Un total de 17 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer onte pola tarde en Santiago de Compostela durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Chus Álvarez, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, e Belén Yáñez, representante da SGAE, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O espectáculo Reconversión, de Ibuprofeno Teatro acadou once finalistas (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actor protagonista, actor secundario por partida dupla, actriz secundaria, texto orixinal, espazo sonoro, iluminación e espazo escénico). Pola súa banda, A serie clopen, do Centro Dramático Galego, aspira a levar o premio en dez categorías (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, texto orixinal, espazo sonoro, iluminación, espazo escénico, vestiario e maquillaxe.
O terceiro espectáculo que acapara maior número de finalistas é TROMSØ, de Morraoconto, que opta o galardón en sete categorías (espectáculo, dirección, dirección de movemento, espazo sonoro, iluminación, espazo escénico e vestiario). Estes tres espectáculos serán os que compitan polos premios ao mellor espectáculo, á mellor dirección e á mellor dirección de movemento nesta trixésima edición.
Un deus salvaxe, de Talía Teatro, opta a catro galardóns (actriz protagonista, adaptación-tradución, espazo escénico e maquillaxe) mentres que Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro, pelexará por tres premios (actriz protagonista, actriz secundaria e texto orixinal).
Alta costura, de Elefante Elegante, compite como finalista en dúas categorías (actriz secundaria e vestiario), como tamén o fai Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú (adaptación-tradución e espectáculo infantil), e O libro da selva, o musical, de Ártika Cía (maquillaxe e espectáculo infantil).
Outras nove obras competirán como finalistas nalgunha categoría: Bibopalula.O espectáculo, de Ainé (mellor espectáculo infantil); Un tal Romeo, de aRamboia (actor protagonista); Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatráis Excéntricas (actor secundario), Mala vida e pior morte de Ricardo III, tamén de Excéntricas (actor protagonista), Coa cabeza nas nubes, de SÖA (espectáculo infantil); A metamorfose, de Sarabela Teatro (adaptación-tradución); A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina (espectáculo de monicreques); Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj (espectáculo de monicreques), e Gabinete Mirabilia, de Pablísimo (espectáculo de monicreques).
Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou Gadis.
Finalistas por montaxes
- Reconversión, de Ibuprofeno Teatro (11 finalistas): espectáculo, dirección (Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo), dirección de movemento (Armando Martén), actor protagonista (Santiago Cortegoso), actor secundario por partida dupla (César Goldi e Fran Lareu), actriz secundaria (Cristina Collazo), texto orixinal (Santiago Cortegoso), espazo sonoro (Alonso Caxade), iluminación (Carlos Álvarez-Ossorio) e espazo escénico (Pablo Giráldez O Pastor)
- A serie clopen, do Centro Dramático Galego (10 finalistas): espectáculo, dirección (Pablo Reboleiro), dirección de movemento (Marta Alonso Tejada), actriz protagonista (Natalia Pajarito), texto orixinal (Clara Gayo e Pablo Reboleiro), espazo sonoro (Marcos PTT e Xosé Lois Romero), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Laura Iturralde e José Faro), vestiario (Carlos Alonso) e maquillaxe (Erea Pérez).
- TROMSØ, de Morraoconto, (7 finalistas): espectáculo, dirección (Rafa R. Martínez), dirección de movemento (Esther Latorre), espazo sonoro (Julia Ammerman e Lucía Iglesias), iluminación (José Faro Coti) espazo escénico (Rafa R. Martínez, Miguel Gendre, Lara Pouso e José Faro Coti) e vestiario (Rafa R. Martínez e Ana Gesto).
- Un deus salvaxe, de Talía Teatro (4 finalistas): actriz protagonista (Marta Lado), adaptación-tradución (Artur Trillo), espazo escénico (Dani Trillo) e maquillaxe (Martina Cambeiro).
- Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro (3 finalistas): actriz protagonista (Iria Pinheiro), actriz secundaria (Victoria Pérez) e texto orixinal (Iria Pinheiro).
- Alta costura, de Elefante Elegante, (2 finalistas): vestiario (Carolina Díguele) e actriz secundaria (Raquel Crespo).
- Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú (2 finalistas): adaptación-tradución (Paula Carballeira) e espectáculo infantil.
- O libro da selva, o musical, de Ártika Cía (2 finalistas): maquillaxe (Árika Cía) e espectáculo infantil.
- O espectáculo, de Ainé (1 finalista): espectáculo infantil.
- Un tal Romeo, de aRamboia (1 finalista): actor protagonista (Fran Lareu).
- Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatráis Excéntricas (1 finalista): actor secundario (Josito Porto).
- Mala vida e pior morte de Ricardo III, de Producións Teatráis Excéntricas (1 finalista): actor protagonista (Evaristo Calvo).
- A metamorfose, de Sarabela Teatro (1 finalista): adaptación-tradución (Carlos Álvarez-Ossorio).
- Coa cabeza nas nubes, de SÖA (1 finalista): espectáculo infantil.
- A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
- Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
- Gabinete Mirabilia, de Pablísimo (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.


