No pasado mes de xaneiro de 2026 a madrileña Alba González e a galega Ana Erdozain anunciaban o lanzamento da súa compañía Corpo Liminal, nome co que confirman ou formalizan o que viña sendo unha colaboración habitual entre elas, dúas creadoras e intérpretes que levan anos traballando xuntas en proxectos de danza tanto colectivos como individuais. Tal e como explican Alba e Ana: “A compañía Corpo Liminal sacámola á luz agora, pero levamos colaborando desde 2016, primeiro en traballos de autoría individual e sendo parte do proceso cun ou varios roles e nas tres penúltimas creacións sendo cocreacións (Las Doradas, Solastalgia e Centro de Giro). As últimas creacións da compañía, Ábrego e Cuerpo Acumulado, son de novo de autoría individual”.
Só un mes antes de facer público o novo nome da compañía, Alba González asinaba a estrea dese Ábrego, un quinteto de danza contemporánea no que reúne en escena, ademais da súa colaboradora habitual, o galego Fran Martínez, a canaria Dácil González (Premio Nacional de Danza 2019) e a aragonesa Laura L. Muñoz, xunto coa propia Alba. Un elenco destacado no ámbito da danza contemporánea que presentaba unha peza poética e marcadamente coreográfica na Sala Cuarta Pared de Madrid os días 8 e 9 de decembro de 2025. Falei con ela con motivo desta estrea, e do seu sincero interese por xerar intercambio e relación co contexto da danza en Galicia.
[SABELA MENDOZA] ÁBREGO preséntase como un quinteto de danza contemporánea “que explora a tensión entre a raíz e o vento, como metáforas do que nos sostén e do que nos transforma”. En que momento aparece esta imaxe e que necesidade, pulsión ou pregunta inicial a pon en movemento?
[ALBA GONZÁLEZ]. A orixe vén dunha situación persoal, na que necesitaba “aire”, demasiada información arredor, todo demasiado cargado e a sensación de non poder avanzar ou arrincar acompañábanme, e ese aire cada vez estaba máis presente. Comecei a indagar nos diferentes ventos que existían, na súa simboloxía, nos seus significados, e pouco a pouco foise construíndo ese imaxinario, no que aparecía o corpo vinculado a forzas que non dependen só da vontade, á transformación constante e ao difuso.
Hai algo dos estados liminais que me atrae moito, poder observar as cousas cando aínda non son. En contrapunto pero como apoio aparecía a idea de raíz, de pousos, o tanxible dentro de todo ese imaxinario máis abstracto. A raíz como memoria, os recordos propios.
Tiña a necesidade de abrir un espazo onde outro tempo fose posible, onde poder observar, como cando observas a natureza, sen recreala pero si invocándoa. A necesidade de baleirar e a necesidade de acariñar.
Falas da obra como un ritual colectivo, un espazo de tránsito, un limiar. Que significa para ti pensar a escena desde o ritual hoxe?
Pensar a escena desde o ritual, para min ten que ver con crear e permitir un tempo diferente ao que ten a vida cotiá. Ten que ver coa idea de observar, co feito de que as cousas sucedan, de que os corpos atravesen xuntos unha experiencia; neste caso a da transformación.
Ten que ver co desexo de estar a soster algo; todxs, sostendo o común.
En concreto, inspireime para esta obra en Victor Turner e nos seus escritos sobre os ritos de paso e a liminalidade. Ábrego é un rito de paso en moitos sentidos e especialmente fai zoom nese momento do entre, cando non se é o anterior, nin tampouco o que será.
A peza é marcadamente coreográfica, no sentido de que a danza –os seus pasos, cadencias, transicións, escenas, relacións entre corpos, etc.– presenta unha partitura clara e traballada, precisa. Á vez, teño a sensación de que a peza se recibe como un espazo de goce, no sentido de que os corpos están atentos á partitura pero á vez parecen ‘deixarse ir’ nunha deriva de repeticións, sincronías, transmisións de pesos… Que estados e formas che interesaba investigar e como se traducen na relación entre os corpos en escena?
A peza efectivamente é moi coreográfica, pero sempre entendo a partitura como un trazado no que o corpo é libre ao habitalo. Na peza van sucedéndose diferentes ambientes e momentos, como diferentes ventos; uns levan a outros; varios conviven en diferentes lugares ou direccións, e outras veces é o mesmo tipo de vento o que nos move e transforma por igual.
