in

Refuxio Creativo abre a 3ª convocatoria de Residencias Artísticas Ana Mendieta

En León, nun centro de acollida para persoas refuxiadas

Ánxela Blanco (dinamizadora sociocultural e impulsora do programa), o cineasta Marcos Roddie (artista residente da segunda convocatoria) e Abdul Karamoko (residente de La Fontana)
Ánxela Blanco (dinamizadora sociocultural e impulsora do programa), o cineasta Marcos Roddie (artista residente da segunda convocatoria) e Abdul Karamoko (residente de La Fontana)

Localizado no barrio de Armunia, en León, La Fontana é un centro do Programa de Protección Internacional de San Juan de Dios onde viven persoas refuxiadas ou solicitantes de asilo mentres regularizan a súa situación e reconstrúen a súa vida. “Atendemos a persoas que foxen de conflitos, persecución ou violencia, incluídas aquelas perseguidas pola súa orientación sexual”, recollen dende o centro arredor do seu labor. Nese contexto —no corazón dun recurso de acollida— desenvólvese dende hai un par de anos un proxecto moi excepcional que conecta a atención social a persoas refuxiadas coas prácticas artísticas e a intervención cultural sociocomunitaria:  Refuxio Creativo, un programa de residencias artísticas impulsado pola galega Ánxela Blanco (creadora, bailarina e dinamizadora sociocomunitaria de La Fontana), que acaba de abrir a súa terceira convocatoria. O programa vén de ser seleccionado nos apoios que outorga a Convocatoria de Proyectos Sociales Castilla y León 2025 de Fundación “la Caixa”.

Refuxio Creativo ofrece a artistas de distintas disciplinas, incluídas as artes escénicas, a posibilidade de crear convivindo durante dez días nun centro para persoas refuxiadas. Partindo do convencemento de que a cultura é un dereito fundamental e unha ferramenta para a inclusión social e a convivencia pacífica, o programa diríxese en especial a artistas que traballan desde perspectivas sociais e abordan temas vinculados aos procesos migratorios.

“Buscamos derrubar muros —físicos e imaxinarios— achegando a comunidade ao noso centro e facendo que La Fontana forme parte activa do territorio que a acolle. Refuxio Creativo busca impulsar investigacións sensibles. Necesitamos alegría, sabedoría colectiva e creatividade nesta tarefa titánica e complexa de acompañar a quen chega e tamén a quen recibe, e para iso poñemos á disposición os medios ao noso alcance”, explican arredor dos obxectivos do proxecto.

Un teatro dentro dun centro de acollida

La Fontana conta cun teatro de 146 butacas, ademais doutros espazos de convivencia e un xardín exterior. Ese dato, en si mesmo, resulta excepcional: un escenario integrado nun centro de acollida onde tamén hai asesoría xurídica, acompañamento psicolóxico, clases de idioma ou apoio á inserción laboral.

O programa a contou cunha edición piloto en 2023, coa residencia da compañía Disiden.Cia, que desenvolveu obradoiros con menores do centro, abordando cuestións de xénero e identidade, e realizou unha mostra aberta. En 2024 celebrouse a primeira edición oficial do Programa Refuxio Creativo, coa I convocatoria de Residencias Artísticas, recibindo á bailarina e creadora Ana Beatriz Pérez (Cía. La Guajira), quen levou a cabo obradoiros de danza e unha mostra aberta de ‘Anfibia’ acompañada dun coloquio no que mulleres refuxiadas compartiron as súas experiencias. En 2025, o artista residente seleccionado foi o cineasta Marcos Roddie.

Prazo e bases

O pasado 17 de febreiro Refuxio Creativo abriu o prazo de presentación de solicitudes para a súa III edición de Residencias Artísticas Ana Mendieta. O prazo para presentar propostas está aberto ata o 30 de marzo. A resolución farase pública o 10 de abril e a residencia poderá desenvolverse ata o 30 de outubro de 2026.

A residencia inclúe:

  • 10 días de estadía en pensión completa no propio centro.
  • Acceso ilimitado ao teatro (9 m de boca, 4 m de fondo e 3,5 m de altura).
  • Dotación económica de 1.650 € (impostos incluídos).
  • Ata 450 € para desprazamento.
  • Participación de ata 4 persoas por proxecto.

As artistas seleccionadas comprométense a dedicar o tempo de residencia ao desenvolvemento do proxecto e a formular unha proposta de intervención coa comunidade. O xurado está composto por unha persoa solicitante de asilo, unha traballadora do programa, unha antiga artista residente, a dinamizadora sociocomunitaria, unha persoa do barrio e unha integrante do equipo de comunicación.

Para creadoras das artes escénicas que buscan procesos situados, en diálogo coa realidade social e coa convivencia, Refuxio Creativo propón algo pouco habitual: crear nun centro de acollida, co tempo, o espazo e a mediación necesarios para que a arte sexa tamén encontro.

Podes consultar e descargar aquí as bases da convocatoria. 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Afonso Becerra.

Como estar no teatro sen mirar para o teléfono?