“A temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura”, foron os argumentos esgrimidos polo xurado do I Premio Castelao de Textos Teatrais para elixir como gañadora a peza do dramaturgo Jose Luis Baños de Cos titulada Khora. A peza, que está ambientada na cidade de Vigo, levaba por lema “O espazo que habito”.
O certame, impulsado pola Deputación, convocara a súa primeira edición co obxectivo de “poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas”, e, segundo expresou o propio presidente da Deputación, Luis López, “foi un completo éxito de participación”, ao presentarse a el un total de 43 obras. O Premio está dotado con doce mil euros e leva consigo a publicación do texto.
“Naceu cunha tripla finalidade. En primeiro lugar, para a protección, promoción e difusión da lingua galega e da nosa cultura. Tamén, como un novo instrumento de apoio ao sector da cultura, concretamente do teatro, ao que xa estamos a impulsar tamén co primeiro circuíto provincial de artes escénicas, +Escénicas. E, en terceiro lugar, enmarcámolo nos actos de conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Castelao. Un fito que terá neste 2026 o seu broche de ouro, coa exposición por primeira vez na provincia, no Museo, da “Derradeira lección do Mestre” logo da viaxe a Arxentina do vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado de Cultura, Jorge Cubela; e máis eu para pechar a súa cesión”, engadiu o mandatario provincial, que deu tamén a coñecer que o Premio terá continuidade este ano, “pois xa están en marcha os preparativos para a segunda edición”.



