in

Súper obxectivo: esa mesa

Imaxe de Javier Zhang
Imaxe de Javier Zhang

Que o mundo non faga de ti unha mala persoa.

Só quero escribir este artigo na mesa do bar, cunha cervexa ben fría na man e rodeado de compañeiros e amigos. Só quero ir preguntándolles a cada un como están e escoitar as historias que teñen que contar.

Quero que na mesa haxa copas baleiras, restos de comida, algunha cousa pegañenta na madeira e un montón de ruído de moita xente falando á vez. Ser un pouco molestos e que nos miren de esguello.

Quero saber que plans teñen os demais para o verán. Que digan que o que se decida non pode quedar nunha idea de bar e que sexa verdade.

Entre todo o caos, quero que imaxinemos que o futuro é posible porque xa non ten forma de furacán, que o presente está perfecto e que o pasado importa o xusto.

Quero que cantemos cancións de hai vinte anos e saber regular algunhas estrofas.

Quero que todo pareza o final dunha película de Nadal dos noventa e que soe Can’t take my eyes off you e ter dez razóns para amar anotadas nunha lista.

Quero pensar que o ano foi longo só para chegar aquí.

Quero mirar cara atrás sen lamentar o que non foi e os plans que non saíron.

Quero pensar que xa ninguén volve a casa completamente só logo dunha función. Agora, por fin, o teatro é tamén algo así como unha familia.

Quero que os erros se poidan falar e que ninguén sexa o único responsable de nada.

Quero que o quixotesco sexa o día a día, que polas noites haxa festa e durmamos tranquilos.

Quero que fagamos as nosas propias máscaras, que lle deamos forma á madeira e que pola radio sempre soe a mesma canción.

Que o vestiario non cheire demasiado mal, que cosamos os pantalóns e que as capas sempre sexan difíciles de levar.

Quero que nunca máis apareza alguén só para facer a función, ou que desprece un bolo por non ser nunha gran cidade, ou nun gran teatro ou para pouca xente.

Quero que cheguen á nosa mesa algúns amigos máis e que suba a música nun “rif” repetitivo e acumulativo, que se pida outra ronda e rock and roll!

Quero que nos saquen unha foto en branco e negro e que logo a penduren da parede do bar cunhas letras escritas abaixo e que digan: “aquí pasou isto”.

Quería que o teatro fora isto ou nada.

E sabedes que?

Foi.

Son os anos bos.

Que o mundo non faga de ti unha mala persoa.

Pablo Carrera Simón
Latest posts by Pablo Carrera Simón (see all)

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vacanal Sinfónica Foto de Sol Álvarez

O grupo De Vacas estrea ‘Vacanal Sinfónica’ en Santiago

'IRIBARNE'. Imaxe de Geraldine Leloutre.

ButacaZero despide ‘IRIBARNE’