in ,

A serie clopen

Circo trepidante e marcadamente contemporáneo

A serie clopen
'A serie clopen'. Fonte: CDG.

O Centro Dramático Galego dá un gran paso adiante na inclusión do circo nas súas propostas de produción propia da man de Pablo Reboleiro, “Trasno”, na dirección de A Serie Clopen, 90 minutos de circo trepidante e marcadamente contemporáneo. O título da obra fai referencia á noción matemática de conxuntos clopen, que son á vez pechados (closed) e abertos (‘open’). Na teoría de conxuntos, un conxunto clopen simboliza a idea de fronteiras difusas, transicións e estados simultáneos, unha metáfora perfecta para a adolescencia hiperconectada da protagonista.

Xa no 2018 levouse a cabo unha primeira coprodución do CDG na que o circo pisaba as táboas do Salón Teatro, xunto con Pistacatro, versionando a Méndez Ferrín en Arnoia Arnoia, con dirección de Quico Cadaval. Mais desta volta para o CDG o salto é sen rede, cunha creación propia que constrúe a súa dramaturxia sobre a técnica e as linguaxes propias do circo, sen perder de vista o contido e o argumento. Reboleiro e Clara Gayo distribúen nos distintos capítulos nos que se conta esta historia números aéreos para falar da liberdade, monólogos sobre conceptos matemáticos que se visualizan nos aparellos circenses e dinámicas nas que as pallasas nos fan partícipes como público da banalidade do mal.

Inés Santos é Alicia, tataraneta terceira daquela creada polo tamén matemático (coma Reboleiro) Lewis Carroll, que neste caso non viaxa a través do espello senón da pantalla do móbil. A actriz debe transitar entre a vida doméstica desta adolescente e a súa viaxe aos infernos inferiores das redes e da machoesfera, nun traballo físico e actoral destacable. Marta Alonso colabora no traballo de movemento destes corpos conmovedores que transitan nas realidades dixitais. Nesa viaxe tamén atopa as súas propias Tweedledum e Tweedledee en estado de graza: Natalia Pajarito, sendo o coello rosa aquel que Hitler roubara e que, por desgraza, rematou formando parte das SS, e Marián Bañobre, celebrando a festa do café para todos nunha danza macabra de sombreireira tola. Dúas caras da mesma moeda cómica, un Yin estúpido para un Yang idiota que abren e pechan e abren e pechan sen darse de conta de que están no mesmo sitio malia que se sintan tan lonxe, sendo unha metáfora da polarización na que xa estamos acostumándonos a vivir.

Todo o elenco participa das técnicas circenses, non sendo estas relegadas a meros engadidos estéticos ou interludios plásticos, senón que conforman unha parte substancial da peza. Nos aéreos destacan Johanna Hesse e Raquel Oitavén, cuxo traballo está literalmente sostido polo resto do elenco, que fai a labor de contrapeso ou counterbalance, exemplificando ante o público que non podemos vivir uns sen os outros se queremos ser capaces de voar. Hai que recalcar a gran responsabilidade e concentración que atesouran os membros do elenco que se han de posicionar no extremo do polipasto, co peso da vida dos seus compañeiros nas súas costas. Durante o espectáculo podemos desfrutar de números con aparellos máis tradicionais coma o trapecio ou o aro, tamén denominado lira, pero tamén de elementos menos vistos, que non vistosos, coma a danza vertical co elenco colgado de arneses ou dunha roda Cyr abducida do seu elemento natural, que é o chan, para elevarse nas alturas, posto que o risco no circo non é só físico senón tamén creativo.

Luz García tamén voa e mostra as súas habilidades na acrobacia de chan, acrobacia a dúo e en grupo e na Roda Cyr tradicional, pero sempre a recordaremos polo seu ASMR, unha imaxe que acompañará o público unha vez vista a obra. E Guillermo Solo, o único integrante masculino deste elenco coral, sostén as súas compañeiras como portor e mostra as súas capacidades actorais encarnando o pai da protagonista e dando vida —e que vida— a un chatbot cantareiro que fai malabares cos nosos datos persoais, multiplicándose de maneira fractal para responder a todas as necesidades e desexos da persoa usuaria, nunha peza escrita e composta por Jose Díaz (ex voadora) e musicada por Xosé Lois.

O veterano Carlos Alonso asistido por Neme Vázquez veste os actores, que efectúan todos varios cambios ao longo da obra, encarnando a varias personaxes, coa caracterización e maquillaxe efectuada por Erea Pérez e Paula Quintas. Destacan na posta en escena as proxeccións de vídeo creadas in situ e que interactúan cos actores: impresionante o “momento scroll” na pantalla do móbil e hilarante o desenvolvemento da conspiranoia sueca a través dos Playmobil. Tamén a escenografía modular, creación de José Faro e Laura Iturralde, que permite xerar distintos espazos ao longo da obra con gran versatilidade. Laura Iturralde deseña a iluminación e xera a videoescena na que as distintas dimensións das realidades dixitais xogan co espello deformado, colaborando neste eido Marcos PTT,  na que se conxuga o aspecto dixital coa animación máis artesanal, o stop-motion.

Remata o espectáculo coa emoción por todo o alto apoiado pola música de Pink Floyd invitándonos a poñérmonos no lugar do outro, nun final apoteósico a unha aposta musical atrevida durante toda a peza grazas a Xosé Lois Romero como compositor e creador e o espazo sonoro de Marcos Ptt, que tamén asistiu na dirección a Pablo Reboleiro. A imaxe final da obra ten sabor a película xuvenil dos 80, a aventura e a esperanza.

O público sairá da sala impactado, divertido e convencido de que o circo non só pertence ao toldo, nin só á rúa, senón tamén ás táboas de calquera escenario. Esta é unha aposta para todos os públicos —non exclusivamente infantil—, na que as persoas adultas teñen tanto ou máis que desfrutar e descubrir que as crianzas. O que sucede nesta nova produción do CDG debe ser visto de primeira man, porque as palabras non alcanzan para resumilo.

Este espectáculo está adaptado para persoas con discapacidade auditiva, grazas á colaboración de Culturactiva, implementando medidas de accesibilidade como a interpretación en Lingua de Signos (da man de Chusa Pérez), a audiodescrición e subtítulos, e a adaptación do programa de man a Lectura Fácil, apostando pola inclusión de todas as persoas á hora de desfrutar das producións do CDG.

Malala Ricoy
Latest posts by Malala Ricoy (see all)

A serie clopen, do CDG

Dirección de escena: Pablo Reboleiro

Dramaturxia: Pablo Reboleiro e Clara Gayo

Elenco: Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo

Iluminación e videoescena: Laura Iturralde

Escenografía: José Faro e Laura Iturralde

Caracterización e maquillaxe: Paula Quintas e Erea Pérez

Vestiario: Carlos Alonso

Movemento escénico e coreografía: Marta Alonso Tejada

Asistencia de dirección e espazo sonoro: Marcos Ptt

Asistencia de circo: José Expósito

Música orixinal: Xosé Lois Romero

Asistencia de produción: Santi Romay

Salón Teatro. Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2025. Estrea. 

Malala Ricoy

Malala Ricoy

(A Coruña, 1985) Pallasa en Patty Diphusa e artista de Circo en Cirkompacto. Formadora en Técnicas Aéreas de Circo. Creadora escénica e audiovisual. Vicepresidenta da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia e co-directora do festival de Clown e Novo Circo Manicómicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto da obra Castelao, un corazón á intemperie

Castelao, un corazón á intemperie

Imaxe da web de Santiago Catalán.

Vinte anos da Esadg