O teatro, ás veces, fainos o favor de poñernos diante das contradicións que máis procuramos agochar. Por exemplo, ese intento por reprimir os nosos impulsos e por manter o decoro e os bos modais en situacións difíciles ou comprometidas.
A dramaturga francesa Yasmina Reza ten a arte de conxugar, nos retratos que fai da clase media acomodada, o estupor e o humor perante esas fendas polas que asoma o que pretendemos agochar ou disimular para manter intacto o noso “estatus” e a nosa imaxe.
A súa obra Un deus salvaxe é un cumprido expoñente diso e anda de xira por Galicia, na versión de Talía Teatro. A escenificación dirixida por Artur Trillo convídanos a desfrutar co realismo fino desta comedia, que nos mostra o lado salvaxe dos matrimonios de clase media acomodada, a raíz da violencia dos seus infantes.
Temos dous nenos, un pegoulle ao outro cun pau e rompeulle un par de dentes. Os pais deste, a presunta vítima, Verónica e Miguel, interpretados por María Ordóñez e Dani Trillo, convidan a casa aos pais do presunto agresor, Ana e Alberto, interpretados por Marta Lado e Toño Casais, co fin de coñecérense, tratar o asunto e mirar de arranxar as cousas.
Talía Teatro representa a exitosa peza de Yasmina Reza reproducindo de xeito realista e primoroso o espazo, o salón burgués, e os personaxes individualizados, coidando a evolución dramática dese encontro para solucionar dun xeito civilizado o problema. Pero o devir do propio diálogo vai facendo que caian as máscaras do comportamento socialmente aceptable, para descubrirmos, con diversión non exenta de gravidade e abraio, como detrás do personaxe civilizado se acazapa a besta. Aí, por exemplo, asoma o machismo de Ana que, con varias copas demais, lle pide a Alberto que a protexa, cando Verónica lle lanza o bolso contra a parede, ou cando lle chama “mariquita” ao fillo desta; o “pasotismo” do home de negocios, encarnado por Alberto, que amosa un orgullo, ao principio encuberto, pola actitude guerreira do fillo; a complicidade masculina de Miguel, compadreando con Alberto, perante a complexidade sensible que formula Verónica, derivada da análise do acontecer; ou a intransixencia desta, que xa ten o veredicto desde o comezo, aínda que se amose dialogante.
Un deus salvaxe retrata a maternidade, a paternidade, a educación e o estilo de vida da clase media, nunha sociedade heteropatriarcal que quere dar a imaxe de civilidade e normalidade.
O espectáculo de Talía, dirixido por Artur Trillo, sabe equilibrar o ritmo de comedia co do drama, centrándose nunhas interpretacións moi ben matizadas e medidas, no que a axilidade na interacción verbal non impide as pausas dramáticas. Aproveitando, tamén, todas as interferencias que os propios personaxes provocan, nomeadamente as chamadas de teléfono que recibe Alberto, relativas aos seus negocios, e que rompen o equilibrio inestable deste encontro en moitos momentos.
Deste xeito, por un lado divertímonos e até rimos, non só pola crispación que os leva a situacións que raian o delirante, malia os seus continuos intentos por seren conciliadores, senón tamén por como se lles acaba vendo o plumeiro. E, por outro lado, ficamos estupefactos porque todo é tan crible e verosímil que nos podemos identificar e recoñecer niso de perder os papeis. E aí, claro, asoma o noso medo a perder o control en situacións similares como a que nos vén formulando esta obra.
Para máis inri, a resolución vai vir dun xiro de guión, ou mellor dito, dunha peripecia allea aos proxenitores, protagonizada polos seus fillos, que son uns nenos e que acaban por darnos unha lección de vida. Esta podería ser a luz ao final do túnel: as crianzas, o futuro.
- Un deus salvaxe - 06/03/2026
- Quando Vem a Taciturna de Limiar em Limiar O Presente Frágil - 04/03/2026
- Como estar no teatro sen mirar para o teléfono? - 01/03/2026