Durante o proceso de construción da fisicalidade da peza e de creación do material coreográfico, traballamos desde a observación de elementos da natureza. Buscamos a forma de transcribir isto nos corpos, para que o material da peza evocase a natureza. Segundo avanzaba o proceso nese mover constante, aparecían sempre o equilibrio, o apoio, o peso, o sostén e a fricción; calidades quizais máis inspiradas por ese outro concepto, a raíz. Isto provocaba un cambio de dinámicas, de relacións e corpos, con respecto ao que se xeraba ao traballar co aire. Unha dicotomía de corpos definidos e sólidos, fronte aos máis difusos e ondulantes.
Traballamos tamén a nivel espacial, sobre mapas de vento, para xerar estruturas e direccións nos materiais e rematar de construír así a partitura coreográfica e espacial do traballo.
Falemos do proceso. Como se articulou o traballo colectivo co resto do equipo? Que sorpresas xurdiron durante a creación? Que renuncias?
O traballo e proceso de creación foi un auténtico goce, por iso supoño que se transmite no traballo final, esa liberdade que antes dicías. O equipo que forma Ábrego está moi elixido, non só desde a parte artística e a calidade como intérpretes (que tamén), senón pola parte persoal de cada unhx delxs. Neste traballo xs intérpretes funcionamos como un organismo e por iso era necesario xerar desde un compartir e desde o grupal.
As sorpresas xurdiron case cada día, foi unha marabilla ver como calidades ou imaxes que se cociñaran inicialmente no meu corpo e cabeza, se habitaban e transformaban desde outros corpos, enriquecéndoas e construíndoas.
Outra gran sorpresa foi a aparición do vestiario, ver que funcionaba, o efecto que producía e como modificaba o movemento e o material foi incrible.
Renuncias diría que non houbo, para min foron variacións ou adaptacións. Creo que todo o proceso en si foi unha transformación. Segundo a peza avanzaba e se ía construíndo, había materiais que non se mantiñan dentro; outros que pedían un cambio cara a algunha dirección e novos elementos que aparecían como unha necesidade dentro do crebacabezas que iamos construíndo.
O único que podería sinalar como renuncia foron cousas materiais, á marxe do proceso creativo, ás que non puidemos acceder debido ao orzamento dispoñible.
Existen outros materiais importantes en Ábrego. O vestiario, desenvolvido desde LACCIA, e a súa relación coa arxila que produce un desprendemento, un “ir deixando pegada” e unha imaxe de algo que se desgasta, ou que parece nebuloso: que capas simbólicas aparecen para ti neste traballo coa materia?
A forma na que creamos Ana Erdozain e eu desde Corpo Liminal, sempre foi desde unha perspectiva multidisciplinar. As nosas creacións integran o movemento con outras linguaxes como o son, o vestiario, o texto e o audiovisual, entendidos non como acompañamento, senón como elementos activos dentro do proceso e da dramaturxia.
En Ábrego era importante non só traballar a transformación nos corpos e nos materiais coreográficos, senón tamén provocar unha transformación espacial que sucedese durante toda a obra. O vestiario á súa vez queriamos que fose dalgunha forma unha extensión do corpo e que modificase tamén o movemento e non pensalo só como algo estético independente.
Pensando que materiais poderían funcionar pensamos na arxila, xa que se conectaba co concepto da raíz e coa memoria xerando os pousos e sedimentos que deixamos ao noso paso, como un regueiro de recordos e vivencias. Este material ademais era un elemento orgánico vivo que de novo nos conectaba cos elementos da natureza activos na creación.
A transformación do espazo escénico producía unha atmosfera onírica sen posibilidade de conexión co cotián, polo que era difícil situar onde están estas persoas e iso permitíanos crear aínda máis ese espazo liminal desde o que traballamos.
A composición sonora de 33Hz actúa como un elemento dramatúrxico máis. Como se construíu o diálogo entre son e movemento, e que lugar ocupa a escoita dentro do proceso creativo?
Do mesmo xeito que o vestiario, o son é clave nas nosas creacións, non só como acompañamento, senón como unha paisaxe que xera o contexto das obras. Neste caso foise creando á par que se creaba Ábrego, retroalimentando a escena e a coreografía co sonoro e viceversa.
