salientaron.
Na seguinte semana, dez anos despois da súa anterior visita ao FIOT, o arxentino Gabriel Chamé Buendia “volve reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa”, con Medida por medida, que o público do FIOT poderá ver o venres 17 de outubro no Pazo da Cultura.
O día seguinte, o sábado 18, chegará “un dos espectáculos imprescindibles da programación deste 2025”, Un sublime error, de Needcompany; “una poética celebración da vida da man de dous sublimes artistas”: o director Jan Lauwers e o actor Gonzalo Cunill.
Xa o domingo 19, o FIOT propón “unirse á Farra e que públicos de todas as idades gocen co espírito de experimentación e co risco do artista multidisciplinar Lucas Escobedo, que se aliou coa Compañía Nacional de Teatro Clásico para fundir o circo, o teatro, a música en directo e o humor co verso e a tradición barroca”, un traballo que foi recoñecido co Max ao Mellor Espectáculo Musical 2025.
Pola súa banda, o venres 24 de outubro chegará a Carballo outra das creación máis celebradas da pasada temporada en España,14.4, na que o director e dramaturgo Sergio Peris-Mencheta, en colaboración con Juan Diego Botto, “constrúen un relato de migración, soños e supervivencia, cunha linguaxe sobria e realista, pero á vez lírica e poética, que encollerá o corazón”.
En Yo solo quiero irme a Francia, programada para o sábado 25 de outubro, no Auditorio do Pazo da Cultura, “catro mulleres de diferentes xeracións buscan ese lugar que tanto anhelan: a liberdade”. O espectáculo está protagonizado por María Galiana, e forman tamén parte do elenco Nieves de Medina, Alicia Armenteros e a galega Ledicia Sola. Esta función inicia a xira deste novo proxecto de Contraproducións.
Por último, para botar o pano do Programa de Sala, o venres 31 de outubro representarase Vulcano. “Con moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal, a peza é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa copro-dución do Centro Dramático Nacional”, destacan. Na anterior edición do FIOT, o Premio do público recaeu no espectáculo Casting Lear e a renovadora linguaxe escénica de Andrea Jiménez, quen agora regresa para pechar o programa da nova edición do festival.
Outras liñas de programación
Haberá moitas máis propostas tamén dentro das outras liñas de programación do festival. No OTNI e no Teatro de Rúa, haberá espazo para as linguaxes híbridas, a cargo de Xampatito Pato, Chicharrón Circo Flamenco, El Patio Teatro, Cía. CAÍ, Pistacatro, GANSO & Cía ou Paula Quintas. Ademais, regresará o humor á Rúa dos Contos do FIOT, con Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez, Bea Campos, Joaquín Pajarón ou Alex O’Dogherty, entre moitos outros nomes. Haberá tamén propostas de rúa para público familiar con acrobacias, música e teatro físico e non faltarán tampouco as creacións de microteatro para espazos non convencionais do xa tradicional e pioneiro Certame Micro-escenas M2, ademais dunha vintena de actividades de mediación no programa En paralelo do FIOT.
Así mesmo, a velada do sábado 11 de outubro terá lugar a entrega da Xograresa de Outono do FIOT, que este ano recaeu en Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. Neste 2025, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar a actriz, dramaturga e directora, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”.
Consulta aquí a programación completa do FIOT



