A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de dar a coñecer que son un total de 45 espectáculos e preto de 400 profesionais os que concorren aos 30º Premios de Teatro María Casares. O proceso de inscrición finalizou o pasado 8 de xaneiro, e as candidaturas presentadas compiten nalgunha ou en varias das dezaseis categorías nas que se dividen os Premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, dirección de movemento, espectáculo, espectáculo de monicreques e espectáculo infantil.
Tras a fase de inscrición, a AAAG iniciou xa a primeira rolda de votacións, aberta a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas, e que se desenvolverá ata o 24 de febreiro ás 12.00 horas. Ademais do corpo asociativo da AAAG, votarán persoas responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das dezaseis categorías.
A entrega celebrarase o vindeiro 8 de abril no Teatro Rosalía Castro. Ese día entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade polo seu traballo a prol das artes escénicas, e lerase o Manifesto Galego da AAAG no Día Mundial do Teatro.
Os galardóns son organizados anualmente pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa fundación en 1997, coa colaboración habitual de institucións e entidades como son a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE, a Fundación AISGE ou Gadis.