O son para nós é un intérprete máis, non é algo engadido que toma protagonismo senón algo que se constrúe co corpo, co movemento e coa escena acompañándoo e creando en conxunto durante toda a viaxe.
Neste caso ademais ao traballar a memoria no proceso creativo, introducimos en dous momentos da obra dúas cancións cantaruxadas por Laura M. López e por Fran Martínez, como dous recordos que se mesturan xunto cos que aparecen no texto que se proxecta.
Como creadora cunha traxectoria ampla, que lugar ocupa ÁBREGO dentro do teu percorrido artístico?
Ábrego é un desexo que tiña de crear con máis corpos; normalmente somos Ana e eu por orzamento, pero esta vez soñamos en grande e lanzámonos a materializar este proxecto. Dentro do meu percorrido artístico, sinto que Ábrego foi e é un punto de inflexión, no que medrei, no que decidín apostar, parar a pensar, observar, compartir e continuar.
Como foi a recepción na estrea, e que cuestións te formulas tras esa primeira apertura pública? Como te atopas como artista e que lle pides ao contexto?
A estrea foi axustada como todas as estreas, pero foi preciosa. Sempre me parece un momento especial e fráxil cando todo ese traballo xerado nun estudo, por fin se ve acompañado dos demais elementos que o compoñen e recibe esa ollada do público que remata de completalo. A recepción do traballo foi moi bonita; os feedbacks foron moi na liña do que propoñiamos, compartíronnos varias veces a necesidade do tempo sostido que propón a obra, e como esta frecuencia baixa o ritmo ao que estamos sometidos e permite que se afinen os sentidos para poder contemplar en profundidade.
En relación ao creativo, ese primeiro compartir co público e esas primeiras viaxes dentro da obra abren novas portas e preguntas que seguen transformando o traballo para futuras representacións, afinando calidades, tempos, transicións e incluso cambiando ou non materiais. É moi importante que as pezas non se estreen un só día para que os traballos poidan asentarse e medrar, e para que xs intérpretes tamén o poidan facer.
Con respecto a: “Como te atopas como artista e que lle pides ao contexto?”, é sinxelo e creo que básico.
Ao contexto pídolle que sexa lóxico e amable; que non poña limitacións de programación por temática, idade, procedencia ou calquera outra categoría; que permita que as obras se mostren, porque ese é o obxectivo das mesmas: compartirse e comunicar coa audiencia; que se ofreza o sostén que todas as compañías e creadoras necesitamos para non desaparecer, e que as programacións non se convertan en fast food pedindo estreas sempre. Haberá que favorecer unha ecoloxía de traballos, na que se ofrezan máis representacións, para que as creacións poidan habitarse e desenvolverse.
Como artista, exíxome coidar o equipo que me acompaña en cada traballo, ofrecer sempre condicións claras e xustas, crear cando o necesito e coa ilusión de iniciar proxectos, respectando sempre a profesión.
Cal é a túa relación con Galicia e co contexto e a comunidade da danza galega?
A nosa relación con Galicia vén a través de Ana Erdozain, quen viviu ata os sete anos en Ferrol. Sempre fomos de forma continuada e desde hai un tempo sentiamos a necesidade de construír un pouco máis alá e, sobre todo, de que Ana puidese achegarse ás súas raíces e recoñecelas de novo.
Por este motivo, actualmente a nosa residencia repártese entre Madrid e Ferrol. En relación co contexto e a comunidade galega, cada vez imos coñecéndoo máis, e a nosa intención é seguir construíndo a nosa rede aquí, coñecendo belísimas persoas e proxectos necesarios e interesantes como os que hai.
Residencias como Atopémonos Bailando, xestionada polo Colectivo Glovo, ou as que ofrece o Colectivo RPM, foron un grande apoio para o noso traballo nos últimos anos e permitíronnos coñecer máis a fondo a rede da danza en Galicia.
Ficha artística de Ábrego
Dirección: Alba González
Asistente de dirección: Ana Erdozain
Intérpretes: Ana Erdozain, Dácil González, Alba González, Laura L. Muñoz, Fran Martínez
Música: 33 Hz (Ana Erdozain & Alba González)
Vídeos: Alba González
Texto: Ana Erdozain
Vestiario: Laccia
Iluminación: Pilar Duque
- Entrevista a Alba González - 22/02/2026
- Balfour Reparations - 03/02/2026
- Mortais e vulnerables - 23/11/2022


